Notas de prensa

Galicia e Portugal reforzarán e ampliarán a colaboración e cooperación na Eurorrexión

* Emilio Pérez Touriño asumirá en febreiro a Presidencia da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal * O Plenario da Comunidade de Traballo preparará os planos estratéxicos de desenvolvemento rexional para o período 2007-2013 * As liñas de colaboración estratéxicas centraranse nas relacións culturais e económicas * O actual presidente da Comunidade de Traballo asegura que a conexión de alta velocidade Vigo-Porto é “indispensable” para o desenvolvemento rexional

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, manifestou o seu compromiso de “reforzar, impulsar e ampliar” a colaboración, cooperación e traballo no seo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, nos terreos político, institucional, cultural e económico, ao tratarse dunha aposta “estratéxica” para a nosa comunidade.

Así o indicou tras reunirse en Monte Pío co presidente da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, Carlos Cardoso Lage, con quen acordou que o plenario deste órgano se reúna en febreiro. Nese plenario, Emilio Pérez Touriño asumirá a presidencia rotatoria da comunidade de traballo, ao tempo que se fixarán as liñas estratéxicas da eurorrexión para o período 2007-2013.

“Na actualidade, para Portugal e para Galicia é decisivo e vital gañar en espazos de cooperación, en proxectos compartidos, gañar en masa crítica e posición compartida na Unión Europea, nunha Unión en crecemento, no escenario da globalización e da competitividade internacional. Por razóns moi diversas, por vínculos políticos, culturais e xeográficos e polo interese mutuo queremos reforzar, ampliar e intensificar o proxecto estratéxico que significa a Eurorrexión”, remarcou Pérez Touriño.

Proxectos comúns

O presidente da Xunta enmarcou a redefinición das liñas estratéxicas da eurorrexión na negociación do novo marco financeiro da UE 2007-2013, o que obriga a presentar os novos proxectos no seo da Comunidade de Traballo, o que se fará en dous plenarios. O primeiro deles terá lugar en febreiro e nel abordarase o cambio na Presidencia deste órgano, que asumirá Emilio Pérez Touriño, así como a definición das liñas estratéxicas. O segundo plenario celebrarase a fin de ano e nel “entrarase no detalle dos plans operativos e nos obxectivos concretos”, indicou Touriño. “Xogámonos moito, hai moitos proxectos comúns. Será o momento de pór en marcha iniciativas para mellorar o benestar da cidadanía”, remarcou o presidente galego.

Carlos Cardoso Lage abundou nesta liña ao indicar que para Portugal e para o seu presidente, José Sócrates, é “estratéxica” a cooperación con Galicia. O tamén presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal manifestou que todas as iniciativas de reforzo desa cooperación “terán o máximo apoio” desta entidade. Así, indicou que as liñas fundamentais serán a cooperación cultural –“será o cimento de construción da eurorrexión”, dixo- así como a colaboración económica. “Toda a fronteira con Galicia é unha fronteira plena de contactos, de impulsos económico”, expresou.

Como expresión desa colaboración puxo a vindeira conclusión da conexión por autovía de Porto coa fronteira galega e o proxecto de alta velocidade ferroviaria Porto-Vigo. “O proxecto non está morto nin esquecido, é indispensable para o estreitamento das relacións” entre ambos países, indicou Cardoso Lage, quen asegurou a súa execución por parte do Executivo luso.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2005-12-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (lorca-hombre-y-joven-marinero.jpg) A obra Hombre y joven marinero (1929), do poeta e artista Federico García Lorca e pertencente á colección da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, formará parte da exposición internacional The First Homosexuals, que se inaugurará o 2 de maio no prestixioso espazo Wrightwood 659 de Chicago. Trátase dunha mostra que reúne máis de 250 obras que documentan as primeiras representacións artísticas da homosexualidade no panorama internacional posterior a 1869. A Fundación Camilo José Cela continúa así co seu labor de conservación, difusión e proxección internacional do seu valioso fondo artístico e documental, favorecendo o diálogo cultural arredor dunha das figuras máis senlleiras da literatura e da arte do século XX.
Foto de la tercera plana (castelao-isaacdiazpardo.jpg) A figura e o legado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será divulgada a través dunha decena de publicacións ao longo deste 2025, dentro das accións da programación do Ano Castelo, co que o Goberno galego conmemora o 75 aniversario dunha das figuras máis senlleiras de Galicia. Entre elas estarán 'Celebrando a Castelao. O artista polifacético', de Rubén de Lis, dúas edicións da emblemática obra teatral 'Os vellos non deben de namorarse', os discursos institucionais de Castelao (da man da Fundación Castelao) ou a dixitalización da documentación sobre o Estatuto de 1936 (en colaboración co Instituto Padre Sarmiento).

Notas

Os profesores Francisco J. Fernández, Juan J. Nieto, Adrián F. Tojo, de CITMAGA e da USC, xunto co profesor Iván Area, de IFCAE e da UVigo, acaban de publicar un traballo na prestixiosa revista internacional Nonlinear Analysis: Real World Applications, no que conseguen predicir a expansión da avespa Velutina. Utilizando ferramentas matemáticas de recente desenvolvemento teórico, empregaron datos sobre a localización de niños para predicir a localización dos futuros.
O Grupo de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais, integrado no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña, desenvolveu un bioplástico con mellores propiedades estruturais e de barreira sen precisar aditivos externos. Este traballo, enmarcado no proxecto europeo Waste2BioComp, desenvolveuse en colaboración co Leibniz-Institut für Verbundwerkstoffe GmbH de Alemaña.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES