Notas de prensa

A Xunta colaborará na implantación dun sistema de e-learning na mestría de Tecnoloxía de Alimentos da Universidade peruana de La Molina

A directora xeral de Cooperación Exterior reuniuse coas responsables do proxecto da universidade andina e cos directivos da Aula de produtos lácteos da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Supercomputación de Galicia.

A Xunta de Galicia colaborará na implantación dun sistema e-learning na Mestría de Tecnoloxía de Alimentos da Universidade peruana de La Molina. Así llo confirmou a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, ás responsables deste proxecto na institución andina Fanny Ludeña e Gladis Tarazona nun encontro no que tamén participaron os directivos da Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Esta nova iniciativa enmárcase dentro da colaboración existente entre a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, a Aula de Produtos Lácteos da USC, o CESGA e a Universidade Agraria de La Molina para o desenvolvemento de proxectos que melloren a sanidade e rendibilidade dos produtos agrícolas das comunidades andinas.

Na actualidade, xa se está a traballar nun proxecto de implantación dun simulador virtual en industrias lácteas en Perú como ferramentas de formación e desenvolvemento, no marco do proxecto Pil-Perú.

O Pil-Perú está en marcha dende o mes de xullo de 2004 para establecer unha liña permanente de colaboración que permitise asegurar un sistema de comunicación entre Lima e Santiago mediante tecnoloxías de comunicación por terra e satélite para intercambiar información e formación estable entre a USC e a Universidade de La Molina na área de tecnoloxía de alimentos.

Para iso, dotouse a área de coñecemento da Universidade da Molina dos medios necesarios, incluíndo hardware e software de tele-ensinanza como o simulador de produción deseñado pola Aula de Produtos Lácteos da USC.

Trátase de favorecer o desenvolvemento e a formación continua e reglada nas industrias lácteas do Perú, e por extensión a América Latina. Se este proxecto piloto funcionase correctamente, estenderíase a súa aplicación aos países considerados prioritarios para a Cooperación Galega.

Universidade de La Molina

A Universidade Nacional Agraria La Molina é unha entidade educativa do Estado peruano que ten como finalidade crear profesionais de excelencia académica e proxectar á comunidade os avances nas diferentes ciencias agrícolas e pecuarias. Foi inaugurada en 1902 e actualmente conta con 8 facultades (Agronomía, Ciencias, Ciencias Forestais, Economía e Planificación, Industrias Alimentarias, Enxeñería Agrícola, pesquiería e zootecnia)

Este centro ten unha ampla experiencia na asistencia técnica a produtores lácteos artesanais, que leva a cabo mediante mecanismos de capacitación presencial na mesma zona rural ou no campus universitario. Os cursos realízanse unha ou dúas veces ao mes ao longo de todo o ano cunha asistencia de 30 alumnos de media, na Planta Piloto de Leite, en Lima.

Os asistentes, maioritariamente campesiños e produtores integrados na pequena e mediana empresa leiteira así como estudantes doutras universidades e institutos, reciben formación na elaboración de derivados lácteos (queixos, iogurte, mantequilla, xelados, doce de leite), no control de calidade, comercialización, marketing, xestión empresarial e boas prácticas de manufactura.

Con este novo sistema de e-learning, dentro da futura Mestría de Tecnoloxía de Alimentos, poderían achegar información e formación aos produtores rurais para incrementar as cotas de rendibilidade e salubridade dos seus produtos sen necesidade de desprazarse a Lima.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-06-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma.JPG) O Proxecto Xenoma Galicia, que procura detectar variantes de risco para enfermidades hereditarias graves como o cancro de mama e ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar, xa permitiu detectar 42 persoas positivas entre as 2.504 mostras que se levan analizado. Este programa pioneiro de cribado xenético acada 2.504 mostras analizadas ata o de agora dos 4.261 participantes reclutados ata o momento, rexistrando unha taxa de positividade do 1,7 %. En decembro do ano 2024, botaba a andar o programa coa posta en marcha de dúas probas piloto, consistentes na recollida de mostras de sangue e de saliva.
Foto de la tercera plana (festaclown-2026.jpeg) O Festaclown volve a converter Vilagarcía de Arousa nun dos puntos de referencia do circo e das artes de rúa en Galicia, entre o 17 ao 22 de agosto, cunha programación que nesta edición reforza especialmente a súa dimensión internacional e o seu compromiso coa inclusión. Compañías e artistas procedentes de Colombia, Arxentina e Australia compartirán cartel con destacadas formacións galegas e do resto do Estado nun programa para todos os públicos que se desenvolverá fundamentalmente ao aire libre en rúas, parques e prazas da cidade.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corresponde á USC, á Universidade de Cambridge e ó Instituto Colombiano de Antropología e Historia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES