
Convocado pola Fundación Antonio Fraguas e organizado polo Museo do Pobo Galego, o premio Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, está patrocinado por Caixanova e Fundación Caixa Galicia. Co propósito de rememorar a figura de don Antonio Fraguas Fraguas na súa dobre vertente de pedagogo e etnógrafo, a Fundación Antonio Fraguas Fraguas convocou a cuarta edición do proxecto didáctico encamiñado á realización dun programa de pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, xeográfico, histórico e artístico do entorno inmediato entre os centros escolares de Galicia.
O premio pretende alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ao coñecemento do medio e á posta en valor dos máis diversos elementos do noso acervo cultural.
A presente convocatoria invita ás comunidades escolares a participaren neste proxecto que ten dúas modalidades:ensino primario e ensino secundario. En cada unha delas elixirase un proxecto, a desenvolver durante o seguinte ano lectivo e cun premio de 10.000 euros para cada modalidade.O traballo iniciarase co curso académico e deberá estar finalizado e presentado para a fin do curso 2006-2007. No outono organizarase unha exposición cos seus resultados, quer no Museo do Pobo Galego, quer nunha institución axeitada dunha cidade ou vila de Galicia, a determinar pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas
O ámbito temático abranguerá un ou varios dos seguintes campos: etnografía, antropoloxía, xeografía, historia e arte. Os traballos estarán coordinados polo Departamento de Educación e Acción Cultural do Museo do Pobo Galego. Para optar ao premio presentarase unha memoria descritiva do proxecto que se pretende realizar, facendo constar a súa natureza, ámbito, temporización, orzamento e con expresión do colectivo implicado na súa realización. As candidaturas deberanse remitir á Secretaría da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, San Domingos de Bonaval, 15703 Santiago de Compostela, ata o 31 de maio de 2006. O Xurado emitirá o seu fallo antes do 30 de xuño.
Nas anteriores edicións do Proxecto Didáctico Antonio fraguas as propostas seleccionadas foron as seguintes: O Mar, presentado polo Colexio Público de Ensino Primario de Xuño, Porto do Son, e na modalidade de ensino secundario ao proxecto Obradoiro Antonio Fraguas de cultura popular, historia local e medio ambiente, presentado polo Colexio Público integrado Alfonso VII de Caldas de Reis. Na 2º convocatoria, Os Hórreos do Concello de Ribeira de Piquín, presentado polo CEIP Aníbal Otero de Ribeira de Piquín. Na segunda modalidade resultou elixido o proxecto Muíños de Agua no Concello de Foz, presentado polo IES de Foz. O terceiro ano os premiados foron A toponimia do Val Miñor, presentada polo CEP A Cruz de Camos, e o proxecto intercentros do Condado, O patrimonio das pesqueiras do Miño, presentado polo IES Pedra da Auga de Ponteareas e mais polo IES Pazo da Mercé de As Neves.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.