
O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) da Consellería de Cultura e Deporte estreou a súa nova páxina web oficial, elaborada na súa configuración e nos seus contidos para ser o principal instrumento comunicacional do organismo co sector da música, o teatro e a danza en Galicia, ademais de manter canles abertas de participación e información co público xeral.
Na nova web óptase por destacar as seccións que darán a coñecer puntualmente a
xestión e actividades do IGAEM, mediante amplos apartados de novas, de avisos e de carteleira que se incorporan á portada, ademais dunha entrada directa á consultoría laboral, fiscal e contable aberta ás empresas do sector como un dos principais servizos en liña que se prestan diariamente. Ao mesmo tempo, a reconstrución pasou pola necesaria adecuación á normativa comunitaria canto á accesibilidade e usabilidade que se esixen aos contidos depositados en internet por parte das institucións e organismos públicos.
Acceso ás unidades de produción
Desde a mesma páxina de inicio establécense os menús de acceso aos principais
programas e centros de produción do IGAEM, como son a Rede Galega de Teatros e
Auditorios, o Centro Dramático Galego-Salón Teatro, a Escola de Altos Estudos Musicais, o Grupo de Música Tradicional, o Centro de Documentación ou a Feira das Artes Escénicas de Galicia. Neste último caso, a través da pestana que se corresponde, ábrese a páxina feiradasartesescenicas.com, que serviu á recentemente celebrada edición 2006 deste evento.
O boletín e-scena ocupa así mesmo un módulo salientable nesta nova estrutura web, xa que desde http://igaem.xunta.es os usuarios poden acceder a todos os números editados.
Tamén hai lugar para todo tipo de información corporativa do IGAEM e das súas
convocatorias de axudas e premios, así como distintos descritores tanto sobre o seu
funcionamento interno como dos seus proxectos externos en curso. Completan os
contidos dispostos o catálogo de publicacións do organismo, unha clasificación de
ligazóns de interese e a posibilidade de acceder á suscrición para os apartados de novas e de carteleira.
A posta en funcionamento desta nova páxina, que substitúe á que ocupaba até agora ese mesmo dominio, é o primeiro banzo dun proceso máis amplo de optimización de todos os soportes web do IGAEM, xa que nos meses vindeiros verán a luz novas aplicacións de utilidade e se integraran outras páxinas cos seus dominios propios, tarefa que se inicia para os casos concretos do Centro Dramático Galego e da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.