Notas de prensa

Méndez Romeu avoga pola cooperación económica e política dos concellos

* Considera necesario “repensar baixo novas fórmulas a situación da vida local en Galicia” * Na súa opinión, hoxe non existen áreas estancas entre administracións, senón que deben entenderse como estruturas de cooperación * Os concellos teñen facendas locais febles porque se levou a cabo “unha cultura da dependencia baseada na subvención finalista”, asegurou

Méndez Romeu asegurou que o Pacto Local vai satisfacer a necesidade de gobernar cooperativamente, a través da creación de instrumentos como son a participación dos concellos nas reformas de certas normativas, como a Lei do Solo, ou en temas como a xestión de residuos e dos parque eólicos ou a protección do medio ambiente e do patrimonio.

Nunha conferencia pronunciada na Facultade de Ciencias Políticas de Santiago, o conselleiro subliñou que o Pacto Local vai supoñer a asunción por parte da Xunta de “lastres impostos ou non estritamente obrigados para as corporacións locais” a través de varias vías. Méndez Romeu explicou que o Goberno autonómico deberá facerse cargo do financiamento total destas cargas en algúns casos, mentres que en outros deberá abrir unha canle de cofinanciamento para servizos que son competencia da Administración pero que teñen os concellos. Deste xeito, a Comunidade Autónoma de Galicia se autoimpón a obriga de non ditar lexislación que signifique novas cargas financeiras para os concellos sen ir acompañada dos recursos económicos necesarios. Estas medidas van permitir abordar cooperativamente certos problemas en torno aos servizos de arquitectura e urbanismo que afectan aos concellos máis pequenos para garantir que todos poidan desenvolver unha planificación coherente.

Doutra banda, Méndez Romeu asegurou que o Pacto Local non vai facer unha “delegación ou transferencia” de competencias “porque iso non funcionou en España nos últimos 25 anos”. O conselleiro engadiu que “tampouco se van a transferir déficits financeiros” que non poderían asumir, salvo en casos de concellos moi grandes como Vigo. Precisamente nos vindeiros meses crearase unha estrutura para abordar a consideración das áreas metropolitanas, como é o caso de Vigo, que permita compartir servizos adaptados e buscar economías de escala e que irá acompañada dunha modificación legal pero non da redución de concellos.

O conselleiro cualificou a proceso de xestación do Pacto Local como “sorprendentemente doado e rápido”, e salientou o acordo de todo o espectro galego local en torno aos contidos e á formulación do mesmo. Un acordo que, en palabras de Méndez Romeu, “ten moitas máis vantaxes que ser un simple feito simbólico” posto que supón “ a coincidencia de criterios en torno aos problemas básicos que existían desde hai tempo no mundo local galego”.

O titular de Presidencia destacou os cambios económicos que supón o Pacto Local, cun incremento anual dun 10% no financiamento dos concellos, máis o incremento vexetativo de carácter acumulable. Isto vai significar un incremento neto dun 65% ou 70% para a final da presente lexislatura, que se vai distribuír de acordo a criterios pactados.

Na súa intervención, Méndez Romeu explicou polo miúdo as características que marcan o momento no que se asinou o Pacto Local. Neste sentido, fixo un percorrido polo momento histórico non que nos atopamos, que tras 25 anos de institucións democráticas se están plantexando, tendo como base a experiencia deste período, reformas como a da Constitución ou a do Estatuto, ou reformas que afectan á distribución de competencias de financiamento de institucións, órganos de goberno e desenvolvemento cidadán. Na súa opinión, hoxe non existen áreas estancas entre administracións, senón que deben entenderse como estruturas de cooperación.

Febleza das facendas locais

Doutra banda, o titular da Consellería de Presidencia asegurou que as corporacións locais supoñen o 13 por cento do gasto público en España. Segundo Méndez Romeu, os concellos galegos se destacan pola febleza das súas facendas locais. Afirmou que “probablemente como consecuencia de determinadas políticas do goberno hexemónico durante moitos anos en Galicia, as facendas locais son febles, están pouco desenvolvidas”, son excesivamente dependentes dos orzamentos da Comunidade Autónoma e, en lugar de desenvolver unha cultura fiscal local, levaron a cabo “unha cultura da dependencia baseada na subvención finalista, na dependencia política do Goberno e de criterios moitas veces pouco obxectivos e que non poden garantir por si mesmos a continuidade dos servizos”. Neste sentido, Méndez Romeu explicou que na actualidade existen 116 liñas de subvención da Comunidade Autónoma cos concellos, “algo que teremos que modificar de acordo cos mesmos”, dixo. Avogou por modificar esta situación e pasar dunha situación na que pesa máis o financiamento condicionado e finalista a unha situación totalmente contraria.

Neste sentido engadiu que na meirande parte dos concellos de Galicia non existe unha política fiscal propia, e non se cobran taxas e prezos polos servizos que se prestan. Hoxe, os concellos dedican arredor do 30% do seu gasto a actividades que non son propias deles –os chamados gastos impropios-, que fundamentalmente se refiren a gastos en cultura, educación e seguridade, segundo dixo. Isto supón que “máis alá das súas competencias, os concellos teñen que dar unha resposta de acordo co seu hábitat e coa estructura da súa poboación, sen poder apelar a unha meirande presión fiscal”.

Estructuras metropolitanas

O conselleiro referiuse tamén a que en Galicia se ten producido “unha modificación moi notable” da estructura poboacional e esta Comunidade “non é xa un país rural, senón que o hábitat urbano u semiurbano gaña peso no conxunto da poboación” provocando un desprazamento cara á costa. Ao seu xuízo, estase producindo unha urbanización ou cidade difusa, un continuo de habitabilidade que sobrepasa de abondo os límites das estructuras administrativas e crea unha demanda de servizos e de equipamentos difícil de cubrir coa estrutura administrativa vixente. Ao respecto, Méndez Romeu lamentou o fracaso de algunhas fórmulas para atender os fenómenos supralocais (principalmente no que se refire ás comarcas, aínda que tamén citou as mancomunidades). Asegurou que “estamos obrigados a repensar baixo novas fórmulas a situación da vida local en Galicia”. Nesta liña, Méndez Romeu explicou que no acordo programático do Goberno recóllese o compromiso de crear en Galicia estructuras metropolitanas “para dar resposta ás necesidades das grandes aglomeracións; áreas urbanas para atender ao resto das vilas galegas; e comarcas –diferentes ás que ata agora existen-“.

Deputacións

Doutra banda, en referencia ás deputacións, o conselleiro salientou a necesidade da súa existencia debido ao elevado número de pequenos concellos que existen na Comunidade Autónoma. Méndez Romeu destacou o seu papel na redistribución de recursos e, sobre todo, na prestación da asistencia técnica en situacións que os concellos non poden afrontar, pero deben orientarse á cooperación máis que á subvención económica.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, 2006-03-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES