Notas de prensa

As consellerías de Traballo e Medio Ambiente suman esforzos para crear 2000 empregos nos espazos protexidos de Galicia

Esta colaboración concrétase no programa Empregonatura, proxecto incluído no I Plan Integral de Emprego de Galicia, a través do cal se fomentará a formación de desempregados nos ámbitos relacionados cos xacementos de emprego relativos aos servizos de turismo, ocio e medio ambiente, no ámbito dos Lugares de Interese Comunitario e nos Parques Naturais de Galicia.

Os conselleiros de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e de Traballo, Manuel Vázquez e Ricardo Varela, asinaron un acordo de coordinación pioneiro para posta en marcha do proxecto Empregonatura, unha iniciativa entre ambas consellerías para a promoción dos xacementos de emprego nos servizos de medio ambiente, culturais e de ocio nas zonas medioambientais de Galicia incluídas na rede Natura 2000. Este proxecto que, segundo as previsións das consellerías, beneficiará a preto de 500 persoas no presente ano e unhas 2.000 ata o 2009, enmarcase dentro do I Plan Integral de Emprego, aprobado pola Administración Central e a Autonómica.

Tal e como se recolle no texto do documento asinado, ambas partes coinciden en que o despoboamento e envellecemento do mundo rural ten, entre outras causas, a non substitución dos empregos relacionados co sector primario por outros na industria e, fundamentalmente, no sector servizos. Os novos xacementos de emprego supoñen a participación conxunta das administracións públicas, dos axentes sociais, do tecido asociativo e particulares nun marco de concertación social permanente co obxectivo de reducir o desemprego partindo da satisfacción de carencias sociais. Trátase de emerxer ocupacións que dean resposta ás novas necesidades respondendo con iniciativas locais de desenvolvemento por medio da creación de emprego estable e de calidade en diferentes ámbitos, entre outros, no relacionado co medio ambiente.

Ricardo Varela sinalou que as actuacións, que se contemplan no acordo asinado en materia de emprego, “consisten en incrementar a empregabilidade dos demandantes inscritos por medio da adquisición de experiencia profesional e/ou adquisición de formación e experiencia en ocupacións ligadas aos novos xacementos de emprego, así como, fomentar o emprego en ocupacións vinculadas ao medio ambiente de tal xeito que a medio prazo se poda consolidar”.

Manuel Vázquez, pola súa banda, apuntou que esta “iniciativa singular” propiciará accións de “gran interese para a revalorización dos espazos naturais, que precisan de medidas de apoio para desenvolver plans concretos de mellora de infraestruturas e servizos”. Ademais, salientou que é a primeira vez que, por unha acción transversal de duas consellerías, os espazos protexidos de Galicia se converterán en xeradores de riqueza e emprego.

Así, o Acordo de Coordinación entre as Consellerías de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible obedece a esta filosofía, e dicir, pretende potenciar un sector terciario no rural galego vinculando os seus valores naturais cos novos hábitos e necesidade de ocio. Para elo involucrará aos concellos para que a promocionen.

Para levar a cabo esta iniciativa Traballo destinará arredor de 24 millóns de euros nos catro de vixencia do I Plan Integral de Emprego, e dicir 6 millóns de euros anuais, para actuacións de posta en valor das zonas especiais de conservación Rede Natura 2000 mediante os programas de cooperación. As actuacións a realizar faranse en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, quen se encargará da dirección e supervisión técnica e na aportación dos materiais.

Pola súa banda, a Consellería de Traballo, a través do I Plan Integral de Emprego de Galicia, ten previsto realizar diferentes actuacións en colaboración cos concellos de Galicia nos programas destinados á adquisición de experiencia dos desempregados e nos programas de formación en alternancia nos ámbitos relacionados cos xacementos de emprego relativos aos servizos de turismo e ocio e medio ambiente.
Segundo apuntou Varela, “o turismo que se produce en espazos naturais ten en Galicia un enorme potencial, xa que conta seis Parques Naturais e 73 espazos declarados como zonas de especial protección dos valores naturais. O acondicionamento e posta en valor destes espazos pode inducir efectos dinamizadores del entorno económico creando novos empregos. Nas actuacións relacionadas coa natureza e o medio ambiente é necesaria a implicación das autoridades locais. Trátase, basicamente, de posibilidades de emprego que soamente poden nacer e desenvolverse baixo a tutela dos propios concellos”.

