
A noticia foi dada a coñecer pola Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo. A artista presentará en Lugo o seu último disco, o oitavo da súa carreira, Contigo me voy. Empezamos moi ben, dixo a Concelleira con respecto ós festexos que estrearán a denominación de Festas de Interese Turístico Nacional.
Concepción Burgo explicou que o Concello estuda varias ubicacións para os concertos e está a buscar un novo escenario para acoller este tipo de actuacións que reúnen a milleiros de persoas. Tamén confirmou que desde a Concellería estanse a contratar outros artistas nestes momentos: Estanse pechando outras actuacións fortes, dixo Burgo.
Sobre a gratuidade dos espectáculos, o Concello analiza a posibilidade de establecer prezos económicos para algunha actuación concreta. De todos os xeitos, e á espera de que haxa unha decisión en firme, a maioría dos concertos serían gratuítos. Os motivos de sopesar esta cuestión son que algúns artistas de grande sona non queren actuar en aforos gratuítos e, ó mesmo tempo, a política do Concello segue a ser ofrecer un gran número de concertos de grande calidade, polo que o financiamento é complicado nalgún caso. A xente preferirá que veñan cobrando que que non veñan, explicaba a Concelleira.
A responsable de Cultura e Turismo adiantou que o 1 de xullo comeza o programa de visitas teatralizadas do Concello de Lugo, unha iniciativa con grande éxito que comezou o pasado verán.
O espectáculo presentará varias novidades e ofrecerá unha combinación da historia, a cultura e o patrimonio da cidade. Concepción Burgo explicou que, como novidade, os hoteis da cidade tamén venderán este ano as entradas para as visitas, polo que agradeceu o apoio da iniciativa privada.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.