Notas de prensa

Unha exposición reúne un conxunto de autorretratos xurdidos dunha reflexión colectiva

'Verse outra vez ao revés tamén funciona' é o título da exposición que desde o martes presenta na sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes da UVigo un conxunto de autorretratos xurdidos dun obradoiro que levou ás e aos participantes a reflexionar sobre as ideas de creatividade e identidade a través do lúdico, o sensorial e o experimental, coordinados pola artista e docente Iria Vázquez.

Este taller teórico-práctico propuña afondar no autoconcepto a través da creación artística e 'chegar ao autobiográfico a través da interacción cos demais', dando como resultado un conxunto de obras 'moi diversas', como recoñece a tamén comisaria desta exposición, que poderá visitarse ata o 4 de abril.

A ilustración, a fotografía, o vídeo ou o traballo con materiais atopados ou con obxectos que forman parte da memoria persoal das artistas fanse presentes na mostra que se inaugura na tarde deste martes. Nela reúnense unha vintena de obras de Patricia Ãlvarez, Uxía Bustbem, Celeste Garrido, Mónica Lago, Pablo Martínez, Candela Omil, Paula Romay, Miriam Rodríguez e Jimena Rodríguez. As súas creacións preséntase á súa vez acompañadas por unha serie de materiais que permiten achegarse “aos procesos de traballo e dinámicas de creación destes autorretratos” dun obradoiro inserido na programación de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus e impartido por Vázquez xunto coa docente e cineasta Xisela Franco. Con esa mesma idea, unha serie de códigos QR permiten acceder a arquivos sonoros que reúnen as reflexións de varias das participantes respecto de cuestións como o que significa a creación ou cales son as súas características e límites.

De carácter teórico-práctico, este taller tiña como obxectivo “afondar no carácter transformador da práctica artística contemporánea”, converténdose nun “espazo de experimentación, investigación a aprendizaxe conxunta”, sinala Vázquez, no que reflexionar sobre “o carácter performático da creación e a dimensión que adquire o autobiográfico na teoría, crítica e prácticas artísticas feministas”. Aberta á toda a cidadanía, esta actividade reuniu tanto estudantes da facultade como “artistas xa consagradas” e cos que as responsables deste taller buscaron promover unha reflexión “sobre as que ideas que temos sobre a creación e en que lugar nos sitúan”, tratando de que “a capacidade lúdica fose destronando en certa maneira á idea da creación con maiúsculas”, sinala Vázquez. Partindo do “carácter performático da creación”, obradoiro levou a reflexionar sobre o papel do propio corpo nos procesos artísticos ou sobre o papel que “ten o autobiográfico e o persoal” nas prácticas artísticas feministas. Tratábase nese senso, dun “curso no que dabamos prioridade aos propios procesos”, recoñece Vázquez, e que deu lugar a “sesións mesmo bastante catárquicas”, mais tamén “a pezas que merecía e pena mostrar”.

Retratos que xorden de pór en cuestión a idea de identidade

“Quizais o máis interesante do taller foi esa idea de chegar ao autobiográfico a través da interacción cos demais, chegar ao tema da identidade a través pequenas performances en grupo”, salienta Vázquez. Nese senso, tanto a “idea de xogo” como a “aproximación ao retrato a partir do común” fanse presentes na maioría das obras que integran esta exposición, resultado de exercicios e dinámicas que buscaban impulsar “propostas artísticas interdisciplinares baseadas na propia biografía” e quen nalgúns dos casos deron lugar a obras nas que as e os participantes continuaron traballando tras o obradoiro. Este conxunto de pezas afátase, de feito, “desa idea de identidade predeterminada que nos ensinaron”, amosándoa como algo “cun carácter bastante máis procesual, que está continuamente cambiando”, salienta a súa comisaria.

“Debuxando un futuro en igualdade”

Verse outra vez ao revés tamén funciona toma o relevo na sala O Abrigo da exposición Retratos de mujeres artistas, unha mostra comisariada pola catedrática Yolanda Herranz que permitiu achegarse ao labor que a presidenta da asociación de mulleres artistas Blanco, negro y magenta, Concha Mayordomo, leva a cabo desde hai máis dunha década no espazo web Mujeres en el arte. Nesta páxina reúne máis de 1100 pequenas biografías de artistas de diferentes épocas, boa parte delas acompañadas de retratos como os 59 que puideron verse na facultade ou os que desde este mércores 26 exhíbense no Museo Municipal Manuel Torres de Marín. Comisariada tamén pola Catedrática de Escultura, a exposición Mujeres artistas. Dibujando un futuro en igualdad poderá visitarse ata o 30 de abril e insírese na programación do festival multidisciplinar Ellas Crean, que se leva a cabo en múltiples puntos de España.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-03-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Ãrea TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES