
O escritor e naturalista Estanislao Fernández de la Cigoña foi o responsable de inaugurar a IX Feira do Libro Galego no Paseo da Corredera en Tui. Ata as dez da noite dezaseis postos de libros das Librerías Iris e Valverde ofrecen un amplísimo abano de publicacións, nas que se atopan as últimas novidades editoriais ou clásicos da literatura, e onde non faltan os exemplares de escritores tudenses coma Ernesto Iglesias Almedia, Alberto Romer, Xesús Vila, Emilia Rosende ou Luis Bugarín e Conchi Regueiro. Precisamente esta última tiña na feira o seu último libro que acaba de sair do prelo. Trátase de O Tesouro das ánimas publicado por Bahía Edicións dentro da colección Meiga Morla.
Fernández de la Cigoña, con medio centenar de libros editados, destacou que 17 de maio era a festa para a familia que escribe referíndose a poetas, novelistas e ensaístas. Dos primeiros dixo que xogando coa palabras fan versos, mentres que os camiños dos novelistas son curvos e tortuosos e os ensaístas buscan, atopan e desenvolven calquera circunstancia. Este escritor e naturista manifestaba que un pode morrer satisfeitos tras plantar unha árbores, ter un fillo e escribir un libro engadindo que o último son palabras maiores. Tamén se referiu na súa intervención ao homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Manuel Lugrís Freire, e indicou que en época difícil cando a fala estaba desprestixiada escribir en galego non era doado mentres que Lugrís o fixo aínda apenas había lectores, hoxe as cousa mudaron. Lembrando a Cunqueiro rematou a súa intervención desexando que Galicia e o galego duren mil primaveras máis.
O cambio de emprazamento a Feira do Libro Galego, que ata o de agora se celebraba na Praza de San Fernando, foi ben acollido polo público que incluso antes da inauguración comezou a visitar os postos situados no Paseo da Corredera. As libreiras, e a propia concellería de Cultura, tamén manifestaron a última hora da maña a súa ledicia pola boa marcha da feira que continuará ata ás dez da noite. Pola tarde xogos populares, monicreques e maxia, complementaran a oferta expositiva e venda de libros.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.