O acordo de coordinación contempla dous tipos de actuacións, por unha banda, as destinadas ás zonas LIC (Lugares de Interese Comunitario) cuxos obxectivos son a mellora da empregabilidade dos demandantes inscritos como desempregados por medio da adquisición de experiencia profesional ou de formación e experiencia en ocupacións ligadas aos novos xacementos de emprego, fomentar o emprego en ocupacións vinculadas ao medio ambiente de tal xeito que a medio prazo se podan consolidar, incrementar a preocupación das entidades locais en temas relacionadas co medio ambiente de tal maneira que a medio prazo esas inquedanzas se podan traducir en empregos, así como realizar unha serie de traballos que revaloricen e publiciten as propias LIC de tal forma que a medio prazo podan xurdir oportunidades de emprego relacionadas con elas.

Nas actuacións a realizar esta prevista a incorporación de traballadores desempregados de diferente nivel profesional e diversas ocupacións, que se encargarán entre outras cousas da creación de rutas, sinalización e interpretación dos espazos protexidos, realizarán un inventario de poboación, rexeneración e restauración de espazos de interese natural, elaborarán unhas guías didácticas do LIC, así como do patrimonio histórico e cultural do LIC.

Por outra banda, establécense unha serie de actuación a desenvolver nos Parques Naturais de Galicia, que serán accións de rehabilitación de espazos que permitan a súa utilización posterior por medio da creación d empregos vinculados aos xacementos de emprego de servizos de medio ambiente, turismo e ocio. Os obxectivos son mellorar a empregabilidade dos demandantes inscritos como desempregados por medio da formación e adquisición de experiencia en ocupacións ligadas á restauración medio ambiental e as novas ocupacións en materia de medio ambiente e turismo rural, fomentar o emprego en ocupacións vinculadas ao medio ambiente e turismo rural, así como, posibilitar a creación dunha empresa de economía social que xestione o poboado de sensibilización medioambiental para a súa utilización pola mocidade e outros colectivos. Os beneficiarios desta actuación serán traballadores desempregados de diferente nivel profesional e diversas ocupacións cara a formación nas especialidades relacionadas co mantemento, posta en valor e restauración dalgúns elementos constructivos incluídos nos parques que sexan susceptibles dun uso futuro como albergue da natureza, poboado natural e outros usos vinculados aos novos empregos de medio ambiente.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, 2006-06-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma.JPG) O Proxecto Xenoma Galicia, que procura detectar variantes de risco para enfermidades hereditarias graves como o cancro de mama e ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar, xa permitiu detectar 42 persoas positivas entre as 2.504 mostras que se levan analizado. Este programa pioneiro de cribado xenético acada 2.504 mostras analizadas ata o de agora dos 4.261 participantes reclutados ata o momento, rexistrando unha taxa de positividade do 1,7 %. En decembro do ano 2024, botaba a andar o programa coa posta en marcha de dúas probas piloto, consistentes na recollida de mostras de sangue e de saliva.
Foto de la tercera plana (festaclown-2026.jpeg) O Festaclown volve a converter Vilagarcía de Arousa nun dos puntos de referencia do circo e das artes de rúa en Galicia, entre o 17 ao 22 de agosto, cunha programación que nesta edición reforza especialmente a súa dimensión internacional e o seu compromiso coa inclusión. Compañías e artistas procedentes de Colombia, Arxentina e Australia compartirán cartel con destacadas formacións galegas e do resto do Estado nun programa para todos os públicos que se desenvolverá fundamentalmente ao aire libre en rúas, parques e prazas da cidade.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corresponde á USC, á Universidade de Cambridge e ó Instituto Colombiano de Antropología e Historia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES