
A experta comezou a súa charla destacando o impacto das ferramentas de IA máis utilizadas na actualidade, sinalando como o seu desenvolvemento abriu novas posibilidades e desafíos para o ámbito artístico. Ademais, alertou sobre os riscos asociados ao uso masivo da IA, mencionando tamén os perigos da creación de deep fakes, como as imaxes falsas de figuras públicas como Donald Trump ou o Papa Francisco.
Ao longo da súa intervención, Suárez-Mansilla explicou os marcos normativos e as regulacións máis relevantes que buscan regular o uso da IA, facendo referencia á Digital Services Act (DSA), a Digital Markets Act (DMA), o Data Management and User Directive (DMUD), así como a Artificial Intelligence Act (AIA) e o Regulamento Xeral de Protección de Datos (GDPR). Neste contexto, a experta destacou os considerandos 105-108 do AIA, que establecen principios clave para o uso ético e responsable da intelixencia artificial.
Outro dos puntos clave da charla foi a explicación sobre a formación dos data sets e os outputs xerados polas IA, subliñando a importancia das boas prácticas na súa utilización. Suárez-Mansilla fixo mención de fitos, como a primeira novela publicada escrita por ChatGPT ou unha imaxe xerada por MidJourney, ambas creadas en 2023, como exemplos da crecente participación da IA en procesos creativos.
A charla tamén abordou as implicacións legais da IA en termos de suplantación de identidade, e a proposta dunha directiva sobre responsabilidade civil que podería ofrecer solucións aos problemas derivados dos usos malintencionados destas tecnoloxías.
Finalmente, a experta analizou os usos máis innovadores e creativos da intelixencia artificial na arte, destacando as novas formas de expresión que están a xurdir grazas á colaboración entre seres humanos e máquinas intelixentes.
A sesión serviu como unha reflexión profunda sobre os desafíos e oportunidades que a IA expón no mundo artístico, e como as regulacións e boas prácticas poden axudar a xestionar o seu impacto na sociedade.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.