Notas de prensa

A mocidade investigadora ibérica converte Lugo en capital do coñecemento sobre o uso sustentable da terra e os seus recursos

'Sodes o futuro'. Así se dirixiu o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, ao máis dun cento de participantes no I Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora do Campus Terra que botou a andar este luns na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC. Lugo convértese en capital da investigación e a divulgación científica grazas a un amplo e diverso programa integrado por especialistas dunha ducia de institucións.

En total, o foro que se desenvolve baixo o lema ‘Raíces do coñecemento’, aborda nove liñas de pescuda que van dende a produción vexetal sostible, a produción e saúde animal sostibles, alimentación segura e saudable, xestión forestal sostible, tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), tecnoloxías ‘ómicas’, cambio climático, unha única saúde, ata chegar á historia e cultura no medio rural.

No acto inaugural, Francisco Fraga salientou o incremento no número de estudantado do Campus de Lugo, así como a forza do seu músculo innovador xa que cada vez “estamos a captar máis persoal investigador de prestixio”, engadiu. Na mesma liña se pronunciou Elvira López Mosquera, a delegada do reitor para o Campus Terra, quen puxo o foco “no éxito de participación”, en parte grazas a que a organización do foro está liderada pola propia mocidade investigadora que realizou un traballo “en tempo récord”. “Vós sodes os protagonistas e estou convencida do voso éxito”, díxolles. Pola súa parte, Rosa Romero, a directora da EPSE, tivo palabras de agradecemento para o conxunto de institucións presentes no acto xa que estase a realizar un esforzo colectivo para “traballar na proxección do campus”. “Tedes un futuro prometedor”, dixo dirixíndose ao persoal investigador máis novo, “porque posuídes ánimo e coñecemento”.

O secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; a alcaldesa do Concello de Lugo, Paula Alvarellos; e o deputado provincial da Área de Medio Ambiente, Carlos López, tamén interviñeron na sesión de apertura do Congreso. Díez de Castro centrou a súa intervención en como o Campus Terra é froito dun “programa pioneiro” no conxunto do Estado para lograr “que os campus universitarios non centrais compitan en igualdade de condicións co resto”, polo que contan cun financiamento específico. Neste senso, o secretario xeral de Universidades lembrou que o Campus Terra obtivo a súa acreditación como campus de especialización ata 2025 e que, tal e como sucede cos restantes campus acreditados, é sometido a unha minuciosa e esixente avaliación que vai superando con éxito. O Campus Terra atópase, dixo, “na súa fase de expansión”.

Pola súa parte, a alcaldesa de Lugo destacou que o congreso consta de tres xornadas “moi intensas”. “Xa estades aquí e xa sodes persoal investigador”, afirmou dirixíndose á mocidade que se dá cita no foro. “O voso é un mundo apaixonante e tremendamente importante”, dixo. “Estades a facer que Lugo sexa cidade referente, este Campus pon a Lugo no mapa”, salientou con orgullo Paula Alvarellos. Finalmente, o deputado provincial Carlos López centrou as súas palabras no papel que xoga a educación superior pública no seu vínculo coa terra. Tal e como destacou, a formación que se artella no campus de Lugo defínese polo seu “compromiso co territorio”.

Programa

A comunidade universitaria e cidadanía, no seu conxunto, poden achegarse a coñecer de primeira man a investigación que as xeracións máis novas están a realizar no campus, así como aquelas outras liñas de traballo que na contorna ibérica se están a desenvolver no mesmo eido de actuación deste campus de especialización. De feito o foro recibe especialistas procedentes da UVigo, UDC, INL-International Iberian Nanotechnology Laboratory (Portugal), Universidad Nacional de Caaguazú (Paraguay), Universidade Federal de Viçosa (Brasil), Universidade Estadual de Londrina, Londrina, Paraná (Brasil), Universidad Nacional Autónoma de México, Universidade do Porto, CIIMAR - Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (Portugal), Universidad de León, Universidad de Oviedo e Universidade de Coimbra, ademais de persoal investigador da USC. O programa que xa pode ser consultado en liña nútrese con arredor de 70 presentacións orais e preto de 40 pósters.

O Congreso será tamén marco para a sesión ‘Impulsando a investigación: novidades e estratexias nas convocatorias para persoal investigador pre e post doutoral’ que se desenvolverá o martes 15, de 15.30 a 17.30 horas. Dirixida á comunidade universitaria no seu conxunto, a sesión debullará convocatorias para formación de persoal investigador que verán a luz a través de institucións como a Xunta de Galicia (GAIN), Agencia Española de Investigación, as bolsas do European Research Council ou os programas impulsados dende a Fundação para a Ciência e a Tecnologia (Portugal). Ademais, o mércores 16, de 16.00 a 18.00 horas, será a quenda de ‘Colaboración universidade e empresa: raíces para un futuro sostible’ no que se darán cita empresas de sectores aliñados coas liñas de investigación do Congreso para coñecer os seus plans de investigación, necesidades de persoal, así como a opinión que teñen da formación que se imparte nas universidades.

O principal obxectivo deste congreso é crear un ambiente de encontro entre a mocidade investigadora ibérica, presentando as súas investigacións e no que poidan xurdir diversas colaboracións. De feito, o foro diríxese a estudantado de grao, mestrado, doutoramento, posdoutorais e novo persoal investigador interesado en compartir os seus resultados e poñerse en contacto con especialistas doutras areas.

O Campus Terra de Lugo, promovido pola Universidade de Santiago de Compostela, nace como resultado do acordo entre a USC e a Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, coa intención de transformar o Campus de Lugo nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da terra.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-10-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (mariscadoras.JPG) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou esta mañá de que o Consello deu luz verde aos textos 'dos estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro de Galicia', que entran así na súa última fase de tramitación coa súa remisión ao Consello Consultivo para que emita o informe preceptivo 'e estean aprobados a finais de ano'. Este trámite, que coincide coas vésperas do Día Internacional das Mulleres Rurais -que se conmemora cada 15 de outubro- busca 'avanzar no recoñecemento das mulleres' destes eidos e 'mellorar o seu acceso a novas oportunidades e recursos'. Ambos documentos buscan ademais, tal e como explicou Calvo, visibilizar a súa contribución ao desenvolvemento territorial; garantir o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos; fomentar a contratación feminina en profesións masculinizadas ou impulsar a titularidade compartida en explotacións e embarcacións.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.

Notas

A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC conmemora o 24 de outubro o 10º aniversario de Ciencia Singular, a xornada de portas abertas que desde 2017 achega a miles de persoas o labor científico punteiro da USC. Esta iniciativa cumpre unha década ofrecendo á cidadanía a oportunidade de coñecer o traballo que realizan centos de investigadores en química, tecnoloxías intelixentes, medicina molecular, física de partículas ou tecnoloxías ambientais, descubrindo a aplicación práctica do coñecemento científico.
Entre os meses de outubro de 2026 e xuño de 2027 desenvolverase o VI Plan Ciencia de ida e volta, unha nova tempada de actividades de divulgación científica na UVigo, impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (co financiamento da FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Ao longo de nove meses sucederase un amplo programa de actividades de lecer científico, co que a UVigo volverá sacar a ciencia dos laboratorios ás rúas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES