Notas de prensa

O foro Ágora Termal nace para impulsar o aproveitamento dos recursos termais e xeotérmicos de Ourense

O campus de Ourense acolleu este xoves o lanzamento do foro de debate e divulgación científica Ágora Termal. A entidade nace a instancia dun nutrido grupo de persoal docente e investigador do Campus Auga da Universidade de Vigo 'coa vocación de contribuír ao desenvolvemento do termalismo e propiciar o aproveitamento sostible dos recursos xeotérmicos de Ourense'.

A iniciativa foi presentada por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e José Luis Legido e José Ángel Vázquez Barquero, presidente e secretario xeral respectivamente de Ágora Termal. O acto contou coa asistencia de, ademais de membros da entidade, de Rosendo Fernández, deputado de Representación Institucional; Jorge Rubén Sampedro, director territorial de Educación, Ciencia, Universidades e FP; Noa Rouco, concelleira de Termalismo de Ourense; Rogelio Martínez, director-xerente de Expourense, e Julio Vila, vicedecano do Colexio de Economistas de Ourense.

Aproveitar as posibilidades

Na súa intervención, Francisco Javier Rodríguez amosou a súa satisfacción polo lanzamento deste foro cando se cumpre pouco máis dun ano da acreditación por parte da Xunta de Galicia da especialización para o campus de Ourense Campus Auga. Este proxecto, lembrou, conta coa xestión termal como unha das súas tres liñas de especialización. O responsable académico destacou a relevancia de que a universidade “estea ao carón da sociedade, das súas demanda” e que o coñecemento que xera, neste caso no eido do termalismo e a xeotermia, se transfira a ela. Ágora Termal, afirmou, “vai ser unha plataforma moi importante dentro do Campus Auga”.

Pola súa banda, José Luis Legido salientou que a través deste novo foro “vamos a estar moi comprometidos coa defensa do termalismo, en todas as vertentes, non excluímos ningunha, todas son importantes”. O presidente de Ágora Termal lembrou que “na nosa rexión contamos cun recurso excepcional, valiosísimo” e apostou por “sacarlle o cen por cen das posibilidades” a estes recursos termais e xeotérmicos.

Ágora Termal, explicou Vázquez Barquero, xorde con domicilio na Facultade de Ciencias do campus de Ourense e conformada por preto de 30 profesionais procedentes de diferentes ámbitos da universidade, a sanidade, a administración pública e o mundo empresarial privado. Deles destacouse na presentación a dilatada traxectoria no sector que acumulan nas múltiples vertentes do termalismo e a xeotermia, apuntando datos como que os membros de Ágora Termal teñen participado en 108 proxectos e contratos de asistencia técnica. O profesor da UVigo indicou que no seu conxunto os membros deste foro “conforman neste momento un, por non dicir o, grupo de investigación máis potente en investigación termal na península ibérica”.

Actividades previstas

Entre os fins deste novo colectivo están crear un foro aberto de reflexión e debate sobre termalismo e aproveitamento sostible dos recursos xeotérmicos; contribuír á divulgación e transferencia do coñecemento e a investigación en materia termal; adoptar unha visión multidisciplinar e transnacional no desenvolvemento dos seus cometidos; asesorar a institucións públicas e operadores privados na toma de decisións concernentes ao aproveitamento sostible dos recursos xeotérmicos e xerar propostas útiles para a acción no ámbito do desenvolvemento termal.

O foro, resumiu José Ángel Vázquez Barquero, “concíbese como un laboratorio de ideas, aberto, multidisciplar e transnacional” pero tamén como “un espazo de encontro entre as administracións públicas, o sector empresarial e os profesionais do coñecemento e a investigación”. Entre as primeiras actividades sobre as que xa está traballando Ágora Termal están un curso de extensión universitario sobre termalismo e unhas xornadas técnicas sobre xestión sostible de recursos termais.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-03-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES