Notas de prensa

Presentado o Camiño de Santiago en Bilbao como un dos grandes patrimonios compartidos polos pobos peninsulares

O director xeral de Turismo lembrou que o Goberno Galego persegue a declaración do Camiño Norte, que atravesa Euskadi, como Patrimonio da Humanidade.

O director xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria, Rubén Lois González, presentou en Bilbao o Camiño de Santiago como oferta turística destacada de Galiza, no marco da feira Expovacaciones, que se celebra na capital viscaína ata o vindeiro domingo. Lois González lembrou na súa intervención que a Ruta Xacobea é un dos grandes patrimonios compartidos pola maior parte dos pobos peninsulares, con alcance europeo, fenómeno desenvolvido dende o século IX coa aportación de xentes da máis variada procedencia. O director xeral de Turismo estivo acompañado na presentación polo director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria, Salustiano Mato.

Rubén Lois sinalou que o Camiño de Santiago constitúe un dos elementos históricos que contribuíron a definir o proxecto común de convivencia de Europa, e dunha vía de comunicación de correntes culturais que se realiza por motivacións relixiosas e espirituais fundamentalmente, pero tamén como medio de encontro coa natureza o por esprito de aventura.

Como producto turístico, engadiu o director xeral de Turismo, o camiño é unha oferta moi singular, moi delicada en determinados aspectos e cun potencial socioeconómico e turístico de primeira magnitude, que mesmo recibiu recoñecementos tan importantes como o de primeiro itinerario cultural europeo e Ben Cultural Patrimonio da Humanidade.

Impulsos

De cara ao futuro, Rubén Lois afirmou que o Camiño necesita de novas ideas e impulsos, que no caso do Goberno Galego vanse plasmar por exemplo na delimitación legal de tódalas rutas históricas xacobeas no territorio de Galiza ou na mellora dos servizos en todo o que se refire á difusión, información e atención diferenciada a peregrinos e turistas. Abogou tamén por recuperar o sentido cultural e cívico do Camiño, como elemento histórico sustancial da diversidade e o intercambio cultural que fixeron posible a idea de Europa.

Aproveitando o feito de estar en Bilbao, o director Xeral de Turismo fixo referencia ás pegadas xacobeas nesta cidade, como a súa propia catedral, dedicada a Santiago, e ao Camiño do Norte, que atravesa Euskadi. Neste sentido, valorou e agradeceu o esforzo realizado nos últimos anos polo Goberno Basco, concellos e asociacións deste país cara á promoción das rutas xacobeas, con exemplos significativos tanto en publicacións como en promoción e protección.

Por último, estableceu como un dos grandes obxectivos do Goberno Galego en relación co fenómeno xacobeo, colaborando con diferentes entidades, entre elas as de Euskadi, o de conseguir que o Camiño Norte e a súa prolongación no Camiño Primitivo logren o recoñecemento da UNESCO como Ben Cultural Patrimonio da Humanidade.

No marco da promoción turística e gastronómica de Galiza en Euskadi, Rubén Lois asistirá esta tarde, xunto con outras autoridades vascas e galegas, a un viño galego servido polo Centro Superior de Hostelería de Galiza (CSHG) no Centro Galego de Barakaldo, ao que están convidadas autoridades do Goberno Vasco, profesionsais do sector turístico e representantes da colonia galega en Euskadi.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2006-05-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES