
Fernando Calvet i Prats foi quen de identificar as carencias substanciais que tiña a Universidade no seu momento, continuou o reitor, para despois impulsar transformacións que foron cruciais no seu tempo.
Manuel Freire Rama, catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela e académico da RAGC, foi o encargado de profundar na traxectoria do homenaxeado a través do relatorio Unha semblanza da actividade científica de Fernando Calvet. Ademais, no transcurso do acto proxectouse un vídeo sobre a traxectoria e os logros do científico. A sesión contou coa participación do presidente da RAGC e profesor da USC, Juan Lema; dos reitores da UDC e da UVigo, Ricardo Cao e Manuel Reigosa; e da directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; así como coa asistencia da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o secretario xeral da Lingua, Valentín García e representantes de diversas institucións políticas, educativas, científicas, culturais e de investigación galegas.
Traxectoria
En 1929, con apenas 26 anos, Fernando Calvet i Prats gañou a cátedra de Química Orgánica da Facultade de Ciencias da USC. Pouco despois recibiu unha bolsa da Fundación Rockefeller para traballar en Múnic sobre a química dos alcaloides, baixo a dirección do premio nobel Heinrich Wieland. De volta en Santiago, en 1930, montou un laboratorio para prácticas de Química Orgánica e outro destinado a traballos de investigación, creando un grupo moderno, equiparable aos mellores do Estado e pioneiro nas ciencias galegas.
A partir de 1934 a orientación dos seus traballos comezou a mudar cara á aplicación da química orgánica nos sectores económicos do país como a pesca ou a industria farmacéutica. Así, incorporouse como director científico ao Instituto Bioquímico Miguel Servet, fundado en Vigo. En 1935 solicitou unha pensión para traballar en Estocolmo xunto ao premio nobel Von Euler, un dos pais da bioquímica europea.
O comezo da Guerra Civil sorprendeuno en Vigo, onde tivo coñecemento da súa destitución como catedrático. Para evitar represións, e como dispoñía dunha bolsa para continuar estudos en Estocolmo, volveu alí en setembro do 36. Rematada a bolsa, consegue un contrato como profesor de prácticas na facultade de Medicina de Edimburgo. En 1938 negocia coas autoridades franquistas no exterior a súa volta coa promesa de que non habería represalias, pero nada máis entrar en España foi preso no cárcere de Tui.
Ao saír da prisión reiniciou os seus traballos nos laboratorios Miguel Servet, que aos poucos meses se integrarían nos laboratorios Zeltia do Porriño. Nesta nova etapa, baixo a dirección de Calvet, Zeltia patentou en pouco máis dun ano máis de dez especialidades farmacéuticas e elaboráronse fármacos hepáticos, insulinas, ou vitaminas, entre outros.
Tería que agardar a 1944 para que se resolvese a súa situación de apartamento da docencia. Logo de pasar polas universidades de Salamanca e Oviedo, incorporouse á de Barcelona, onde creou un importante grupo de investigación e colaborou como asesor científico-técnico en varias empresas farmacéuticas. Neses anos tamén traballou no Brooklyn Polytechnic Institute de Nova York e na Universidade de Nova York, onde estudou o metabolismo das células hepáticas.
Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas especializada en feltro é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento. Na categoría Promociona para Entidades Privadas, resultou finalista a asociación APAMP e a súa marca A Casa Rodante; e no Promociona para Entidades Públicas, é candidata a Fundación Pública Artesanía de Galicia, polo seu proxecto Aprender da tradición. Oficios e técnicas.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou que a Xunta vai desenvolver o título II da Lei de Xuventude de Galicia' para mellorar a calidade dos servizos que se prestan á mocidade galega con medidas para 'incrementar o número de monitores nos campamentos ou flexibilizar os requisitos para poder exercer este traballo'. Así se recolle no proxecto de decreto co que se actualiza o segundo título desta normativa que foi avaliado hoxe no Consello da Xunta e que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia 'despois dun longo proceso de participación e diálogo cos axentes implicados' a través de distintos espazos de escoita activa como reunións, sesións de traballo, unha caixa de correos ou foros. O obxectivo, segundo explicou Calvo, é 'actualizar e adaptar a normativa ás necesidades xurdidas nos últimos anos'.