Notas de prensa

Pérez Touriño sinala que o maior capital político que ten hoxe o galego é o consenso social arredor da súa necesidade e o seu valor

Destaca que o goberno aposta polo fortalecemento dos dereitos lingüísticos dos cidadáns e a consideración xurídica da lingua galega na reforma do Estatuto de Autonomía. Plantea a necesidade de que a política lingüística en Galicia non sexa obxecto de “confrontación partidaria”.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou que “o maior capital político que hoxe ten o galego é o consenso social xerado arredor da súa necesidade e do seu valor”, un consenso que, segundo salientou, “en moitos casos, vai mesmo máis alá das prácticas lingüísticas individuais, para ancorarse no terreo do afectivo e da vontade identitaria da sociedade galega”.

Na súa intervención durante o acto organizado con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2006, na Casa-Museo de Rosalía de Castro, lugar no que quere reanudar o Goberno da Xunta de Galicia a súa celebración anual do Día das Letras Galegas, Emilio Pérez Touriño manifestouse “consciente” de que a situación da lingua galega presenta dificultades concretas que “hai que avaliar, pero sen botarlle a culpa a ninguén”, xa que esta “non é a mellor maneira de mellorar a situación do idioma”. Neste sentido, recoñeceu que aínda “estamos lonxe de acadar os niveis de normalidade que necesita o galego”. “Hai problemas, algúns de grande importancia, para que poidamos considerar pechado o proceso normalizador, que non consiste nun proceso de substitución lingüística, pero si na consecución dunha presenza normal e libre do galego en todos os eidos da nosa vida pública e no pleno respecto aos dereitos lingüísticos dos galegofalantes”, asegurou.

Non obstante, incidiu no consenso social xerado arredor da lingua galega, un consenso que tivo o seu reflexo político na aprobación por unanimidade da Lei de Normalización Lingüística e do Plan Xeral de Normalización.

Estas leis, segundo indicou o xefe do Executivo galego, van permitir que desde a Xunta se leven a cabo iniciativas no eido do ensino, nos servizos sociais, nas telecomunicacións e no ámbito da administración de xustiza en relación coa normalización lingüística.

Así mesmo, a normativa vai permitir que medidas desa índole se estendan a outros campos da vida pública e que se desenvolvan e se fortalezan moitos dereitos lingüísticos dos cidadáns e a consideración xurídica da lingua galega na reforma do Estatuto de Autonomía.

O máximo mandatario autonómico fixo un chamamento para que a política lingüística non sexa obxecto de confrontación partidaria. “A política lingüística en Galicia, fágaa o Goberno que o faga, non debería ser obxecto de confrontación partidaria, máis alá das lóxicas discrepancias de matices sobre os ritmos e prioridades na aplicación desa política”, asegurou. Só desta maneira, aseverou, reflectiríase que se trata dun “asunto considerado crucial pola cidadanía e polas forzas políticas que a representan”.

Unha lingua para todos

O máximo mandatario da Xunta asegurou, ademais, que ao “igual que non se van tolerar discriminacións por razóns lingüísticas alleas a toda legalidade” tampouco “ podemos facer caer sobre a lingua galega estigmas novos, que dificulten a súa expansión social e o seu uso seguro e non conflictivo por parte dos individuos”. O presidente afirmou que non podemos caer no erro de connotar a lingua con “novos marcadores políticos ou ideolóxicos se queremos que a lingua sexa de todos e para todos”.

Nesta liña, o titular da Administración autonómica incidiu en que non só é preciso tomar medidas efectivas e poñer en práctica políticas lingüísticas activas e eficaces, senón tamén “conxugar co conxunto da sociedade un discurso lingüístico renovado”. “Realista, desde logo, porque o engano e o autogoberno son as peores políticas, pero tamén optimista e esperanzado”, aseverou.

Así mesmo, manifestou o seu convencemento e o do Goberno da Xunta no futuro e no presente do galego. “Quero transmitirlles a plena convicción do Goberno da Xunta de Galicia no futuro do galego. E tamén no seu presente, porque é un idioma vivo, operativo, valioso e eficaz como arma de comunicación, non só entre nós, senón tamén con moitos outros pobos do mundo”, concluíu.

Loa a Lugrís

Durante o acto de conmemoración do Día das Letras Galegas, o presidente da Xunta lembrou o centenario da Real Academia Galega, organismo que instituíu o Día das Letras Galegas no ano 1963. Pérez Touriño sinalou que, desde entón, Galicia foi incrementando a conciencia de si mesma.

O presidente da Xunta tamén valorou a figura de Manuel Lugrís no acto que realizou o Goberno autonómico con motivo do Día das Letras Galegas, salientando que foi “un símbolo e un compendio de toda a etapa do galeguismo”, unha época que vai desde a derradeira década do século XIX ata a eclosión renovadora e decisiva da Xeración Nós.

Pérez Touriño referiuse a Lugrís como “un deses homes que tivo que multiplicarse para poder atender ao moito que había que facer no campo da lingua, da cultura e da política galegas”. Lugrís, explicou o titular do Goberno galego, fíxoo nun momento histórico no que a modernización en curso e o “incipiente, pero xa firme proceso urbanizador ameazaba con pechar para sempre no mundo rural a lingua e a cultura galegas”.

Neste sentido, explicou Touriño, o homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas, afrontou “o desafío” impulsando o teatro en galego nos coliseos das cidades, escribindo na prensa, contribuíndo á creación das Irmandades da Fala, participando na fundación da Real Academia Galega e formando parte do equipo redactor do anteproxecto de Estatuto de Autonomía de 1932 e tamén do de 1936, entre outras actividades destacadas en defensa da lingua.

Por último, o titular do Executivo autonómico afirmou que o Día das Letras Galegas é o Día da Lingua galega, xa que é a data “na que a sociedade galega mira con máis intensidade e dunha maneira máis reflexiva o estado da lingua e da súa cultura”.

Gabinete de Comunicacion da Xunta de Galicia, 2006-05-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES