Notas de prensa

O mellor equipo español de debate universitario está na UVigo

A Asociación de Debate Universitario Retórica da UVigo é o mellor equipo español de debate, logo de gañar a Liga Española de Debate (LEDU), disputada en Melilla. O equipo titular formado por Tomás Aparicio, Inés Túñez, Iván Fernández e Jesús Gómez, con Laura Bacariza, Juan Calderón e Laura Leirós, como suplentes, foi quen de impoñerse na final da LEDU á Universidad Carlos III de Madrid, defendendo que o decrecemento non é conveniente para solucionar os problemas medioambientais e as desigualdades sociais.

“Foi unha competición dura cos 16 mellores equipos de España, polo que non foi unha tarefa doada, pero fomos quen de ir medrando pouco a pouco e, de feito, na primeira ronda perdemos contra o equipo con que nos enfrontamos na final”, explica Tomás Aparicio, que se amosa especialmente satisfeito de acadar por vez primeira a vitoria na LEDU. E é que a UVigo conseguira quedar subcampioa no ano 2022, ademais do título de mellor orador en varias ocasións, logrando, finalmente, nas últimas horas no Teatro Kursaal de Melilla o título de campión da Liga.

Pola súa banda, a Universidad Carlos III, que acadou o título de subcampioa, tamén logrou o título de Mellor Orador para Óscar Rodríguez.

Apoio e confianza, claves para a vitoria

6000 euros e un trofeo, entregado polo presidente da cidade autónoma de Melilla, Juan José Imbroda, son os galardóns que acreditan o equipo de debate da UVigo como vencedor da LEDU. “Apoiarnos e confiar en todo momento uns nos outros”, asegura Tomás Aparicio son claves para acadar este título, no que o equipo vigués, onte sobre o escenario do Kursaal, recoñeceu o papel da preparadora do grupo, Laura Bacariza, que destacou no seu discurso o labor de todos e todas as compañeiras ata chegar aquí, así como “a brillantez de cada un deles” e o lonxe que poderán chegar na súa traxectoria profesional, se así o acordan.

Unha trintena de persoas integraron o xurado que finalmente proclamou á UVigo gañadora da LEDU, cuxo presidente, Albet Rivera, destacou o igualado dos resultados. “O xurado soubo valorar o mellor de cada un e estivo á altura incomparable dos dous equipos. Aínda así, so un podía recibir o título de campión e este foi o grupo da Universidade de Vigo”, dixo Rivera.

Na procura de máis membros

Acadado o título nacional de debate, as e o integrantes da Asociación Retórica regresaron a Vigo para reincorporarse hoxe ás clases nas diferentes titulacións que cursan: Tomás Aparicio e Iván Fernández ADE/Dereito; Inés Túñez Tradución e Interpretación; Jesús Gómez Filoloxía Aplicada; Laura Leirós e Juan Calderón, enxeñarías e Laura Bacariza, un mestrado en Telecomunicación.

“Os próximos retos son seguir traballando para que a asociación atraia membros e os máis novatos vaian tomando o relevo”, sinala Tomás Aparicio en relación cos próximos obxectivos do vixentes campións de España de debate universitario.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-09-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES