
Celébrase o Día Internacional das Poboacións Indíxenas, establecido pola Organización de Nacións Unidas coa finalidade de que a comunidade internacional contribúa a garantir o benestar económico, social cultural e o desenvolvemento sostible destes colectivos.
Mediante esta celebración, fixada o 23 de decembro de 1994 pola Asemblea Xeral da ONU, preténdese dar maior relevo ás cuestións relativas ás sociedades indíxenas e contribuír a xerar oportunidades para que os gobernos, organizacións non gobernamentais e outros grupos de interese difundan e lembren a importancia dos pobos indíxenas e as súas respectivas culturas.
A Xunta de Galicia asume este compromiso e, dentro das súas actuacións a prol do desenvolvemento integral humano, está a colaborar na actualidade nun total de 11 proxectos centrados nas poboacións indíxenas en América e África, así como en actividades de difusión e sensibilización da situación na que están a vivir estes colectivos en todo o mundo. A Dirección Xeral de Cooperación Exterior destinou en 2005 preto de 567.000 euros para a actuación en materia de alfabetización, mellora das condicións de produción, organización comunitaria, sanidade e salubridade alimentaria de poboacións indíxenas en sete países.
Deste xeito, na actualidade se están a desenvolver 4 proxectos a prol do desenvolvemento das poboacións indíxenas en Bolivia, un en México, un en Ecuador, un en Marrocos, un en Namibia e dúas actuacións de formación e sensibilización en Galicia.
4 proxectos en Bolivia
En Bolivia, o Goberno galego está a participar nun proxecto de alfabetización e formación da poboación feminina rural na Comunidade de Yamparaez. En colaboración co Seminario Galego de Educación para a Paz, a Xunta de Galicia está a financiar a ampliación da residencia educativa para acadar unha maior capacitación de mozas de entre 10 e 19 anos.
A cooperación galega tamén está a contribuír á mellora das condicións de produción nas comunidades indíxenas do cordón leiteiro da provincia de Murillo mediante a construción de cortes, inmunización de animais, cursos de hixiene e muxido, semente de forraxes e cursos de formación sobre sanidade animal e produción de derivados lácteos. Esta actuación está a beneficiar a preto dun centenar de produtores lácteos e ás súas familias.
Así mesmo, a Administración autonómica participa no financiamento dunha actuación de desenvolvemento da xestión aimara no ámbito económico, produtivo e organizativo do municipio de Quime, no Departamento da Paz, e na formación para o fortalecemento da xestión municipal de Chulumani e Irupana, na provincia de Sub-Yungas.
México, Guatemala e Ecuador
No estado mexicano de Oaxaca a Dirección Xeral de Cooperación Exterior está a apoiar a construción dunha casa para estudantes indíxenas co obxectivo de achegar alternativas para que os mozos indíxenas continúen os seus estudos e tentar frear o fenómeno migratorio nas xeracións mozas da comunidade. O programa prevé a creación dun espazo integral de aloxamento, docencia e produción baseado na autoxestión na rexión de Tlaxiaco. Como actuacións complementarias, fomentarase a vinculación dos rapaces coas realidades das súas comunidades incluíndo na súa formación o recoñecemento e o respecto polo medio ambiente e a inclusión da muller na vida pública.
Outra das actuacións que o Goberno galego promove para mellorar o desenvolvemento integral das poboación indíxenas beneficia a 300 nenos e mozos guatemaltecos a través dun programa de dotación de bibliotecas para escolas rurais do departamento de San Marcos.
Paralelamente, a Xunta colabora con Manos Unidas e o Instituto de Ecoloxía e Desenvolvemento das Comunidades Andinas en Ecuador para mellorar os niveis de seguridade alimentaria e produción agrícola das familias campesiñas indíxenas de oito comunidades do cantón Cayambena. Froito deste traballo conxunto construíronse dous sistemas de rego por aspersión, recuperación do chan e produción agrícola para axudar a mellorar a calidade de vida de 617 familias desta rexión.
Marrocos e Namibia
Na zona do pequeno Atlas, en Marrocos, Galicia está a facilitar a construción dunha escola obradoiro de artesanía que ten como finalidade mellorar a situación socioeconómica da tribo idaousemlal. Preténdese incrementar o nivel educativo e formativo da poboación, acadar a diminución das diferenzas de xénero e evitar o despoboamento da zona debido á emigración. Preto de 12.000 persoas benefícianse desta iniciativa posta en marcha coa colaboración do sindicato Comisións Obreiras-Galicia.
En Namibia, desenvolveuse un programa de apoio á comunidade Aonin a través da formación e o ecoturismo en Walvis Bay. Esta iniciativa orientouse a unir a conservación de zonas naturais co desenvolvemento, dotando de capacidades reais á poboación para administrar os seus recursos naturais e promover a creación de actividades empresariais turísticas na zona mediante a formación profesional dos seus individuos.
Os Aonin, cuxo nome en afrikaans é Topnaar constitúen unha comunidade de preto de 3.000 persoas en Namibia. Na actualidade, a meirande parte deles sobreviven ao sur de Walvis Bay no deserto, totalmente dependentes da actividade da cidade e baixo risco de perder a súa cultura. A formación profesional que se lles está a achegar é unha simbiose dos seus coñecementos ancestrais e aqueles que lles permitan relacionarse e abrirse á comunidade internacional para mostrar o deserto Namib. É importante destacar que os Topnaar son o único grupo étnico autorizado polo goberno Namibio para transitar e transportar persoas por un espazo de enorme valor ecolóxico e hoxe en día apenas sen explotar como recurso turístico.
Entre os cursos que se están a desenvolver figuran os de xestores turísticos, guía turístico, elaboración de produtos artesanais, deseño de rotas turísticas, posta en funcionamento de actividades de ecoturismo, impresión de folletos e carteis da zona, elaboración dunha páxina web sobre a cultura Aonin e as súas actividades, así como as relativas a construción e mantemento das instalacións de xestión.
Galicia
As actuacións a prol do desenvolvemento teñen un piar fundamental nas accións de formación e sensibilización da cidadanía galega. Precisamente esta tarefa, considerada prioritaria pola Administración autonómica, pretende chegar este ano, a través de dous programas, a realidade das poboacións indíxenas á sociedade en xeral para acadar unha concienciación. Nomeadamente, dirixiranse ao alumnado e profesorado da educación primaria e secundaria.
Con este obxectivo, convocouse un concurso de curtametraxes e promoveuse a recompilación de contos e informacións para a organización de máis de 35 sesións de contacontos e unha exposición de fotografías para dar a coñecer a situación na que viven as poboacións indíxenas e afianzar valores de cooperación, tolerancia e respecto á diversidade entre os cidadáns galegos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.