
Facilitar a especialización de titulados universitarios no ámbito internacional a apoiar a proxección exterior das pemes galegas son os principais obxectivos que busca o Igape coa convocatoria de 20 bolsas de promoción exterior, segundo resolución publicada no DOG. A partir desta data, os interesados dispoñen dun prazo dun mes para presentar as súas solicitudes. Poderán aspirar a estas bolsas os titulados con posterioridade a 1999.
Poden presentar a correspondente solicitude para estas bolsas de promoción exterior as persoas en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias (superior ou media): Arquitectura, Bioloxía, Ciencias do Mar, Ciencias Económicas e Empresariais, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Empresariais, Economía, Dereito, Ciencias Políticas, Física, Enxeñería ou Química. As bolsas estarán dotadas cunha cantidade base anual de 20.400 euros brutos, podendo ascender ata 46.920 segundo o país e cidade de destino.
Os aspirantes deben ser naturais de Galicia, ter en Galicia a súa veciñanza administrativa cunha antigüidade superior a 24 meses ou ser descendentes en liña directa (ata o terceiro grao) de emigrantes galegos no exterior. Tamén deberán acreditar o domino (falado e escrito) dalgunha das seguintes linguas: alemán, francés, inglés, italiano ou portugués; neste sentido, os candidatos ás bolsas deberán realizar unha proba, que terá carácter eliminatorio, do idioma escollido.
Os seleccionados recibirán unha formación teórica e práctica no ámbito internacional ao mesmo tempo que, desde os seus destinos e baixo a coordinación do Igape, prestarán apoio ás empresas galegas na súa busca de novos mercados e no establecemento de acordos con empresas estranxeiras. Entre as funcións dos bolseiros destacan a procura de oportunidades de negocio, a investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras e a detección de potenciais investidores estranxeiros cara a Galicia.
A duración inicial das bolsas de promoción exterior será dun ano, aínda que poderá ser prorrogada polo Igape por seis meses adicionais, en consideración á programación de actividades do Instituto e aos resultados acreditados polo bolseiro. Os bolseiros terán como destino físico algún dos Centros de Promoción de Negocios do Igape no exterior (CPN´s), algunha das Oficinas Económicas e Comerciais de España no estranxeiro (OFCOMES) ou outras institucións económicas nacionais ou estranxeiras. Entre os lugares onde estiveron bolseiros do Igape na anterior convocatoria figuran China, Chile, Estados Unidos, Portugal, Polonia, Xapón, Finlandia ou Alemaña.
Para a selección dos bolseiros valorarase especialmente o expediente académico dos candidatos e o coñecemento do idioma escollido, aínda que tamén se considerará a experiencia profesional previa e maila formación específica en comercio exterior dos solicitantes preseleccionados.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.