Notas de prensa

O IGFAE conmemora na Semana da Ciencia a 'Revolución de novembro' de 1974 que cambiou os modelos da física

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, desenvolve do 23 ao 29 de novembro de 2024 a sétima edición da Semana da Ciencia. Nesta ocasión, o programa xirará arredor da coñecida como ‘Revolución de Novembro’ de 1974, da cal se cumpre medio século en 2024.

Naquel mes, os equipos de Samuel Ting e Burton Richter observaron en dous laboratorios dos Estados Unidos, case ao mesmo tempo, a partícula J/Psi, evidenciando a existencia do quark encantado (charm) e o seu antiquark. Este achado, merecedor do Nobel de Física en 1976, contribuíu, de maneira decisiva, a dar forma ao coñecido como Modelo Estándar da física de partículas.

Neste marco, o Auditorio Abanca de Santiago acollerá o mércores 27 de novembro, ás 20.00 horas, a conferencia do físico greco-francés Jean Iliopoulos, un dos tres autores (xunto a Sheldon Glashow e Luciano Maiani) do mecanismo GIM, a proposta teórica que en 1970 postulou a existencia do quark encantado. Na súa conferencia, que levará por título 50 anos que cambiaron a física fundamental: de moitos modelos a unha teoría, contará ao público como o descubrimento que impulsou desde a perspectiva teórica supuxo un cambio radical na percepción da estrutura fundamental da materia, impulsando unha nova visión sobre a natureza das forzas fundamentais.

Despois de graduarse na Escola Politécnica de Atenas e traballar en institucións como o CERN ou Harvard, Iliopoulos (Kalamata-Grecia, 1943) desenvolveu boa parte da súa carreira na École normale supérieure de París. Foi un dos fundadores do prestixioso Laboratorio de Física Teórica desta institución, que dirixiu entre 1991 e 1995 e 1998 e 2002. Desde 2002 é membro da Academia Francesa de Ciencias, e recibiu importantes recoñecementos como o premio Dirac (2007) xunto ao seu colega Luciano Maiani, ou o premio en Física de Altas Enerxías e de Partículas da Sociedade Europea de Física (2011), xunto a Maiani e Glashow.

Ciencia Singular, Marta Macho, Nerd Nite, Transfronteirizas e IGFAE C3

A Semana da Ciencia do IGFAE terá o seu punto de partida o sábado 23 de novembro con Ciencia Singular, a xornada de portas abertas na que a rede de centros de investigación da USC amosan o seu labor científico á cidadanía. Unha vez superada esta xornada, o martes 26 ás 12.15 horas na Facultade de Matemáticas terá lugar a conferencia Mulleres e ciencia: a ecuación funciona?, a cargo de Marta Macho, matemática, divulgadora e editora do blog Mujeres con Ciencia. Na súa intervención, a divulgadora abordará algunhas claves sobre a escasa presenza feminina nalgunhas disciplinas STEM, e como esta fenda se empeza a abrir desde idades moi temperás.

O mesmo martes, xa ás 20.00 horas na Nave de Vidán, haberá unha nova edición da NerdNite enmarcada na Semana da Ciencia do IGFAE. Nesta ocasión, e baixo o título 50 anos da Revolución de Novembro, Jorge Mira, Víctor López e Bernardo Adeva farán un percorrido pola historia do estudo dos quarks, con especial atención ao charm, as súas bases teóricas e as grandes implicacións que supuxo a súa detección case simultánea dos equipos de Ting e Richter no ano 1974.

Finalmente, o venres 29, ás 19.30 horas, a sede do IGFAE acollerá unha nova edición do ciclo Transfronteirizas: conversas de arte e ciencia. O investigador Héctor Álvarez e a artista Paula Quintas compartirán co público asistente o proceso de creación do seu proxecto Mundo Quark. Danza Cuántica. Esta iniciativa artística parte do Modelo Estándar para representar as partículas elementais e as interaccións entre elas a través da danza e o movemento corporal, explorando as interseccións entre ambas disciplinas.

Durante a Semana da Ciencia tamén se anunciarán os traballos gañadores na sétima edición do Concurso de Comunicación Científica IGFAE C3. Este certame reparte 1.600 euros en premios nas súas catro categorías (artigo divulgativo, fotografía, vídeo e proxecto orixinal).

Todas as actividades serán de acceso libre e gratuíto ata completar capacidade, e están dirixidas ao público xeral, con especial interese para o alumnado de secundaria, bacharelato e universidade con interese pola ciencia en xeral e a física en particular.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-11-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES