Notas de prensa

Persoal investigador do campo dos estudos literarios intercambia coñecementos e fortalece a cooperación científica na FFT

Cun panel sobre perspectivas históricas comezou a terceira edición do Coloquio Internacional en Estudos Literarios, que se prolongará ata mañá na Facultade de Filoloxía e Tradución, organizado polo Programa de Doutoramento Interuniversitario en Estudos Literarios das Universidades de Vigo e da Coruña, o Grupo de Investigación BiFeGa e a Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo e coordinado polo docente e investigador Burghard Baltrusch, director do grupo BiFeGa.

No transcurso do encontro daranse a coñecer unha trintena de traballos desenvolvidos arredor de varios eixes temáticos: Literaturas en lingua española, galega e portuguesa; literaturas comparadas; estudos de tradución; estudos culturais; música; teatro; cinema; artes visuais; experimentalismo e estudos interartes, historia… “O seu obxectivo principal é favorecer o intercambio de coñecementos, metodoloxías e experiencias entre doutorandas e doutorandos do campo dos estudos literarios, ademais de fortalecer a cooperación científica e o diálogo interdisciplinar entre os grupos de investigación asociados”, sinala Burghard Baltrusch, que iniciou a súa intervención na inauguración do Coloquio facendo súa unha cita do escritor Manuel Rivas: “A literatura é a forma máis libre de respiración.”

Cunha importante presenza da comunidade investigadora de Brasil (Pernambuco, Río Grande do Sul, Estadual de Paraiba, Católica de São Paulo, Estadual do Oeste do Paraná, Federal de Uberlandia), que se completa con representantes das tres universidades galegas e de Portugal (Porto, Coimbra e Nova de Lisboa), o coloquio focalízase nas novas e novos investigadores, facilitando o intercambio de coñecementos e experiencias das mozas e mozos que se están a incorporar ao mundo da investigación no eido dos estudos literarios e culturais en Europa e en América.

Na súa intervención o coordinador do Coloquio lembrou que a súa celebración coincide co 12º aniversario do Programa de Doutoramento Interuniversitario en Estudos Literarios (PDIEL) e os 10 anos de existencia da Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo. Así mesmo, enumerou algunhas das cifras máis salientables acadadas polo PDIEL: 24 teses defendidas nos últimos anos e 60 en curso na actualidade, máis da metade de alumnado procedente doutras universidades e un 25% de estudantes internacionais; 107 publicacións realizadas por doutorandas, doutorandos e persoas xa tituladas: cinco libros de autoría individual e cinco edicións de obras colectivas; tres números especiais de revistas; 33 capítulos de libros e 54 artigos en revistas académicas, dos cales 35 están indexados en bases internacionais como Scimago ou ERIHPlus.

Paneis, debates e dúas conferencias plenarias

No programa, que inclúe unha decena de paneis e debates, destacan dúas conferencias plenarias, impartida a primeira delas este mediodía pola profesora da Universitat de Barcelona, Helena González Fernández, investigadora do Centro de investigación Teoría, Xénero e Sexualidade desta universidade e profesora titular de Estudos Galegos e Portugueses e correspondente da Real Academia Galega. Acorde coa súa liña de investigación, que se vertebra arredor da crítica literaria feminista, a cultura popular e a teoría das emocións Helena González ofreceu un relatorio titulado O que as emocións producen. Achegas feministas e queer, que foi introducido pola profesora Beatriz Suárez Briones, coordinadora do programa de doutoramento que organiza as xornadas.

A segunda conferencia celebrarase esta tarde, a partir das 19.00 horas no Instituto Camões, da man de Joana Videira, da Universidade Nova de Lisboa, que recuperará a figura da poetisa, cronista e tradutora portuguesa Adília Lopes, considerada unha das autoras de culto portuguesas. Adilia Lopes, cartografía do escândalo. Transgressões da geografía amorosa na reescritura das Cartas Portuguesas é o título do relatorio que ofrecerá Videira e que será moderada por Burghard Baltrusch.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-10-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (premios-nacionales-artesania-2026.jpg) Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas —especializada en feltro— é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento. Na categoría Promociona para Entidades Privadas, resultou finalista a asociación APAMP e a súa marca A Casa Rodante; e no Promociona para Entidades Públicas, é candidata a Fundación Pública Artesanía de Galicia, polo seu proxecto Aprender da tradición. Oficios e técnicas.
Foto de la tercera plana (xuventude.jpg) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou que a Xunta vai desenvolver o título II da Lei de Xuventude de Galicia' para mellorar a calidade dos servizos que se prestan á mocidade galega con medidas para 'incrementar o número de monitores nos campamentos ou flexibilizar os requisitos para poder exercer este traballo'. Así se recolle no proxecto de decreto co que se actualiza o segundo título desta normativa que foi avaliado hoxe no Consello da Xunta e que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia 'despois dun longo proceso de participación e diálogo cos axentes implicados' a través de distintos espazos de escoita activa.

Notas

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela celebra a concesión do Premio Diego Bernal 2027 a Xosé López García, xornalista, doutor en Historia e profesor emérito do centro. A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) acordou por unanimidade concederlle o galardón en recoñecemento a unha traxectoria de case cinco décadas dedicada ao xornalismo, á docencia e á investigación.
No marco do proxecto transfronteirizo Bio Transfer GNP, liderado polo centro de investigación interuniversitario Ecobas, o campus de Ourense acolleu este mércores o lanzamento dunha ferramenta baseada en intelixencia artificial que permite identificar recursos e oportunidades para impulsar a economía circular a partir de subprodutos da cadea de valor alimentaria da eurorrexión Galicia-norte de Portugal.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES