O titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, apostou por que concellos, deputacións, asociacións de inmigrantes e Goberno autonómico camiñen xuntos cara a meta da plena integración dos inmigrantes na sociedade de acollida, sobre a base de que a inmigración e o retorno son oportunidades, non ameazas.
Pérez Touriño explicou na súa intervención que os movementos de poboación existiron sempre e non se van deter. Tendo en conta isto, aclarou que non teñen sentido e menos en Galicia os discursos interesadamente alarmistas sobre esta cuestión. A inmigración é un fenómeno que require de políticas integrais e transversais para que se produza dun xeito normalizado polo que é preciso marcar unhas liñas de consenso básicas para abordar este fenómeno en toda a súa amplitude e complexidade, precisou.
O presidente galego presidiu a inauguración no Consello da Cultura Galega do congreso internacional Galicia: éxodos e retornos onde incidiu en que Galicia se está a converter nun país máis de retornos que de éxodos, e nun país receptor e xa non exportador de emigración, polo menos coas dimensións e condicionantes que se produciu historicamente na comunidade.
Conmemoración
Esta reunión científica arredor dos movementos migratorios ten, segundo Touriño, unha significación moi especial, xa que conmemora un encontro similar, que foi o primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires hai cincuenta anos. Dobremente especial, se temos en conta que aquel congreso conmemoraba á súa vez o centenario do Banquete de Conxo, un feito de grande alcance simbólico na historia de Galicia.
O titular do Goberno galego explicou que ambos os congresos teñen en común que constitúen afirmacións liberais, democráticas e galeguistas que daquela reunían aos colectivos de galegos emigrados en diferentes países de América, e tamén tendían pontes entre a Galicia emigrada e o galeguismo que dende o interior tentaba reconstruír a cultura e restituír a singularidade de Galicia.
Aínda que o presidente galego destacou que as circunstancias que rodean o fenómeno migratorio en Galicia teñen variado, si recoñeceu que se mantén o sentimento de galeguidade e a inquebrantable relación afectiva que os galegos emigrados seguen a manter con Galicia, tal e como constatou persoalmente en diversas viaxes.
Plan Galego
Neste sentido Touriño incidiu en que as políticas levadas a cabo coa emigración tamén mudaron e así, o Goberno que preside non lle vai facer favores aos emigrantes senón que lle vai facilitar o exercicio dos seus dereitos matizou. Nesa dirección, o mandatario galego recordou os anuncios da Xunta da modificación da Lei de Galeguidade, a creación da figura do Valedor do Emigrante, ou a posta en marcha do Plan Estratéxico da Emigración para o período 2006-2009 que suporá unha importante actualización da política de emigración do goberno.
O xefe do Executivo galego explicou que a máxima que rexe ese plan é que os residentes no exterior son cidadáns galegos e deben ser, polo tanto, tamén eles protagonistas da construción do presente e do futuro de Galicia. Neste sentido quixo lembrar o importante papel que teñen as colectividades e empresarios galegos no tocante á proxección exterior de Galicia. Queremos mirar ao futuro con optimismo e contando coa cidadanía residente no exterior, sinalou.
Por último, Touriño recordou que en Galicia hai sitio para todos os queiran ser galegos e para todos os que estean dispostos a respectar os dereitos e deberes dos cidadáns galegos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.