
O salón de actos do Museo do Pobo Galego, en San Domingos de Bonaval, acolleu a presentación do libroA GANDARÍA, tesouro de Galicia, unha obra que afonda na historia e na importancia da gandaría en Galicia desde a perspectiva etnográfica, cultural, social e económica, que está editada pola Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega e polo Museo do Pobo Galego, coa colaboración da Consellería do Medio Rural. O acto estivo presidido polo Director Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, Gonzalo Flores Calvete; polo Presidente da IXP Ternera Gallega, Jesús González Vázquez; polo Vicepresidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Luciano García Alén; e polo Director do Museo e da edición do libro, Carlos García Martínez. Á presentación do libro acudíu un importante número de persoas, entre as que destacaron membros do Consello Regulador, membros do Padroado do Museo, técnicos e profesionais do sector, representantes de cooperativas, da distribución e das asociacións de consumidores.
A publicación A GANDARÍA, tesouro de Galicia, realiza un percorrido de carácter sectorial e técnico, no que se teñen en conta as manifestacións populares, culturais e socioeconómicas do sector pecuario, como protagonista do medio rural galego. A obra revela a significación da gandaría nas formas de vida tradicionais e modernas do agro no noso país, a través dun percorrido histórico ao longo dos tempos, desde as súas orixes, pasando pola Idade Media, os séculos XVI-XVIII, a orientación pecuaria da agricultura galega no século XIX e primeiro tercio do XX, o crecemento da gandaría no período 1960-2000, ata a situación nos últimos anos, caracterizada por cuestións como a calidade e a seguridade alimentarias ou a conservación do medio ambiente, como resumo das denominadas novas preocupacións da sociedade.
O volume contén ademais varios capítulos que afondan en temáticas tan variadas como o significativo papel que vén desempeñando a muller nas tarefas relacionadas co coidado do gando e na etnografía galega; a importancia da veterinaria popular e profesionalizada no noso país, ou mesmo aportacións culturais sobre a presenza do gando na literatura popular e as celebracións gandeiras na sociedade rural, así como aportacións técnicas sobre a creación da raza rubia galega e a figura de Juan Rof Codina.
Así mesmo, A GANDARÍA, tesouro de Galicia, recolle as liñas interpretativas sobre a recuperación e a mellora das distintas razas gandeiras autóctonas e sobre o nacemento, asentamento e situación actual da I.X.P. Ternera Gallega. A presentación e relevancia da Indicación Xeográfica Protexida constitúe unha parte substantiva dos quince capítulos que compoñen o libro, sinlando os feitos máis significativos, a evolución e as súas perspectivas de futuro. Ademais, o lector poderá coñecer a través desta obra, aspectos como a base social que substenta a Denominación, as características da carne que produce, o sistema de control integral e trazabilidade que aplica, a identificación e certificación que realiza, a comercialización e información que lle ofrece aos consumidores e a participación social que promove.
Este libro ten a súa base na exposición A GANDARÍA, tesouro de Galicia, xurdida como iniciativa da I.X.P. Ternera Gallega e producida conxuntamente co Museo do Pobo Galego, co apoio da Administración Autonómica. A mostra, que permaneceu aberta ao público desde outubro de 2004 ata abril de 2005 no Museo, tivo un enorme éxito polo seu contido e amplitude, avalado polas máis de 23.000 persoas que se achegaron a vela. Debido a este poder de convocatoria e ao grande interese que espertou a exposición entre o público, decidíuse realizar este libro de carácter técnico e cultural sobre a gandaría, e tamén como unha contribución de Ternera Gallega e o Museo aos homes e mulleres que produciron e coidaron o gando en Galicia ao longo dos séculos. Para a súa elaboración, foi fundamental o traballo dos autores que colaboran na edición deste libro, desde profesores universitarios, técnicos do Museo do Pobo Galego, profesionais e expertos do sector agropecuario en distintas áreas de actividade.
A publicación A GANDARÍA, tesouro de Galicia, compleméntase cun anexo que recolle integramente as imaxes e contidos da citada exposición, converténdose nun documento recopilatorio de excepcional valor gráfico, que ten a súa continuación na produción audiovisual titulada Da corte á granxa, a través da cal se manifesta a evolución do sector agrario e o esforzo que supuxo para a sociedade rural galega a incorporación a unha economía de mercado.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.