Notas de prensa

Manuel Fraga lembra que a promoción do sector da pedra galego é un obxectivo prioritario para a Xunta

- Na inauguración das novas instalacións das empresas Roferlo S.L e Dismaval S.L - Sinala que esta actividade supón “unha importante fonte de riqueza”, e que tres cuartas partes da lousa española vendida no exterior saen de Galicia - Remarca o apoio da Administración galega, coa creación do Centro Tecnolóxico da Lousa e a Escola de Colocadores, “nacida coa vontade de profesionalizar o oficio”

“Estamos ante a consolidación de dúas empresas dun sector de carácter estratéxico para a economía galega e ben arraigado nas actividades industriais da nosa Comunidade. E, como tal, o seu desenvolvemento e promoción constitúe un obxectivo prioritario para a Xunta de Galicia”. Son palabras de Manuel Fraga no Barco de Valdeorras, na inauguración das novas instalacións de Roferlo S.L e Dismaval S.L, empresas que traballan a lousa.

Manuel Fraga salientou cómo a “perseveranza” empresarial a favor de estratexias innovadoras e doutras que contribúan a mellorar a produtividade permite “afrontar a batalla da competitividade con garantías”, e “defender o posto” que o sector se gañou “merecidamente” no comercio internacional. De feito, lembrou que o 75% da lousa española que se exporta ao exterior procede de Galicia, primeira Comunidade en produción e exportación de lousa.

IMPORTANTE FONTE DE RIQUEZA

Manuel Fraga asegurou que a industria galega do sector está nunha permanente evolución cara a integración total do traballo, desde a extracción ata a colocación, pasando pola elaboración e a comercialización. Fraga quixo sinalar o “forte desenvolvemento económico, tecnolóxico e social” que leva consigo esta actividade, que “supón unha importante fonte de riqueza”, e quixo tamén destacar o papel do capital humano e a súa formación, un “elemento primordial”.

A este respecto lembrou a creación do Centro Tecnolóxico da Lousa -por parte da Consellería de Innovación, Industria e Comercio- e da Escola de Colocadores da Lousa, “nacida coa vontade de profesionalizar este oficio”, velando pola súa “competencia e calidade”.

DÚAS EXPERIENCIAS EMPRESARIAIS CONSOLIDADAS

Manuel Fraga referiuse ao traballo desenvolvido por Roferlo S.L. -empresa especializada na construción de cubertas- nos seus case corenta anos de existencia, presentándoa como “exemplo claro de cómo afrontar os novos retos do mercado, apostando pola diversificación da oferta”.

No caso de Dismaval S.L. -empresa centrada fundamentalmente na distribución- Fraga falou dela como “claro exemplo das potencialidades da actividade de colocación da lousa”. En definitiva, dúas experiencias empresariais “consolidadas que avalan o enorme potencial” do sector da lousa, indicou.

PALABRAS DE MANUEL FRAGA NA INAUGURACIÓN DAS INSTALACIÓNS DE ROFERLO S.L. E DISMAVAL S.L.

- “Estamos ante a consolidación de dúas empresas dun sector de carácter estratéxico para a economía galega e ben arraigado nas actividades industriais da nosa Comunidade. E, como tal, o seu desenvolvemento e promoción constitúe un obxectivo prioritario para a Xunta de Galicia”.

- “A perseveranza empresarial a prol de estratexias innovadoras e de fórmulas que contribúan a aumentar a súa produtividade está permitindo afrontar a batalla da competitividade con garantías, e defender o posto que este sector se gañou merecidamente no comercio internacional”.

- “Galicia é a primeira Comunidade española en produción e exportación de lousa. De feito, o 75% da lousa española vendida no exterior leva a insignia galega, que se achega aos mercados máis esixentes no que atinxe a calidade, como son Francia, Alemaña ou Reino Unido”.

- “Esta actividade leva consigo un forte desenvolvemento económico, tecnolóxico e social, por canto contribúe á creación dun forte tecido industrial ao seu redor, á creación de emprego e a estar ao día das innovacións tecnolóxicas. En definitiva, supón unha importante fonte de riqueza, para a consecución da cal o capital humano e a súa preparación constitúen, sen dúbida, un elemento primordial”.

- “Como apoio ao sector, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio creou e dotou o Centro Tecnolóxico da Lousa, un edificio que alberga tamén a Escola de Colocadores da Lousa, nacida coa vontade de profesionalizar este oficio. Trátase de velar pola súa competencia e calidade, formando colocadores profesionais e futuros xefes de equipos de colocación”.

- “Con case 40 anos de existencia, Roferlo S.L. [empresa especializada na construción de cubertas] é un exemplo claro de cómo afrontar os novos retos do mercado, apostando pola diversificación da oferta cara a conxugación de materiais”.

- “Dismaval S.L. é tamén outro claro exemplo das potencialidades da actividade da colocación da lousa. Centrada fundamentalmente na distribución, ofrece ademais ao profesional da arquitectura e enxeñería o soporte técnico necesario para resolver cubertas singulares”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2005-07-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (romaxe-viquinga-vicedo.jpg) O pregón da romaxe terá lugar no exterior da Casa da Cultura do Vicedo ás 20.30 horas do venres, e correrá a cargo do actor e guía turístico Suso Martínez. A actividade continuará nas rúas da localidade con música, combates e exhibicións a cargo das asociacións de recreación histórica Cabaleiros Rías Altas, Hípica Celta, Gandalf e Caballeros Bergidum Templi. O escenario do sábado será a praia de Area Grande de San Román, que acolle os campamentos viquingo e cristián e as numerosas actividades que se sucederán ao longo da xornada, como obradoiros, pintacaras, xogos tradicionais, clase de runas, talleres de coiro, contacontos ou un concurso para premiar as mellores caracterizacións.
Foto de la tercera plana (lavuelta-2025.jpg) Do total das 21 etapas que compoñen esta edición de La Vuelta , tres desenvolveranse por solo galego. En concreto, o paso por Galicia deste certame será entre o 7 e o 10 de setembro. O día 7, na etapa 15, o grupo de competidores entrará na comunidade desde Asturias, no tramo A Veiga/Vegadeo-Monforte de Lemos. Tras dunha xornada de descanso, a competición retómase o día 9 coa etapa 16, que vai de Poio a Mos -rematando en concreto no Castro de Herville-. O día 10 de setembro, ‘La Vuelta’ despídese da comunidade galega coa etapa 17, que por primeira vez sairá desde O Barco de Valdeorras para chegar, 143 quilómetros despois, ao Alto de El Morredero, xa en Ponferrada.

Notas

Presentado como 'o evento de emprendemento máis importante do noroeste peninsular', Pont-Up Store fai pública a relación das iniciativas empresariais seleccionadas para a súa décimo segunda edición, que terá lugar o 19 e 20 de setembro. Promovido pola UVigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, este encontro permitirá coñecer 40 'emprendementos disruptivos'.
Nun escenario enerxético onde a incorporación de fontes renovables medra con rapidez, asegurar unha subministración eléctrica constante e estable converteuse nun reto prioritario. Tecnoloxías como a solar ou a eólica, aínda que limpas, son intermitentes, polo que o almacenamento enerxético perfílase como clave para xestionar a demanda, evitar desequilibrios na rede e apoiar situacións críticas.º
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES