Notas de prensa

Touriño destaca o cumprimento doutro compromiso electoral ao financiar a sanidade galega os empastes bucodentais dos rapaces de ata 14 anos

A partir de setembro xa se poden acoller a esta iniciativa máis de 108.000 rapaces galegos de ata 10 anos.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou que a Xunta de Galicia da cumprimento a un novo compromiso electoral ao financiar integramente os empastes dentais de todos os nenos e nenas da Comunidade Autónoma, ata os 14 anos. Calcúlase que máis de 208.000 rapaces galegos son beneficiarios potenciais desta iniciativa, á que se destinarán mía de 1,1 millóns de euros.

En setembro de 2006, este acordo beneficiará xa a todos os rapaces e rapazas galegas de ata 10 anos e, paulatinamente, ao longo da lexislatura incluiranse os cativos de máis idade, ata os 14. Este programa de saúde bucodental leva parellas, tal e como destacou Touriño, medidas preventivas co obxectivo de transmitir aos menores e aos seus pais a necesidade de realizar revisións bucodentais cada seis meses.

Tamén se prevé atender ás mulleres xestantes dentro deste programa, arbitrando para elas exploracións preventivas e garantindo a súa limpeza bucal por mecanismos de ultrasón.

Proxecto Integra.com

O presidente da Xunta tamén valorou, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, outra iniciativa da Consellería de Sanidade destinada ao cumprimento doutro compromiso electoral: establecer mecanismos de racionalidade, eficiencia e control do gasto sanitario. O Servizo Galego de Saúde porá en marcha proximamente o proxecto Integra.com, un sistema de compras integrado para garantir que, no horizonte de 2009, se realice deste xeito o 50 por cento das compras que realiza o Sergas. Cómpre lembrar que, a data de hoxe, só o 6,8 por cento das compras do Sergas se realiza deste xeito.

O obxectivo final é, tal e como destacou o propio titular da Xunta, reducir nun 10 por cento o custo do produto. A medida inscríbese na racionalización do gasto e na transparencia da xestión que o Goberno galego quere inculcar nas políticas de gasto sanitario.

Ao abeiro deste programa que porá en marcha Sanidade, o Sergas encargarase da compra dun produto para todo o sistema. Para isto, desenvolveranse esquemas organizativos alternativos; novas competencias para os recursos humanos; sistemas informáticos operacionais; e sistemas de información, capacidades e procesos para compatibilizar os valores obxectivos do sistema de compra sanitario galego.

Paralelamente, o presidente da Xunta valorou un acordo subscrito polo Goberno galego cos sindicatos, a Confederación de Empresarios, a Universidade de Vigo, POVISA, e diferentes axentes sociais e económicos para establecer un diálogo social “estable” na xestión da área sanitaria de Vigo. Trátase de programar e ordenar a actividade pública e privada na área sanitaria sur co obxectivo de mellorar a súa calidade.

Dentro deste marco, o presidente da Xunta anunciou que se desprazara proximamente a Vigo par presentar o Plan Funcional do Novo Hospital da cidade. Trátase dun plan que establece a configuración deste novo hospital como referencia “xeral e universal” dentro da área sanitaria do sur de Galicia. É, polo tanto, segundo Touriño, “unha gran aposta a favor dese hospital”.

Axudas para vivendas de promoción pública

O Consello da Xunta de hoxe aprobou ademais, un decreto para articular unha liña de axudas destinada a subvencionar a instalación de novas tecnoloxías e aforro enerxético na rede de vivendas de promoción pública que teña unha antigüidade superior aos 10 anos.

As actuacións que poderán ser subvencionadas inclúen a instalación de novas tecnoloxías e elementos que permitan unha redución do consumo enerxético e o illamento térmico e acústico da vivenda.

Plan Infoga 2006

Finalmente, o titular do Goberno galego valorou as “importantes” partidas económicas destinadas a contratar tarefas de prevención e extinción do lume en Galicia este verán. Máis de 4,2 millóns de euros destinaranse a este obxectivo e 675 persoas incorporaranse de maneira inmediata a estes traballos. A medida aparece recollida no Plan Infoga para este 2006.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-07-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES