O Consello da Xunta aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a Federación Galega de Confrarías e os sindicatos UGT, CC OO e CIG para a organización de dez cursos de formación para as mulleres do sector pesqueiro, concretamente no eido da prevención de riscos laborais e na formación sanitaria específica inicial.
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ten entre as súas competencias
as relativas á formación marítimo pesqueira, que fai a través dos seus
propios recursos tanto directamente como en colaboración con terceiros.
Deste xeito, Pesca vén desenvolvendo dende hai anos un programa dirixido á
ensinanza técnica e profesional dos colectivos de mulleres do sector, aínda
que ata o de agora nesas actuacións non se incidía na importancia da
formación en materia de prevención de riscos laborais e de formación
sanitaria e primeiros auxilios. A ensinanza nestas materias resulta
básica dadas as características do sector -fundamentalmente físico e manual
e que contempla o manexo de farramentas punzantes-.
Neste senso, o departamento que dirixe Carmen Gallego decidiu asinar un
convenio de colaboración coa Federación Galega de Confrarías e os
sindicatos UGT, CC OO e CIG para impartir dez cursos, que se impartirán
prioritariamente en municipios costeiros e irán dirixidos ás mulleres do
sector pesqueiro e marisqueiro, concentrando ás alumnas por rías.
A selección dos monitores correrán a cargo da Federación de Confrarías e
das organizacións sindicais e corresponderá tamén a éstas últimas a
expedición dos certificados e diplomas.
A Consellería de Pesca destinará á finalidade deste convenio un total de
200.000 euros, que se incluirán na partida orzamentaria destinada ao
programa de formación de mulleres, que está cofinanciado nun 80% co Fondo
Social Europeo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.