Notas de prensa

Galicia e o Norte de Portugal impulsarán un distrito único universitario para favorecer a mobilidade de estudiantes e titulacións comúns

O presidente da Xunta de Galicia iniciou unha apretada axenda institucional en Lisboa, cunha reunión co primeiro ministro luso, José Sócrates, e outra co ministro da Ciência, Tecnologia e Ensino Superior.

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, anunciou en Lisboa que o vindeiro mes de outubro Galicia e o Norte de Portugal celebrarán un encontro no que participarán as tres universidades galegas e as da rexión veciña para impulsar a creación dun distrito único universitario. O xefe do Executivo autonómico explicou que o obxectivo é impulsar un espazo compartido para favorecer a mobilidade do estudantado, así como promover titulacións comúns.

O máximo mandatario galego fixo este anuncio tras manter unha entrevista co primeiro ministro portugués, José Sócrates, que foi precedida horas antes por unha xuntanza co ministro de Ciência, Tecnologia e Ensino Superior, Mariano Gago.

Pérez Touriño salientou a “solvencia e solidez institucional” das relacións entre o Goberno luso e os Executivos español e galego. Manifestou a intención compartida de “pór no centro da nosa axenda” a aposta pola educación, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico, de acordo coas prioridades marcadas pola Unión Europea e do marco de compromisos da Axenda de Lisboa.

Neste sentido, fixo fincapé en que o ministro da Ciência, Tecnologia e Ensino Superior portugués e a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria galega, Laura Sánchez Piñón, presidirán o encontro que terá lugar en outubro para impulsar o distrito universitario compartido.

Por outra banda, destacou que durante a xornada tivo a oportunidade de abordar tanto co ministro da Ciência como con José Sócrates a posta en marcha do Centro Internacional de Nanotecnoloxía, proxecto que Pérez Touriño cualificou como “o primeiro froito dunha colaboración histórica” entre España e Portugal. O presidente galego lembrou que no desenvolvemento deste centro de investigación levan o peso Galicia e a Rexión Norte de Portugal, no que constitúe un proxecto que será “de excelencia internacional”, que supón “o máis importante” que ambas administracións puideron desenvolver ata o de agora.

NotaO xefe do Executivo galego manifestou o seu convencemento de que “na referencia inmediata dos próximos anos” Galicia e o Norte de Portugal contarán cun centro “no punto máis alto da investigación internacional”, no que participarán máis de 200 investigadores de alta cualificación en nanotecnoloxía. Pérez Touriño salientou que o proxecto revertirá na “investigación básica”, pero tamén en “sectores prioritarios para Galicia”, como son o sector alimentario, da pesca e o vitivinícola.

Ao seu xuízo, este centro permitirá ademais impulsar “a rede das universidades de Galicia”. Pérez Touriño aproveitou a circunstancia para informar de que as universidades galegas participan nun dos 12 proxectos “de alta cualificación” que acaban de ser concedidos no ámbito español e que “obteñen unha financiación extraordinaria xustamente na área de nanotecnoloxía”.

Conexión de alta velocidade
Asemade, o presidente da Xunta de Galicia manifestou a súa satisfacción por ter recibido por parte de José Sócrates a confirmación de que Portugal inclúe o proxecto de AVE Vigo-Porto entre os seus proxectos prioritarios de conexión en alta velocidade con España, ao mesmo nivel que a conexión de AVE entre Lisboa e Madrid. “Puiden confirmar e consolidar a posición por parte do Goberno de Portugal, expresada polo primeiro ministro, de considerar de alta prioridade e estratéxica esa actuación”, explicou.

“Lles podo transmitir con toda nitidez, dende a responsabilidade como presidente da Xunta de Galicia, que o Goberno portugués está plenamente decidido, plenamente involucrado e comprometido con esta actuación, porque a considera prioritaria e estratéxica e entende que hai que culminar o peche de toda a comunicación en rede de alta velocidade entre España e Portugal, e dentro dela a comunicación entre Portugal e Galicia forma parte tamén dunha opción estratéxica e tamén prioritaria”, explicou.

Pérez Touriño salientou que a aseveración recibida por parte de José Sócrates ao respecto do AVE Vigo-Porto “marca definitivamente e, sobre todo, decisoriamente, a posición do Goberno de Portugal”. “Nunca puiden ter a sensación máis clara dunha determinación tan unívoca e tan firme do Goberno portugués en relación con esta infraestrutura”, destacou.

A entrevista co ministro da Ciência, á que acudiu acompañado pola conselleira de Educación da Xunta, e a reunión co primeiro ministro de Portugal constituíron as dúas primeiras citas da apretada axenda institucional que o presidente galego manten en Lisboa.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-07-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES