
Porque no noso monte os escritores e as escritoras ollamos e vemos reflectido o transcorrer da nosa propia vida, quen fomos, que somos e cara onde imos, foi por isto que incorporamos ao noso himno nacional a súa arpada voz de ser vivo. É por iso que o defendemos coa palabra. Porque a saiba verde, o verde sangue do monte vizoso, ao longo da historia, nos construíu, alimentou e fixo cidadáns e cidadás libres.
Queremos un monte en que habite o carballo e faga o niño a rula e voe como un ventiño leve a vacaloura, un monte que nos axude a medrar e ser máis humanos. Queremos un mundo rural de novo habitado, onde o neno soñe nos soutos mundos fantásticos e o outono pouse a súa dourada luz nas secas follas, pois o seu abandono foi parello ao abandono da nosa lingua e á perda das nosas raíces culturais e á case que desaparición da nosa cultura de tradición oral.
Denunciamos os usos interesados e a manipulación criminal do monte, que alenta como un dos seres vivos máis antigos e grandes do planeta para regalía nosa.
Denunciamos o agravio amedrentador con que as tramas criminais que prenden lume nos asexan desde a covardía do antefaz das sombras da noite, da miseria humana que só busca facer o máximo dano posíbel, desestabilizar socialmente e coa máxima visibilidade publica.
Queremos mostrar o noso apoio á xente, ao noso pobo, que está
a ser sitiado de xeito criminal polo lume e que se está a defender mesmo coa propia vida. Sentímonos orgullosos do noso pobo, que se nega a ser derrotado, que non se sume na impotencia á que nos queren condenar. Quérennos derrotar hoxe para seguir a derrotar un devir de cidadáns libres na construción da nosa historia.
Denunciamos o egoísmo depredador de quen apenas valora o monte en números cadrados e redondos apoiados pola política forestal suicida do pasado, incapaz de mirar mais alá do beneficio económico inmediato.
Denunciamos a quen no pasado non acreditaron no medio rural e impediron a creación de industrias do agro e do gando propias, apoiando o abandono do medio rural.
Apoiamos as novas políticas preventivas. Apioamos as medidas cara unha nova planificación territorial, cara unha nova política forestal, cara á recuperación de condicións dignas para o noso medio rural, cara á incorporación dos mozos e mozas á actividade agrogandeira e forestal, así como a potenciación do carballo, do castiñeiro, da aciñeira, e o novo aproveitamento do toxo, da xesta, da carqueixa, da uz.
Apoiamos e apoiaremos sempre os medios de comunicación que dean unha imaxe de prestixio do noso medio rural cunha lingua e unha cultura de noso.
Queremos mandar mensaxes de apoio ás equipas que están a traballar até a extenuación e á nova administración galega que está a traballar honestamente.
Denunciamos a quen está a atacar infraestruturas estratéxicas creando un verdadeiro estado de sitio sobre poboacións e persoas.
Nun momento no que se quere derrotar a sociedade galega, no que se lle quere mandar a mensaxe de que lle retire o seu apoio ao novo goberno lexitimo de Galiza, denunciamos a quen, en situación tan dramática, quere sacar beneficios políticos facendo unha oposición desleal e fraudulenta.
Diante deste terrorismo criminal aplaudimos a unidade das galegas e dos galegos e situámonos ao seu carón como colectivo a prol da defensa do monte, con eles, que novamente demostran estar ao fronte dunha causa xusta: a causa da dignidade do noso pobo.
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.