
Seleccionado na convocatoria europea Chist-Era, o proxecto MultiGIS4Rivers céntrase na creación dunha plataforma dixital que reúna e conecte toda a información necesaria para entender, conservar e xestionar mellor os ecosistemas fluviais e toda a súa conca, sinala a súa coordinadora, Xana Álvarez, investigadora principal do grupo HydroForest.
A EE Forestal acolleu este luns a reunión de lanzamento dun proxecto que busca superar as limitacións das metodoloxías convencionais na xestión de recursos hídricos e desenvolver unha plataforma que actuaría como ventá única de acceso a información en tempo real sobre o caudal dos ríos, calidade das augas, riscos naturais ou situación dos ecosistemas. Deste xeito, facilitaría unha xestión máis eficiente, sostible e coordinada do territorio e os recursos naturais ligados ao ríos, apunta Álvarez. Ao mesmo tempo, o uso da intelixencia artificial e da aprendizaxe automática permitiría analizar grandes volumes de datos de forma rápida e eficiente, facendo posible a identificación de patróns, tendencias e posibles problemas antes de que ocorran, de tal xeito que sería tamén unha plataforma de apoio á toma de decisións por parte das e dos responsables da xestión destes recursos.
MultiGIS4Rivers (Multidimensional data analysis for the management of river ecosystems through multiscale automatic tools) conta co financiamento da Agencia Estatal de Investigación, dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e foi un dos nove proxectos seleccionados na convocatoria de 2023 do consorcio europeo Chist-Era. Esta selección supón un importante recoñecemento ao traballo científico que desenvolve o grupo, reforza a súa proxección internacional e consolida o seu papel como referente na xestión sostible dos recursos hídricos e forestais, sinala Álvarez da escolla de MultiGIS4Rivers nunha convocatoria centrada nos enfoques computacionais innovadores para sistemas de información xeográfica, na que acadaron financiamento menos do 30% das propostas presentadas. Xunto ao grupo HydroForest, neste proxecto participa o grupo GeoTech do Cintecx, así como un equipo interdisciplinar de investigadoras e investigadores do Instituto Finlandés de Investigación Xeoespacial e das universidades HES-SO (Suíza), Adam Mickiewicz (Polonia), Tecnolóxica de Brno (República Checa) e Estadual de Campinas (Brasil).
Unha plataforma integral
Iniciado no mes de setembro, trátase dun proxecto de tres anos de duración, que abrangue o uso de modelos de aprendizaxe profundo para a adquisición e combinación de datos multidimensionais e multiescala e o deseño de sistemas de monitorización para a compilación de información a escala detallada. Con ese propósito, empregará imaxes por satélite, sensores, imaxes hiperespectrais de vehículos aéreos non tripulados ou datos obtidos con tecnoloxía LiDAR. Esta información reuniríase nunha plataforma SIG con diferentes interfaces, segundo o tipo de persoa usuaria. O proxecto explorará técnicas informática de última xeración, deseñadas para procesar datos espazo-temporais, sinala o equipo responsable dunha investigación na que empregaranse algoritmos de aprendizaxe automática e de aprendizaxe profunda para extraer información significativa de conxuntos de datos complexos.
Entre os principais datos que prevén integrar nesta plataforma atópase información sobre o caudal do río, niveis da auga, precipitacións ou secas, que axudan a entender como flúe a auga e como varía ao longo do tempo, explica Álvarez. Tamén se recollerán diferentes indicadores relativos á calidade da auga, como nivel de contaminantes, presenza de nutrientes, osíxeno disolto ou temperatura da auga, fundamentais para avaliar o estado ecolóxico do río. Nesta plataforma integrarase ademais información sobre os usos do solo cobertura vexetal da área, o que permitirá coñecer como inflúen no río e na súa contorna, así como a presenza de especies animais e vexetais, cos que coñecer a saúde ecolóxica da conca. Ao mesmo tempo, incorporaranse datos sobre infraestruturas, como presas, canais ou estacións de tratamento, e sobre os aproveitamentos agrícolas ou industriais da auga, xunto con datos sobre riscos naturais, como inundacións, erosión, incendios forestais ou corrementos de terra que poden afectar á contorna fluvial. Do mesmo xeito, sumaranse a esta ferramenta datos sobre actividades económicas ligadas ao río e sobre as comunidades locais, así como información relativa a normativas ambientais e plans hidrolóxicos ou de ordenación territorial.
Coa que anticipar escenario futuros
Co obxectivo de dar forma a unha plataforma integral, preditiva e adaptable para a xestión dos recursos hídricos, o proxecto baséase na dixitalización dos recursos hídricos a partir de datos multifonte e multiescala, que permitan un modelado multitemporal, que permita non só a análise da situación actual, senón tamén anticipar futuros escenarios. Neste punto, o desenvolvemento de algoritmos de apoio á toma de decisións e o uso da intelixencia artificial fará posible anticiparse aos impactos ambientais, contribuíndo a predicir crecidas ou secas, detectar anomalías na calidade da auga ou suxerir medidas de xestión máis efectivas segundo o comportamento da rúa e da súa contorna, explica Álvarez. O proxecto comprende tamén o desenvolvemento de modelos preditivos de cambios en corredores ecolóxicos de ecosistemas de auga doce, que teñan en conta diferentes escenarios climáticos e permitan avaliar os efectos da implantación de solucións baseadas na natureza.
O seu propósito é contribuír a unha xestión máis sostible dos recursos hídricos, adaptada aos retos do cambio climático, destaca Álvarez, tendo en conta que os ríos son áreas cruciais para a estratexias de conservación orientadas á preservación da biodiversidade. De feito, un dos obxectivos deste proxecto é que esa combinación de técnicas informáticas de última xeración, aprendizaxe automática e algoritmos de aprendizaxe profunda permita descubrir os principais impulsores do deterioro dos ecosistemas de auga doce, contribuíndo a "comprender as interaccións entre os diversos factores que afectan á saúde dos ríos.
Posta a proba en espazos con diferentes desafíos ambientais
Co propósito de comprobar o potencial destas ferramentas, o equipo investigador porá a proba este sistema en rexións de Brasil, Polonia, República Checa e España, nas que as concas fluviais enfrontan diversos desafíos, como inundacións, fragmentación, contaminación e abandono de terras. Nese senso, o seu obxectivo é que as metodoloxías desenvoltas no proxecto poidan empregarse noutras rexións que afronten desafíos similares.
Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas especializada en feltro é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento. Na categoría Promociona para Entidades Privadas, resultou finalista a asociación APAMP e a súa marca A Casa Rodante; e no Promociona para Entidades Públicas, é candidata a Fundación Pública Artesanía de Galicia, polo seu proxecto Aprender da tradición. Oficios e técnicas.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou que a Xunta vai desenvolver o título II da Lei de Xuventude de Galicia' para mellorar a calidade dos servizos que se prestan á mocidade galega con medidas para 'incrementar o número de monitores nos campamentos ou flexibilizar os requisitos para poder exercer este traballo'. Así se recolle no proxecto de decreto co que se actualiza o segundo título desta normativa que foi avaliado hoxe no Consello da Xunta e que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia 'despois dun longo proceso de participación e diálogo cos axentes implicados' a través de distintos espazos de escoita activa como reunións, sesións de traballo, unha caixa de correos ou foros. O obxectivo, segundo explicou Calvo, é 'actualizar e adaptar a normativa ás necesidades xurdidas nos últimos anos'.