O evento estivo presidido polo reitor compostelán Senén Barro Ameneiro e contou coa asistencia da vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais, Elena Vázquez Cendón; o coordinador do programa A Ponte, Luis Hervella; o presidente da CIUG, Manuel Bermejo; o director do COIE, Laureano Álvarez; e o presidente do tribunal que xulgou as probas de acceso, Ramón Bravo.
Tras a entrega de diplomas acreditativos aos asistentes, o reitor felicitoulles polo seu esforzo e o seu éxito, sendo conscientes dende a USC do complexo que resulta conciliar a vida laboral e a académica. Na súa intervención recalcou tamén o concepto de formación ao longo da toda a vida, unha idea coa que a Universidade de Santiago se identifica plenamente.
O acto, organizado no marco do Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, continuou cunha presentación da Universidade compostelá a cargo da vicerreitora Elena Vázquez, quen informou aos futuros universitarios dos estudos que ofrece a USC, a convocatoria de bolsas, a oferta de residencias e das actividades deportivas e culturais, entre outras cuestións.
Por último, os futuros universitarios tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o que supón o inicio desta nova etapa de estudos superiores. Así, María Pilar Pazos, estudante de Comunicación Audiovisual que superou as probas para maiores de 25 anos na anterior convocatoria, narrou a súa experiencia universitaria no primeiro ano na USC. Ao remate do acto, os asistentes fixeron un percorrido polo patrimonio histórico da USC enmarcado no programa Universidade Viva.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.