Notas de prensa

Só unha de cada oito empresas galegas conta cunha política formal de xestión do risco

Só o 13,2 % das empresas en Galicia dispón dunha política formal de xestión do risco, unha cifra que mesmo descende respecto á rexistrada hai cinco anos (16,7 %). É unha das principais conclusións do estudo 'La gestión del riesgo en el sector empresarial gallego' promovido por Fundación Inade e elaborado polo Centro de investigación ECOBAS cuxos resultados se presentaron no marco da primeira edición de RISKGALICIA.

A investigación, realizada polo catedrático de Economía Financeira e Contabilidade Luis Otero González e polo vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade da USC, Pablo Durán Santomil, constitúe a terceira edición deste traballo, tras as de 2015 e 2021. O estudo analiza o grado de implantación da xestión integral do risco nas empresas galegas e ofrece unha radiografía da súa evolución, identificando fortalezas, debilidades e áreas de mellora.

Os resultados revelan unha realidade marcada por claros contrastes. Por unha banda, as empresas galegas son máis conscientes dos riscos aos que se enfrontan e avanzaron na integración desta cuestión na súa cultura corporativa. Non obstante, esta maior concienciación aínda non se traduciu en estruturas formais de xestión. A adopción de estándares internacionais como a ISO 31000 ou COSO segue a ser residual, os comités de riscos continúan a ser pouco habituais e apenas o 16,8 % das empresas conta cun responsable de riscos específico (*Chief Risk Officer*).

O estudo tamén pon de manifesto unha brecha significativa entre as grandes empresas e as pemes. As primeiras amosan niveis de madurez máis elevados en aspectos como o control interno, a auditoría, a comunicación de riscos á dirección e a existencia de políticas formalizadas, mentres que as pequenas e medianas empresas manteñen modelos moito menos estruturados.

"A empresa galega é hoxe máis consciente dos riscos aos que se enfronta ca hai cinco anos. O seguinte paso debe ser traducir esa maior conciencia en sistemas de xestión máis estruturados que lles permitan anticiparse ás ameazas e aproveitar as oportunidades", sinala Luis Otero González.

O estudo, baseado nunha enquisa a 477 empresas galegas, reflicte tamén un aumento xeneralizado no impacto percibido dos riscos. Nun contexto económico cada vez máis complexo, os riscos estratéxicos e normativos encabezan a lista, seguidos polos riscos operativos e financeiros. A análise dos riscos específicos que máis preocupan ás empresas destaca a actividade da competencia, as novas normativas, a xestión dos recursos humanos, a ciberdelincuencia e o custo das materias primas.
No que respecta aos riscos emerxentes, o estudo identifica a ciberseguridade como a ameaza máis inmediata para as organizacións, aínda que sinala que a contratación de seguros de ciberseguridade segue a ser baixa. O cambio climático está a gañar relevancia na axenda corporativa, malia que o investimento en adaptación e mitigación continúa a ser limitado. Pola súa banda, a intelixencia artificial aínda non se considera amplamente unha prioridade estratéxica, sendo a falta de persoal cualificado o principal obstáculo para a súa implementación.

Os investigadores salientan ademais que as empresas con sistemas de xestión de riscos máis desenvolvidos demostran unha maior capacidade para anticiparse ás situacións de crise e responder a elas, exhiben niveis máis elevados de resiliencia e obteñen mellores resultados en indicadores como o valor engadido bruto, a estabilidade da rendibilidade axustada ao risco e os niveis de endebedamento.

"A xestión de riscos non consiste só en reaccionar cando xorde un problema. Implica integrar o risco na estratexia empresarial para tomar mellores decisións, protexer o valor da organización e aproveitar as oportunidades que ofrece un contorno cada vez máis incerto", afirma Pablo Durán.

Á vista dos resultados obtidos, o estudo avoga por avanzar cara a modelos de xestión de riscos máis maduros e estruturados. Para tal fin, recomenda reforzar a formación e a cultura de risco nas empresas, fomentar a profesionalización mediante roles especializados e órganos de goberno dedicados, colaborar co sector asegurador para deseñar solucións adaptadas ao tecido empresarial galego e integrar os riscos emerxentes na planificación estratéxica. Así mesmo, propón a creación dun Observatorio de Xestión de Riscos para supervisar de xeito continuo a evolución das empresas galegas e difundir as mellores prácticas.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-07-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES