Notas de prensa

Emilio Pérez Touriño pide serenidade e prudencia no proceso de reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia

* O presidente considera “esaxerada e artificial” a polémica suscitada encol da proposta de reforma presentada polo BNG * Asegura que se trata dunha proposta de partido que non é do Goberno, polo que fai un chamamento a “saber deslindar” os campos * Garante que a reforma da norma básica galega se fará por consenso das forzas parlamentarias e con respecto ao marco constitucional

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, fixo un chamamento á serenidade e á prudencia no debate de reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia. O máximo mandatario autonómico garantiu que a revisión da norma básica galega farase por consenso das tres forzas con representación parlamentaria, dende o respecto ao marco constitucional e sen propostas por parte do Executivo autonómico pois será o Parlamento o protagonista do proceso de reforma. Por iso, demandou tranquilidade e non xerar “polémicas artificiais”.

“Galicia comezará o seu proxecto de reforma dende o Parlamento, en sede parlamentaria, e farase dende o consenso, será a favor de Galicia e contra ninguén. Isto debe ser garantía para todos, garantía de serenidade, garantía de prudencia e garantía para que Galicia avance. Este é o camiño e así o faremos”, remarcou Emilio Pérez Touriño, quen quixo rebaixar deste xeito a polémica suscitada trala presentación da proposta de reforma estatutaria do BNG, unha polémica que cualificou de “bastante esaxerada e artificial”.

Para o presidente da Xunta, o único que ata o de agora se produciu foi a presentación dunha proposta de reforma por parte dunha forza política “que nin implica ao Goberno de Galicia nin implica ao Parlamento” pois nin o Goberno da Xunta presentará un proxecto propio nin se constituíu na Cámara galega a ponencia que abordará tal reforma. Por iso reclamou prudencia e respecto e saber “deslindar os campos”.

Emilio Pérez Touriño incidiu en que se trata dunha proposta formulada por un partido político e sobre a que todos poden opinar sempre dende o respecto e a responsabilidade. “Hai que reconducir isto ao terreo da prudencia e o respecto mutuo tanto de quen opina dende fóra en relación á reforma do Estatuto de Galicia, que debe dar a súa opinión dende o respecto, como quen a pronuncia, a formula e a promove”, agregou o xefe do Executivo galego, quen chamou a non xerar tensións innecesarias entre comunidades autónomas.

“Neste partido da reforma estatutaria parece que a afección está animada, hai que pedir prudencia e tranquilidade, porque hai moito animoso disposto a saír ao campo de xogo a criticar ao adversario. Calma e prudencia. A reforma será a favor do país, para que Galicia avance, non irá contra ninguén, será a favor do país e por consenso”, abundou Touriño.

Gravacións sobre o Prestige

O presidente tamén se referiu ás informacións publicadas na prensa que revelan unha conversa ata agora descoñecida entre o director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors, e o xefe do Centro Nacional de Salvamento, Pedro Sánchez, poucas horas despois de que o petroleiro Prestige dera a alarma de que zozobraba en augas galegas. Nestas gravacións, José Luis López Sors da a orde de que se separe o barco da costa ata que afunda. Para o presidente galego, estas cintas “son a confirmación por vía documental de algo que toda a cidadanía galega sabía, que a decisión política da xestión do Prestige era unha decisión tomada sobre a base dunha decisión previa, tomada ao inicio mesmo do accidente, de afastar o máximo posible o barco e afundilo”.

Para o xefe do Executivo con estas gravacións queda “clara” a que definiu como a “manobra política” coa que o Executivo anterior xestionou o accidente “dende a irresponsabilidade, o falseamento da información e a non asunción de responsabilidades”. Fronte a esta actitude contrapuxo a actuación da cidadanía, especialmente do voluntariado, “que demostrou unha extraordinaria madurez”.

“A miña responsabilidade é asegurar e traballar na dirección de que Galicia conte con todos os recursos, con todos os mecanismos, con todos os medios e instrumentos para garantir que aquel nunca máis que era un obxectivo común e compartido pola cidadanía da nosa terra. A miña vocación e a miña responsabilidade é mirar para adiante para construír ese mellor futuro, pero non é menos certo que tamén é o momento de deixar constancia dun comportamento, dunha actitude que agora queda demostrado, un comportamento que nunca máis se debe volver a producir en Galicia”, aseverou o presidente, quen se comprometeu a que o seu Goberno sempre “dará a cara, informará e actuarᔠcon criterios propios dun goberno democrático e responsable se se volve producir un accidente semellante.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2005-12-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (lorca-hombre-y-joven-marinero.jpg) A obra Hombre y joven marinero (1929), do poeta e artista Federico García Lorca e pertencente á colección da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, formará parte da exposición internacional The First Homosexuals, que se inaugurará o 2 de maio no prestixioso espazo Wrightwood 659 de Chicago. Trátase dunha mostra que reúne máis de 250 obras que documentan as primeiras representacións artísticas da homosexualidade no panorama internacional posterior a 1869. A Fundación Camilo José Cela continúa así co seu labor de conservación, difusión e proxección internacional do seu valioso fondo artístico e documental, favorecendo o diálogo cultural arredor dunha das figuras máis senlleiras da literatura e da arte do século XX.
Foto de la tercera plana (castelao-isaacdiazpardo.jpg) A figura e o legado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será divulgada a través dunha decena de publicacións ao longo deste 2025, dentro das accións da programación do Ano Castelo, co que o Goberno galego conmemora o 75 aniversario dunha das figuras máis senlleiras de Galicia. Entre elas estarán 'Celebrando a Castelao. O artista polifacético', de Rubén de Lis, dúas edicións da emblemática obra teatral 'Os vellos non deben de namorarse', os discursos institucionais de Castelao (da man da Fundación Castelao) ou a dixitalización da documentación sobre o Estatuto de 1936 (en colaboración co Instituto Padre Sarmiento).

Notas

Os profesores Francisco J. Fernández, Juan J. Nieto, Adrián F. Tojo, de CITMAGA e da USC, xunto co profesor Iván Area, de IFCAE e da UVigo, acaban de publicar un traballo na prestixiosa revista internacional Nonlinear Analysis: Real World Applications, no que conseguen predicir a expansión da avespa Velutina. Utilizando ferramentas matemáticas de recente desenvolvemento teórico, empregaron datos sobre a localización de niños para predicir a localización dos futuros.
O Grupo de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais, integrado no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña, desenvolveu un bioplástico con mellores propiedades estruturais e de barreira sen precisar aditivos externos. Este traballo, enmarcado no proxecto europeo Waste2BioComp, desenvolveuse en colaboración co Leibniz-Institut für Verbundwerkstoffe GmbH de Alemaña.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES