Notas de prensa

A USC coordina o proxecto no que participan a Universidade dos Andes (Chile) e a de Carolina del Norte (EEUU)

- A vida cotiá do galego protagoniza un documental multimedia - Traballos semellantes, realizados en Sudáfrica e en Chile en anos anteriores, acadaron importantes premios internacionais polo seu deseño, infografía e fotografía

A rapa das Bestas, o Camiño de Santiago ou as menciñeiras son tres dos temas escolmados para formar parte do documental multimedia que sobre Galicia están a realizar alumnos das Universidades de Santiago de Compostela (USC), de Carolina del Norte (UNC/EEUU) e dos Andes (Chile).
Dende o pasado día 1 ata o próximo 31 de xullo profesores, alumnos e profesionais dos tres países traballan na Facultade de Ciencias da Comunicación na elaboración dunha páxina web documental que mostre a Galicia actual a través da vida dos seus habitantes. Os membros do equipo están a seguir a vida dos agricultores, dos mariñeiros e dos mariscadores galegos co fin de encontrar e transmitir a visión máis intimista. Ademais da Galicia traballadora, a páxina web documental incluirá tamén reportaxes sobre a música tradicional, a artesanía ou os conta contos en Galicia. Todos os traballos estarán editados en tres idiomas (galego, español e inglés).
Os organizadores da experiencia –o grupo de investigación Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación- que se realiza por primeira vez en Galicia, buscan obter unha panorámica que evidencia as conexións entre a tradición e a modernidade a través da ollada de profesionais de culturas tan diferentes como a estadounidense, a chilena e a galega. O equipo de investigación móstrase satisfeito con esta primeira semana de experiencia e coa acollida dos profesionais e artistas galegos, auténticos protagonistas das reportaxes.

Equipo humano.-

O equipo de case 50 alumnos está coordinado por profesores e profesionais, expertos no ámbito das tecnoloxías dixitais, da fotografía, do deseño e da infografía. Forman parte do grupo os fotógrafos Rich Beckman (UNC), Bonnie Jo Mount (News&Observer) y Pat Davison, membro do equipo do xornal estadounidense Rocky Mountain News que conseguiron un premio Pulitzer pola cobertura dos asasinatos no instituto Columbine; os infografistas Alberto Cairo e Xaquín G.V., unha das publicacións dixitais que conta con numerosos galardóns no eido infográfico, deseñadores como Laura Ruel (UNC e SND) e profesores da USC como Xosé López, Berta García, Manuel Rodríguez e Gaspar Broullón.
O proxecto forma parte dunha serie de experiencias impulsadas pola UNC que aglutinan os planos de aprendizaxe, do traballo en equipo, do intercambio de ideas, do debate e do coñecemento. Os anteriores realizáronse en Chile e en Sudáfrica e os documentais realizados acadaron importantes premios, tanto de fotografía, de infografía como de deseño. A proposta de Chiloé Stories (www.chiloestories.org) foi considerada o mellor proxecto documental estudiantil pola Online News Association (ONA) e Ten Years On (www.tenyearson.org), dedicada ó aniversario da fin do apartheid en Sudáfrica, obtivo un galardón da Society for News Design (SND).
Esta experiencia é a última, ata este momento, dunha serie de documentos, producidos na súa totalidade por estudiantes da Universidade de Carolina del Norte en colaboración con institucións de fóra de Estados Unidos, cós que se pretende unha aproximación á forma de vida, á cultura e ás tradicións dos distintos territorios ós que acuden.
Nesta ocasión, financian o proxecto, ademais da ambaixada de EEUU en España, a USC, o Xacobeo, a Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual da Xunta de Galicia e a Fundación Fulbright.

Novos Medios. Facultade de Ciencias da Comunicación USC, 2005-07-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (turismo-hotel-cama.jpg) A comunidade galega vén de alcanzar varios fitos históricos nos indicadores turísticos do sector hoteleiro rexistrados o pasado mes de xuño cando por primeira vez superou o millón de noites acadando 1.011.613 noites realizadas polos 573.849 visitantes dese mes. Isto tradúcese nun incremento do 5 % en demanda turística e do 7,5 % en número de visitantes; nos dous casos por riba das medias nacionais, que se sitúan no 2,1 % e no 3,3 %, respectivamente. Estas boas cifras tamén se trasladan ao bo rendemento económico ao confirmar que no que vai de ano, de xaneiro a xuño, o sector hoteleiro galego obtivo uns ingresos nominais de 165,5 M€, un 4,3 % máis que nos seis primeiros meses de 2024.
Foto de la tercera plana (lavuelta-2025.jpg) Do total das 21 etapas que compoñen esta edición de La Vuelta , tres desenvolveranse por solo galego. En concreto, o paso por Galicia deste certame será entre o 7 e o 10 de setembro. O día 7, na etapa 15, o grupo de competidores entrará na comunidade desde Asturias, no tramo A Veiga/Vegadeo-Monforte de Lemos. Tras dunha xornada de descanso, a competición retómase o día 9 coa etapa 16, que vai de Poio a Mos -rematando en concreto no Castro de Herville-. O día 10 de setembro, ‘La Vuelta’ despídese da comunidade galega coa etapa 17, que por primeira vez sairá desde O Barco de Valdeorras para chegar, 143 quilómetros despois, ao Alto de El Morredero, xa en Ponferrada.

Notas

O grupo 'Virus and Cancer' do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas logrou identificar un novo mecanismo de regulación da proteína p14ARF, un factor chave na supresión tumoral. O achado, publicado na revista Cell Death and Disease, podería ter importantes implicacións no tratamento do cancro, ao contribuír a entender os procesos que regulan o crecemento tumoral e potenciar o efecto dun novo fármaco.
A integración do proxecto CORTIS (Camera Observation & Radiation Test in Space), da asociación de estudantes UVigo SpaceLab, no vehículo de transferencia orbital OSSIE da empresa galega UARX Space xa é unha realidade. A carga útil, que permitirá ao alumnado comparar os resultados de cámaras e sensores de radiación que se implementarán no cubesat BIXO, integrouse no primeiro vehículo de transferencia orbital desenvolvido en España.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES