Notas de prensa

Un modelo matemático predí o futuro das linguas que coexisten

En moitas rexións do mundo coexisten distintas linguas e moitas veces unha delas evoluciona aumentando o seu uso a costa doutra ou doutras. Co obxectivo de contribuír a ter ferramentas científicas para abordar un tema desta complexidade, os investigadores das universidade de Vigo e La Rioja Iván Area e Marc Jornet veñen de desenvolver un modelo matemático que permite predicir a evolución de cada un dos idiomas nun sistema multilingüístico complexo.

Tendo en conta os supostos cos que es probou o modelo, os seus autores afirman que “os resultados amosan que, coa ausencia de políticas lingüísticas acaídas, as linguas minorizadas desaparecen sempre”.

O seu traballo acaban de ser publicado nun artigo titulado A Mathematical Analysis for the Dynamics of Multiple Languages na principal revista da Sociedade Chinesa de Matemática Aplicada e Industrial, a CSIAM Transactions on Applied Mathematics. Iván Area é membro do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais, do Departamento de Matemática Aplicada II e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo e Marc Jornet pertence á Escuela Superior de Ingeniería y Tecnología da Universidad Internacional de La Rioja. A colaboración destes dous matemáticos neste proxecto, sinalan, xorde do interese de ambos sobre cuestións lingüísticas propias dos seus respectivos territorios, Valencia e Galicia, e “coa idea de analizar modelos cunha ampla diversidade lingüística para ver o que podía pasar”.

Técnicas novidosas

No seu estudo Marc Jornet e Iván Area consideraron un gran sistema compartimental de ecuacións diferenciais que responde á situación de dúas linguas cooficiais e moitas linguas locais, cooficiais ou non, cun número arbitrario delas, cuxo uso se ve reducido pola interacción social. Como novidade, introduciron considerar a lingua preferida para comunicarse nas relacións sociais, máis que o mero coñecemento dela. Baixo estas premisas e “empregando resultados e técnicas completamente novidosas”, analizaron distintas dinámicas.

Concretamente, no artigo propoñen un sistema no que un número arbitrario J de linguas propias compite con dúas linguas dominantes, como ocorre en moitos territorios. Nesta situación, consideraron a posibilidade de que unha persoa coñeza e utilice máis dunha lingua, sendo unha delas preferida por cada persoa nas relacións sociais. “O uso social dunha lingua é, en definitiva, o que mellor reflicte a súa saúde”, apuntan os autores do traballo. Porén, apuntan, desde o punto de vista matemático esta realidade xera un sistema de ecuacións diferenciais de tamaño 3J+2.

Segundo explican os matemáticos, aínda que en moitos estudos utilízanse técnicas estándar, isto non foi posible no seu traballo polas súas características, polo que tiveron que desenvolver novas técnicas que lles permitisen analizar a dinámica do sistema. “Primeiro demostramos que o sistema está ben formulado, no sentido de que por moito que avance o tempo, o número de persoas que prefiren cada unha das linguas é sempre maior ou igual a cero. É un paso previo a calquera análise que nos permita estudar posteriormente como vai evolucionar, é dicir, a dinámica”, sinalan. Finalmente, baixo determinadas hipóteses, os investigadores analizaron as diferentes opcións relacionadas coa porcentaxe de persoas que prefiren empregar cada unha das linguas, “e en todos os casos conclúese que as linguas locais desaparecen nun período maior ou menor de tempo”.

O contexto

Para contextualizar o seu traballo, Marc Jornet e Iván Area comentan que o estudo das relacións entre linguas e a predición da súa evolución empregando modelos matemáticos comezou no ano 2003, nun artigo de Abrams e Strogatz publicado en Nature. En Galicia, sinalan que existen precedentes de investigacións semellantes realizadas por Jorge Mira, Ãngel Paredes ou Juan José Nieto. Ademais, explican que non existe unha teoría única sobre a orixe das linguas e como exemplo citan as teorías da continuidade e as da discontinuidade. “No primeiro caso, a idea principal é que a lingua é tan complexa que non pode aparecer da nada e, polo tanto, suponse que a linguaxe evoluciona a partir dalgúns sistemas prelingüísticos empregados polos antepasados primates”, detallan. Esta posición é defendida por Ib Ulbaek, quen considera que a linguaxe evoluciona a partir da cognición dos primates. No segundo caso, engaden os matemáticos, “como suxire Noam Chomsky, suponse que a linguaxe aparece como unha única mutación casual, datada hai uns 100.000 anos”. Por outra banda, apuntan que a teoría baseada no uso da adquisición da linguaxe foi introducida por Michael Tomasello, quen afirma que a estrutura da linguaxe aparece a partir do uso da lingua, porque a súa adquisición faise con procesos cognitivos xerais.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-06-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
A maior presenza de proxectos tecnolóxicos ou xurdidos da investigación universitaria entre as iniciativas de emprendemento seleccionadas é un dos aspectos destacados dá XIII Pont-Up Store. Promovido pola UVigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, este encontro do emprendemento permite a 48 novas iniciativas empresariais dar a coñecer os seus produtos e servizos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES