
De auténtico éxito cualifican os responsables de Ponte...nas Ondas! a celebración da I Mostra da Oralidade para centros educativos desenvolvida no Porriño dentro da carpa de A Cultura Circula. Na iniciativa, na que colaboraron o Concello do Porriño e a Consellería de Cultura, participaron alumnos de educación primaria e secundaria de centros do Sur de Galicia e do Norte de Portugal, que disfrutaron e se divertiron coas actuacións que houbo ao longo da mañá.
Foron algo máis de tres horas ao redor do Patrimonio inmaterial que compartimos galegos e portugueses con novos sons que beben nas raíces da cultura común. O actor e contacontos Avelino González foi o responsable de romper o xeo, levándonos coas súas historias a percorrer novos escenarios e coñecer novos persoeiros. Logo chegaron os regueifeiros Luis Caruncho e Augusto Canario que demostraron aos escolares a difícil arte da regueifa e na que as bromas cos estudantes tamén estiveron presentes.
Toñito de Poi, co seu director enganchou aos participantes, nomeadamente aos que cursan Secundaria, ao igual que fixo co seu funk-rock Loreta Martín. O fin de festa estivo de novo coa palabra e con historias coa contacontos Locamotora.
Dende a organización desta I Mostra da Oralidade para centros educativos faise unha valoración moi positiva da experiencia e da resposta obtida tanto por parte dos centros escolares coma dos propios alumnos. Con este espectáculo poideron coñecer máis de preto un patrimonio no que levan tempo traballando grazas a distintias iniciativas de Ponte...nas Ondas! coma a Candidatura presentada ante a UNESCO o ano pasado, ou a xornada de radio interescolar que o próximo venres 26 de maio celebra a súa décimo segunda edición.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.