Notas de prensa

A Coruña reforza o seu papel na visión atlántica da descarbonización industrial

A UDC acolleu o curso 'Descarbonización Industrial e Tecnoloxías de Captura, Transporte, Almacenamento e Uso do CO₂: Unha Visión Atlántica', no que se abordaron a redución de emisións en sectores industriais de difícil descarbonización, as cadeas de valor asociadas ao CO₂, as infraestruturas de transporte e almacenamento xeolóxico, así como as diferentes alternativas para a valorización deste gas.

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da UDC acolleu o curso de verán 'Descarbonización Industrial e Tecnoloxías de Captura, Transporte, Almacenamento e Uso do CO₂: Unha Visión Atlántica', unha iniciativa organizada conxuntamente polo Laboratorio de Mecánica de Rochas (LaMeRoc) e a Plataforma Tecnológica Española del CO₂ (PTECO2), coa colaboración da Fundación Ingeniería Civil de Galicia (FICG), do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil da UDC (CITEEC), así como de diversas entidades profesionais e empresariais do sector.

O curso contou coa participación de máis de 50 asistentes, entre estudantado, profesionais e representantes de diferentes organizacións interesadas nas estratexias de descarbonización industrial. Ao longo das dúas xornadas, os participantes tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man os avances máis recentes nas tecnoloxías de “Captura, Transporte, Almacenamento e Usos do CO₂” (CAUC), consideradas unha das ferramentas fundamentais para acadar os obxectivos de neutralidade climática establecidos no marco do Pacto Verde Europeo e das políticas de transición enerxética.

Durante o encontro abordáronse cuestións relacionadas coa redución de emisións en sectores industriais de difícil descarbonización, as cadeas de valor asociadas ao CO₂, as infraestruturas de transporte e almacenamento xeolóxico, así como as diferentes alternativas para a valorización deste gas. O programa reuniu representantes do ámbito académico, das administracións públicas, dos colexios profesionais e de empresas vinculadas ao desenvolvemento e implantación destas tecnoloxías, favorecendo un enriquecedor intercambio de experiencias e perspectivas.

Ademais de analizar os retos tecnolóxicos asociados á implantación de solucións CAUC, o curso puxo de manifesto a necesidade de fortalecer a formación especializada nun ámbito que experimentará unha crecente demanda de profesionais cualificados nos vindeiros anos. Neste contexto, destacouse o papel que universidades, centros de investigación e colexios profesionais están chamados a desempeñar para dotar o tecido industrial dos coñecementos e competencias necesarios para deseñar, avaliar, operar e supervisar proxectos complexos de xestión do CO₂.

As distintas intervencións coincidiron tamén en sinalar que o despregamento efectivo das tecnoloxías CAUC require non só avances científicos e técnicos, senón tamén un marco regulatorio, xurídico e económico estable e previsible. A magnitude dos investimentos necesarios e os longos horizontes temporais de desenvolvemento dos proxectos fan imprescindible que as empresas dispoñan de mecanismos de apoio e acompañamento que acheguen seguridade xurídica, certeza regulatoria e suficiente visibilidade económica para facilitar a toma de decisións e reducir os riscos asociados á implantación de novas infraestruturas de descarbonización.

Así mesmo, destacouse a necesidade de integrar as tecnoloxías CAUC con outras medidas de mitigación, como a eficiencia enerxética, a electrificación dos procesos e o uso de enerxías renovables, configurando estratexias complementarias que permitan avanzar cara a unha industria competitiva, resiliente e aliñada cos obxectivos climáticos europeos. Neste sentido, a fachada atlántica, co HUB de descarbonización do Porto Exterior da Coruña, perfílase como un exemplo de primeira magnitude dun contorno especialmente favorable para o desenvolvemento de iniciativas vinculadas á cadea de valor do CO₂.

A iniciativa contou co apoio de numerosas entidades colaboradoras, entre elas colexios profesionais (as demarcacións en Galicia do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos e do Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía de Galicia e o Ilustre Colexio Oficial de Xeólogos), así como empresas (Pasek Minerales, Recursos de Galicia, Vertex Bioenergy, Técnicas Reunidas, Exolum, Cobre San Rafael e Resonac) e organizacións (Cámara Oficial Mineira de Galicia e Xunta de Galicia) vinculadas aos ámbitos enerxético, industrial e ambiental, reflectindo o crecente interese que espertan as tecnoloxías CAUC no contexto da transición enerxética.

O curso, que contou con nove relatorios convidados e dúas mesas redondas, completouse con visitas técnicas ás instalacións do CITEEC e do LaMeRoc, así como ás instalacións da empresa Resonac, permitindo aos participantes coñecer de primeira man algunhas das infraestruturas e liñas de traballo relacionadas coa innovación tecnolóxica e a descarbonización industrial.

Con esta actividade formativa, a Universidade da Coruña e a PTECO2 reforzan o seu compromiso coa divulgación científica, a transferencia de coñecemento e a formación de profesionais altamente cualificados en tecnoloxías chamadas a desempeñar un papel decisivo na transformación sostible da industria europea e na consecución dos obxectivos de neutralidade climática.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-07-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES