A nova instalación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) alcanza a clasificación ISO-7, o que permitirá traballar con axentes biolóxicos do grupo 3, aqueles que poden causar unha enfermidade grave no home e presentan un serio perigo para os traballadores, con risco de que se propague á colectividade e sen que exista xeralmente unha profilaxe ou tratamento eficaz. O animalario dispón dunha antesala-vestiario, dunha sala en presión negativa con extracción forzada e filtro HEPA de saída.
Na actualidade, o Laboratorio de Parasitoloxía do CIAM configúrase como unha Unidade de investigación, asesoramento e difusión da información, nas áreas científicas e técnicas relacionadas coas enfermidades parasitarias, explicou o investigador Xosé Antonio Castro Hermida. Especialmente no relativo ás zoonoses (enfermidade que pode transmitirse de animais ao home e viceversa), que ten grande importancia económica desde o punto de vista da produción animal. Esta unidade pretende desenvolver servizos, a través da asistencia técnica, e transferir a tecnoloxía necesaria aos profesionais da sanidade animal así como ao sector agroalimentario en Galiza, sinalou Castro Hermida.
O Laboratorio de Parasitoloxía está situado no primeiro andar do departamento de produción animal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. O animalario deste laboratorio é unha instalación científica especialmente adecuada para os proxectos de I+D. Calquera grupo de investigación do CIAM, así como o persoal doutras entidades académicas ou industriais, terán a súa disposición este animalario ISO-7 sempre baixo a supervisión de investigadores ou técnicos cualificados, para garantir a súa adecuada utilización.
O laboratorio desenvolve diversas liñas de investigación básicas e aplicadas relacionadas co diagnóstico, prevención e epidemioloxía de parasitoses que lles afectan aos animais domésticos, silvestres e ao home. Na actualidade, existen tres liñas de investigación dedicadas a examinar cinco enfermidades parasitarias de enorme interese en sanidade animal e humana como son a neosporose e toxoplasmose cun equipo dirixido pola Dra. Marta González Warleta, a cryptosporidiose e a giardiose, dirixido polo Dr. Xosé Antonio Castro Hermida, e a fasciolose, dirixido pola Dra. Mercedes Mezo Menéndez.
Entre estas liñas de traballo destacan a epidemioloxía clásica, molecular e control de parasitoses animais e humanas, inmunodiagnóstico, parasitoloxía celular, parasitoloxía molecular de protozoos e helmintos, quimioterapia experimental in vitro e in vivo: cribado e valoración da actividade antiparasitaria de novas moléculas.
Nesta liña, a asistencia técnica e os servizos enfócanse cara o diagnóstico de parasitismos por protozoos, nematodos, cestodos e trematodos a nivel gastrointestinal, pulmonar e hepático en animais domésticos e silvestres mediante a realización de análises coproparasitolóxicos cuantitativos e cualitativos, produción de antíxenos parasitarios e de anticorpos monoclonais de utilidade para inmunodiagnóstico e aplicación de técnicas de bioloxía molecular.
Outros estudos enfócanse cara a detección de formas parasitarias no medio ambiente e investígase a súa viabilidade, infectividade e virulencia. Os traballos epidemiolóxicos están encamiñados á determinación de factores de incidencia en saúde pública, estudos de vixilancia e control das zoonoses parasitarias e dos seus axentes zoonóticos co fin de aplicar programas preventivos das enfermidades parasitarias. Ademais, avalíase a actividade antiparasitaria de moléculas e facilítase o apoio científico-técnico e a formación especializada dos profesionais do sector sanitario e agropecuario
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.