
O estudo, titulado Hidrodinámica de paneis de rede de malla romboidal anoada de polietileno, foi publicado na prestixiosa revista científica Ocean Engineering, que conta cun alto factor de impacto (Q1) no ámbito da enxeñaría oceánica. O obxectivo da investigación é ofrecer ferramentas precisas para predicir as forzas hidrodinámicas que experimentan as redes de pesca e evitar a realización de ensaios complexos e custosos en canais de experiencias hidrodinámicas, ou mesmo en alta mar.
Optimización e sustentabilidade Pesqueira
O proxecto centrouse en redes de malla romboidal anoada de polietileno, amplamente utilizadas na pesca de arrastre. Unha das principais conclusións é que as fórmulas tradicionais utilizadas para calcular as forzas de arrastre e sustentación non son do todo precisas para este tipo de redes. Así, o estudo propón unha fórmula empírica que permite calcular con gran precisión os coeficientes de arrastre e sustentación. Este novo modelo matemático brinda aos deseñadores de redes a posibilidade de crearen estruturas máis eficientes, coas cales reducir a resistencia ao avance e optimizar o consumo de combustible. Ademais, ao mellorar o comportamento hidrodinámico das redes, favorécese unha maior selectividade nas capturas, o que contribúe á redución de descartes pesqueiros -capturas non desexadas que, por non cumpriren cos requisitos comerciais ou legais, son devoltas ao mar-. Deste xeito, o avance non só promove unha pesca máis eficiente, senón que tamén apoia a sustentabilidade, ao minimizar o impacto ambiental e favorecer a conservación dos ecosistemas mariños.
Os resultados obtidos proporcionan novas ferramentas científicas que poden axudar ao sector pesqueiro a mellorar as súas prácticas e avanzar cara a unha xestión máis eficiente e sostible dos recursos mariños.
Sobre o LIM
O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) da Universidade da Coruña especialízase na simulación de sistemas mecánicos móbiles mediante a dinámica de sistemas multicorpo, con aplicacións en automoción, biomecánica, maquinaria e sector marítimo. A investigación abarca desde a modelización e formulación de ecuacións do movemento ata a integración numérica e programación, co obxectivo de resolver problemas específicos en cada área. O LIM tamén combina simulación por computador con prototipos físicos e ensaios experimentais, e no ámbito marítimo dedícase á simulación do comportamento de redes de pesca, aparellos e manobras de buques, o cal contribúe a mellorar a eficiencia e sustentabilidade nas prácticas pesqueiras.
Acerca do CITENI
O CITENI é un centro de investigación referente no ámbito da enxeñaría e a tecnoloxía, que traballa en estreita colaboración con universidades e empresas para desenvolver solucións innovadoras en diversos campos, especialmente en enxeñaría oceánica, enerxía ou materiais. O seu enfoque na sustentabilidade e a investigación aplicada aos retos actuais da sociedade posiciona ao CITENI como un motor clave para o desenvolvemento de tecnoloxías máis verdes e eficientes.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.