Notas de prensa

A Volta Ciclista a Galicia comeza o mércores 5 de xullo en Nigrán

A V edición da Volta, que se presentou na Dirección Xeral para o Deporte, percorre as catro provincias en cinco días.

A Volta Ciclista a Galicia chega á súa quinta edición contando coa participación da mellor representación do pelotón afeccionado español, entre os que se inclúe a presenza da práctica totalidade dos clubs galegos da categoría.

O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, presentou esta edición que se considera especial por dous motivos esenciais: primeiro, por tocar as catro provincias da nosa Comunidade, iniciando o seu periplo en Nigrán o mércores 5 de xullo e concluíndo na localidade lucense de Viveiro o domingo día 9 de xuño.

Santiago Domínguez dixo que “a Volta Ciclista a Galicia entra dentro do programa de colaboración entre a Federación Galega de Ciclismo e a Dirección Xeral para o Deporte, e considerámola unha actuación estelar”. En relación á influencia da celebración en Galicia de dúas etapas da Vuelta Ciclista a España, o director xeral dixo que “non podiamos facer o esforzo de traer a Galicia dúas etapas da Vuelta, organizar a saída do ano 2007, poñer en marcha o Karpin Galicia e deixar de lado o deporte de base nun ano moi especial para o ciclismo galego”.

Manuel Martínez, presidente da Federación Galega, destacou que “esta é a quinta edición, e despois da segunda a Volta a Galicia vense considerando dentro da máxima categoría de elite sub 23 e agardamos, o próximo ano, poder subir un chanzo máis de xeito que poidan participar equipos continentais”.

O técnico da Federación Galega, Guillermo Sende, destacou o cambio de datas deste evento, que agora se disputa en xullo pero que tradicionalmente se viña celebrando en agosto, así como o seu itinerario, que este ano é un pouco máis longo. “É unha volta moi compensada entre dureza e quilometraxe, que é como pensamos que deben ser as voltas ciclistas. Posiblemente non se decida o gañador ata a última etapa”, afirmou.

Percorrido

Entre a saída de Nigrán e a meta de Viveiro, o pelotón disputa dúas etapas na provincia de Ourense, na capital o xoves e no Concello de Melón o venres. A xornada do sábado transcorre polas estradas coruñesas con saída e chegada na avenida central da capital herculina. O segundo aspecto destacado desta edición é o acicate, para moitos membros do grupo de afeccionados galegos, da inminente creación do equipo profesional “Karpin Galicia”, polo que esta proba, auténtico buque insignia da Federación, preséntase como o escaparate idóneo para que moitos deles demostren que están sobradamente preparados para dar o salto ao profesionalismo.

O cambio de datas que este ano sofre a gran rolda galega (habitualmente a cabalo entre os últimos días de agosto e os primeiros de setembro), débese á coincidencia destes días coa disputa en Galicia de dúas etapas da Vuelta a España. Os corredores dos dezasete equipos inscritos percorrerán un total de 694 quilómetros, sendo a etapa máis longa a de Ourense, con 160 e a máis curta a de Viveiro aínda que esta última, con final no alto de San Roque, cota puntuable de primeira categoría.

A nómina de favoritos é longa aínda que cabe agardar unha grande actuación dos galegos entre os que destacan, polos éxitos que foron logrando ao longo da tempada, homes como Juan Mourón (Hierros Diego), Magallanes e Sobrino (Froiz), Rabuñal (Cambre), Covelo (PSA), Borja Calviño (Spol) ou Delio Cruz (Caja Rural).

Entre os equipos chegados do resto de España así como de Portugal, é importante destacar a presenza do Soctec Construcciones, en cuxas filas se atopa o gañador da pasada edición da Volta, Manuel Jesús Jiménez, ou o Hierros Agüera co cubano Luis Ramos, gañador da última edición da Volta a Coruña.

A proba está organizada pola Federación Galega de Ciclismo e conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral para o Deporte e a Fundación Deporte Galego, así como coa colaboración das firmas Caixanova e Coca Cola xunto co apoio de cada un dos concellos polos que descorre a carreira.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, 2006-07-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES