Notas de prensa

O presidente da Xunta recibe en París o fondo fotográfico e fílmico de Julio Cortázar, donado a Galicia por Aurora Bernárdez

* O legado está integrado por películas realizadas polo escritor e 2.000 fotografías que constitúen un percorrido gráfico pola súa vida * A biblioteca persoal do autor de Rayuela, depositada na Fundación Juan March, e os documentos donados á comunidade autónoma galega conforman todo o patrimonio de Cortázar que se conserva en Europa

Aurora Bernárdez, viúva e albacea de Julio Cortázar, decidiu donar o fondo fotográfico e cinematográfico do escritor arxentino á Comunidade Autónoma de Galicia. Para recibir –e agradecer– esa donación, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, entrevístase o 10 de decembro con Aurora Bernárdez na súa casa de París. Na entrevista estarán presentes tamén o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado; o director do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), José Luis Cabo, e a editora e comisaria de arte Rocío Santacruz.

Nacida en Buenos Aires en 1920, de pais galegos –de nena viviu uns anos en Lugo–, Aurora Bernárdez foi a primeira muller de Julio Cortázar, con quen casou en 1955. A pesar de divorciárense, a fins dos anos sesenta, Aurora mantivo en todo momento unha relación de intensa amizade co seu ex marido, acompañouno ata o final dos seus días e na actualidade encárgase de coidar as novas edicións de Cortázar e de preservar a súa memoria. Aurora Bernárdez é unha recoñecida tradutora, especialidade na que traballou conxuntamente con Julio Cortázar durante moitos anos. Autores como Camus, Sartre, Beauvoir, Bowles, Durrell, Calvino ou Flaubert, entre outros, foron traducidos por ela ao castelán.

O fondo fílmico que Aurora Bernárdez decididu donar a Galicia está integrado por grabacións en súper 8, de mediados dos anos sesenta, e xa está depositado no CGAI, onde se procede á súa dixitalización. Trátase de filmacións realizadas polo propio Cortázar nas súas viaxes por Brasil, a India e Uganda –catro rollos en súper 8, en total unhas dúas horas–, ademais de varias curtometraxes en 8 milímetros, que sen perderen o seu carácter documental amosan certa intención creativa e supoñen tamén un paseo pola literatura do autor de Rayuela.

O fondo fotográfico –cerca de 2.000 fotografías, entre copias e negativos– está integrado tanto por retratos realizados polo propio Cortázar con intención artística como por outros de orixe diversa, pero sempre relacionados co seu contexto literario, político e biográfico. Trátase, por dicilo así, do “álbum persoal” de Julio Cortázar. Depositadas actualmente na vivenda parisina do escritor, esas fotografías transportaranse a Galicia unha vez rematado o seu inventario, que se está levando a cabo en París polo escultor arxentino Julio Silva –gran amigo de Cortázar– e a comisaria de arte Rocío Santacruz, baixo a supervisión da propia Aurora Bernárdez.

Todas esas imaxes, inéditas na súa maioría, conforman unha auténtica fotobiografía de Julio Cortázar, xa que abranguen desde os seus primeiros anos de vida nas aforas de Buenos Aires e en Bánfield ata a súa derradeira etapa en París, pasando polo seu primeiro traballo de profesor e polas innumerables viaxes e estancias en diversos países –Europa, India, Vietnam, Cuba…– e o seu encontro con personalidades como Buñuel, Carlos Fuentes, Vargas Llosa, García Márquez, Octavio Paz ou Ernesto Cardenal.

O fondo inclúe as fotografías de “Prosa del Observatorio”, realizadas a dúas mans co fotógrafo Antonio Gálvez a partir dos negativos do propio Cortázar tomados na súa viaxe á India; os orixinais das series “Muñeca Rota” e “Los autonautas de la cosmopista”, ademais de fotografías e retratos inéditos.

Entre o fondo tamén se atopan algunhas fotografías de Julio Cortázar e de Aurora Bernárdez en Lourido (Poio, Pontevedra), realizadas durante a única viaxe que o escritor e a súa muller fixeron a Galicia pouco despois de casaren.

A importancia deste fondo acrecéntase se se ten en conta que os manuscritos, a correspondencia e a documentación que conformaban o núcleo do arquivo de Julio Cortázar pertencen na actualidade á biblioteca dunha universidade norteamericana. Xa que logo, os fondos donados a Galicia serán practicamente os únicos documentos do arquivo do escritor que se conserven en Europa, xunto coa súa biblioteca persoal –ao redor de 4.000 volumes– conservada na Fundación Juan March, en Madrid.

A fotografía sempre foi un campo que lle interesou a Julio Cortázar. Para o escritor, a novela e o conto compáranse, respectivamente, co cinema e a fotografía: unha película é un orde aberto, novelesco; unha fotografía presupón unha obra acoutada, pero ao mesmo tempo ese peche actúa como unha exposición que se abre de par en par a unha realidade moito máis ampla, como unha visión dinámica que trascende o campo que abrangue a cámara. As súas incursións na fotografía e no cinema eran disciplinas ás que o autor de Rayuela outorgaba unha especial importancia.

Cortázar e Galicia

Julio Cortázar, que só estivo en Galicia nos últimos anos da década dos 50, mantivo sen embargo estreitas relacións profesionais e de amizade con algúns dos emigrados e exiliados galegos na Arxentina, intensificadas logo do seu matrimonio con Aurora Bernárdez.

NotaO primeiro relato do escritor, se se prescinde dun texto previo aparecido nunha publicación de Chivilcoy, poboación arxentina onde exercía de profesor, foi publicado en agosto de 1944 na revista Correo Literario, que codirixían en Buenos Aires tres exiliados galegos: Luís Seoane, Lorenzo Varela e Arturo Cuadrado, a quen Cortázar frecuentaba. O conto titulábase “Bruja” e non foi reeditado ata 1984, xa desaparecido o seu autor.

A mediados dos anos corenta, Cortázar tiña preparado o que ía ser o seu primeiro libro de relatos, todos eles de corte fantástico, agrupados baixo o título de La otra orilla. O libro ía ser ilustrado por Seoane e publicado na Editorial Nova, empresa que fundaron o propio Seoane e Arturo Cuadrado. O proxecto frustrouse e La otra orilla viu a luz postumamente, en edición autorizada por Aurora Bernárdez.

Excelente tradutor que verteu ao castelán, entre outras, obras de André Gide, Keats e Marguerite Yourcernar, Cortázar iniciouse neste oficio na Editorial Nova, con senllos libros de Walter de la Mare e de Chesterton.

En 1946, Julio Cortázar comeza a colaborar na revista Cabalgata, promovida polo editor catalán Joan Merli. Nesa revista, á que chegou da man de Lorenzo Varela e de Luís Seoane, os seus directores literario e artístico, publicou o escritor arxentino 42 recensións de libros e o seu relato “Lejana”, que despois formaría parte de Bestiario.

Se os exiliados galegos foron os descubridores da freba narrativa de Julio Cortázar, o seu editor por antonomasia foi outro galego: Francisco Porrúa. Natural de Corcubión, Porrúa emigrara á Patagonia arxentina nos anos vinte do século pasado. Despois de por en marcha varias iniciativas editoriais, incorporouse á Editorial Sudamericana en 1958. Foi Porrúa quen decidiu editar Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez, logo de que o manuscrito fose refugado noutras editoriais, e quen, xa no outono da súa vida, editou El Señor de los anillos. Tamén foi o amigo e home de confianza de Julio Cortázar, quen lle confiou a maior parte da súa obra.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2005-12-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (lorca-hombre-y-joven-marinero.jpg) A obra Hombre y joven marinero (1929), do poeta e artista Federico García Lorca e pertencente á colección da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, formará parte da exposición internacional The First Homosexuals, que se inaugurará o 2 de maio no prestixioso espazo Wrightwood 659 de Chicago. Trátase dunha mostra que reúne máis de 250 obras que documentan as primeiras representacións artísticas da homosexualidade no panorama internacional posterior a 1869. A Fundación Camilo José Cela continúa así co seu labor de conservación, difusión e proxección internacional do seu valioso fondo artístico e documental, favorecendo o diálogo cultural arredor dunha das figuras máis senlleiras da literatura e da arte do século XX.
Foto de la tercera plana (castelao-isaacdiazpardo.jpg) A figura e o legado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será divulgada a través dunha decena de publicacións ao longo deste 2025, dentro das accións da programación do Ano Castelo, co que o Goberno galego conmemora o 75 aniversario dunha das figuras máis senlleiras de Galicia. Entre elas estarán 'Celebrando a Castelao. O artista polifacético', de Rubén de Lis, dúas edicións da emblemática obra teatral 'Os vellos non deben de namorarse', os discursos institucionais de Castelao (da man da Fundación Castelao) ou a dixitalización da documentación sobre o Estatuto de 1936 (en colaboración co Instituto Padre Sarmiento).

Notas

Os profesores Francisco J. Fernández, Juan J. Nieto, Adrián F. Tojo, de CITMAGA e da USC, xunto co profesor Iván Area, de IFCAE e da UVigo, acaban de publicar un traballo na prestixiosa revista internacional Nonlinear Analysis: Real World Applications, no que conseguen predicir a expansión da avespa Velutina. Utilizando ferramentas matemáticas de recente desenvolvemento teórico, empregaron datos sobre a localización de niños para predicir a localización dos futuros.
O Grupo de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais, integrado no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña, desenvolveu un bioplástico con mellores propiedades estruturais e de barreira sen precisar aditivos externos. Este traballo, enmarcado no proxecto europeo Waste2BioComp, desenvolveuse en colaboración co Leibniz-Institut für Verbundwerkstoffe GmbH de Alemaña.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES