
Todas estas actividades están normalmente reservadas para o sector académico, pero grazas ao impulso do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental da Universidade da Coruña (GRICA), a Sociedade Española de Paleontoloxía e o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA-UDC), durante esta semana todo este talento científico e investigador abrirase á cidadanía en forma de actividades de divulgación que acheguen de xeito sinxelo e ameno unha disciplina tan atractiva como a Paleontoloxía.
Ademais, durante estes días, poñeranse en valor exposicións que se poden visitar nos Museos Científicos Coruñeses, como a exposición Homínidos e Homínidas da DOMUS ou os exemplares de fósiles mariños que se poden atopar no Aquarium Finisterrae, entre os que destaca un Ictiosaurus que se mantén en cesión desde o Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid.
Charlas con paleontólogos na cidade
A Coruña vivirá unha semana de eventos divulgativos relacionados ca Paleontoloxía grazas á colaboración da Unidade de Cultura Científica da Universidade da Coruña, aos Museos Científicos Coruñeses e á asociación de divulgación científica UDCbigbang.
O mércores, día 2 de outubro, ás 21:00 horas, no Bar La Olímpica (Rúa Alfredo Vicenti, 39) terá lugar o inicio das actividades, cun relatorio do paleontólogo do CSIC Juan Carlos Gutiérrez-Marco, titulada "Paleontoloxía e aventura: buscando fósiles mariños do antigo continente de Gondwana por montañas, selvas e desertos". Nesta xornada, o reputado doutor en Ciencias Xeolóxicas, compartirá como traballa para desentrañar as condicións paleográficas e paleoambientais nas que viviron seres mariños tres veces máis antigos que o Xurásico, compartindo tamén as súas exploracións por medio mundo, improvisadas con escasos medios pero movidas pola vocación e a oportunidade que lle permitiron reconstruír incluso continentes desaparecidos.
O venres 4 de outubro ás 17:30 no salón de actos da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (Praza da Mariña Mercante, A Coruña) terá lugar a conferencia "Dando vida aos dinosauros: técnicas e métodos innovadores en Paleontoloxía" da paleontóloga de vertebrados Verónica Díez Díaz, experta en dinosauros saurópodos, especialmente na diversidade de tiranosauros, paleobioxeografía e biomecánica. Ademais, está especializada en fotometría e escaneado 3D.
Cine e Paleontoloxía: charlamos con expertos
A DOMUS será así mesmo protagonista na Semana da Paleontoloxía, acollendo dous eventos na súa sala de cine con pantalla xigante, onde persoal investigador compartirá a súa visión científica sobre algunhas das películas máis populares nas que a Paleontoloxía cobra un papel relevante.
O xoves dia 3, ás 19:30 horas, comentaremos cine con José Bienvenido Díez Ferrer, profesor Titular na Universidade de Vigo e experto en Paleobotánica e o sábado, día 4, ás 18:30 horas, será Armand Hernández Hernández o investigador co que comentar a ciencia detrás do cambio climático e as catástrofes medioambientais do cine. Armand traballa no Grupo de Investigación en Cambio Climático (GRICA) do CICA e é un experto paleoclimatólogo. A súa conferencia representa o peche ideal para unha Semana da Paleontoloxía que nos deixa cunha visión de como esta disciplina pode axudar a salvar o futuro do planeta.
Crea o teu propio fósil na DOMUS
Como parte do peche da Semana, antes da sesión final co Dr. Hernández, en horario de 17:00 a 18:30 horas, a Asociación de Divulgación UDCbigbang organizará diversos obradoiros na DOMUS para todos os públicos, dirixidos a achegar á comprensión do público a escala xeolóxica ou mesmo a elaborar un fósil para levar á casa.
Todas as actividades da Semana teñen carácter gratuíto e son con límite de aforo segundo orde de chegada.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.