O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco, inaugurou en Marrozos o Centro Tecnolóxico Rural, un innovador espazo arquitectónico deseñado e construído polo estudo de arquitectura Arquitectos Asociados Santiago. A instalación baséase na reutilización de colectores de transporte marítimo que, despois dun necesario proceso de acondicionamento, pasan a ser aptos para desenvolver actividades de tipo residencial, comercial ou de oficinas. A iniciativa recibiu o apoio do Plan Galego de I+D+i a través do programa de Tecnoloxías para a Construción e Conservación do Patrimonio. No acto inaugural das instalacións interviron tamén o Director Xeral de I+D+i, Salustiano Mato de la Iglesia, e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo.
Innovación, funcionalidade, integración ambiental e autonomía enerxética
O conselleiro de Innovación e Industria sinalou a necesidade de impulsar as políticas de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica en tódolos sectores económicos e, neste caso, no da construción. Fernando Blanco falou do alto prezo da vivenda e da necesidade de reciclar e de buscar novas fontes de enerxía compatibles coa conservación do medio ambiente como dous dos factores que determinaron a posta en marcha do proxecto.
Este novo espazo habitable emprega como materia prima colectores de transporte marítimo que, no seu momento, foron pezas clave no desenvolvemento dunha grande actividade comercial e que conxuga innovación, funcionalidade, integración ambiental e autonomía enerxética. A boa integración deste espazo arquitectónico no entorno no que está ubicado e o seu alto grao de autonomía enerxética, grazas ao uso das enerxías renovables solar e eólica, foron dúas das características subliñadas por Fernando Blanco. O conselleiro valorou positivamente a ubicación deste espazo na localidade de Marrozos, xa que supón unha revalorización do rural e abre novas expectativas para todos aqueles mozos e mozas que desexen desenvolver traballos altamente cualificados sen saír do entorno rural.
Unha iniciativa exportable a outros países
Fernando X. Blanco afirmou que este proxecto de investigación sitúa a Galiza na vangarda da investigación en novas tecnoloxías aplicadas á construción, e apuntou que a iniciativa cumpre as premisas do Goberno galego, no seu apoio financeiro a ideas tanxibles con ampla proxección industrial e de mercado. Unha proxección que xa está a dar os seus primeiros froitos grazas á facilidade que presentan os colectores para a súa mobilidade mediante medios convencionais, o que posibilita adaptar este tipo de construcións a outros lugares do mundo. O primeiro lugar no que se vai pór en marcha é en América Latina, concretamente na construción de vivendas de primeira necesidade no Brasil que substituirían ás tradicionais favelas. Tamén hai contactos para exportar o modelo a Santo Domingo, Haití, Asia e o leste de Europa.
O director xeral de I+D+i, Salustiano Mato de la Iglesia, pola súa parte, asegurou que este novo espazo arquitectónico xorde como resposta a dúas necesidades que afectan á maioría dos xoves na actualidade: Por un lado, a necesidade de dispor dun lugar de traballo á hora de enfrontarse á vida laboral ao inicio da súa carreira e, por outro lado, o problema do custo da vivenda. Salustiano Mato dixo, así mesmo, que a investigación que fixo posible o espazo que hoxe se inaugurou trata de suplir as deficiencias da vivenda actual, de mellorar no posible a calidade de vida e, en resumo, de propor un avance nos sistemas de construción e deseño de edificacións a través dun novo sistema construtivo que supoña un menor custo e que, á súa vez, presente un novo deseño con formas atractivas e diferentes, novos materiais e que sexa totalmente autónomo grazas ás enerxías renovables.
Os colectores de transporte marítimo teñen unha vida útil moi curta; despois de seren descartados para o seu uso orixinario tras finalizar unha serie de prazos determinados na lexislación vixente, convértense nunha carga para as empresas que minoran a súa rentabilidade en virtude dos custos da súa eliminación. O proxecto de investigación que serve de base á construción deste espazo arquitectónico en Marrozos propón a reutilización destes elementos industriais unha vez pasado o prazo de vida útil para o seu cometido orixinal. Neste senso, Salustiano Mato subliñou as características destes colectores, como son as súas medidas estándar, a súa estanquidade e unha estrutura extraordinariamente resistente. Coa posta en marcha da iniciativa, o estudo de arquitectura Arquitectos Asociados Santiago trata de suplir as deficiencias da vivenda actual, de mellorar a calidade de vida e de propor un avance nos sistemas de construción e deseño de edificacións. Buscar, en definitiva, un novo sistema construtivo que sexa a menor custo, que teña un novo deseño con formas atractivas e diferentes e con novos materiais que melloren a calidade de vida.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.