
O ciclo de mesas de debate abrirase mañá, mércores 1 de outubro, con Proxectos para vivir en galego, unha conversa na que Carlos Callón, Alberto Pombo e Noemí García compartirán experiencias arredor de iniciativas educativas e sociais que teñen como obxectivo común salvagardar a lingua galega e garantir a súa transmisión ás novas xeracións.
O xoves 2 de outubro será a quenda de Coidar do noso, unha mesa coa presenza de ADEGA, Blondiemuser (Paula Vilaboy) e Rogelio Santos. A sesión recuperará a memoria das grandes loitas ecoloxistas galegas e conectaraas cos retos actuais, abordando tamén como a comunicación dixital pode transformar a sensibilización ambiental.
O venres 3 de outubro, o ciclo péchase con Vivir na Galiza dos anos 20, unha conversa centrada nos desafíos máis urxentes da mocidade actual: dereitos LGTBI, acceso á vivenda e migración. Intervirán Daniela Ferrández, a Plataforma Vivenda Xa e Barry Elhadj Mamadou (Guinea Conakry), achegando distintas perspectivas sobre como construír unha Galiza máis xusta e inclusiva.
Todas as conversas terán lugar no Auditorio de Xornalismo ás 18:30 horas e estarán abertas á participación do público.
Concertos falados: outra maneira de vivir a música
As noites do mércores e xoves estarán reservadas para os concertos falados, un formato que combina actuación en directo e entrevista, ofrecendo unha oportunidade única para coñecer en profundidade o proceso creativo das artistas e vivir a súa música desde outra ollada.
O mércores 1 de outubro, a Igrexa da Universidade acollerá o concerto falado de Hugo Guezeta, nunha sesión conducida por Rodri Míguez. O xoves 2 de outubro será a quenda de Alana, que compartirá escenario e conversa con Alejandra Tojo.
Ambas as citas comezarán ás 21:00 horas, con entrada libre ata completar aforo. As portas abrirán media hora antes.
PROGRAMACIÓN COMPLETA MOVER OS MARCOS 2025
Mércores, 1 de outubro
● 18:30 h | Auditorio de Xornalismo → Conversa: Proxectos para vivir en galego (Carlos Callón, Alberto Pombo e Noemí García)
● 21:00 h | Igrexa da Universidade → Concerto comentado con Hugo Guezeta, dinamiza Rodri Míguez
Xoves, 2 de outubro
● 18:30 h | Auditorio de Xornalismo → Conversa: Medio e ecoloxía: coidar do noso (ADEGA, blondiemuser, Rogelio Santos)
● 21:00 h | Igrexa da Universidade → Concerto comentado con Alana, dinamiza Alejandra Tojo
Venres, 3 de outubro
● 18:30 h | Auditorio de Xornalismo → Conversa Vivir na Galiza dos anos 20 (Sonia Díaz, Daniela Ferrández, Plataforma Vivenda Xa e Barry Elhadj Mamadou)
Sábado, 4 de outubro | Casa das Máquinas
● 12:00h → Break Dance coa Vella Escola
● 12:30h → Presentacións curtas: Rebelico, Lixo Atelier
● 13:00 h → Sesión vermú Concerto de Leria
● 16:00h → Podcast en directo Prendídisima
● 17:15 h → Actuación do Colectivo do Flow
● 18:30 h → Presentacións curtas: Horta Creativa, O Tinglao de Carnota, Orgullo Galego
● 19:00 h Podcast en directo Todo Mal
● 20:00 h → Concerto de Tiam GZ
*A xornada complementarase con postos dun mercadiño e espazos de conversa entre creadores, entidades e público.
Todas as actividades de Mover os Marcos 2025 son de balde e sen reserva ata completar aforo. O proxecto está promovido pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela e xestionado por Culturactiva S. Coop. Máis alá da súa programación, o festival quere deixar unha mensaxe clara: pensar, debater e celebrar xuntos é o camiño para construír unha vida mellor.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.