Notas de prensa

Seis científicas referentes abordan novos retos de futuro na serie documental 'Desafíos do Océano' do Campus do Mar

Seis investigadoras referentes, seis retos e seis olladas de futuro. Así é a segunda edición da serie documental Desafíos do Océano: científicas ao mando, un proxecto posto en marcha pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar no que investigadoras de diferentes ámbitos do medio mariño contan a súa visión e experiencia ante novos retos de futuro.

Cambio climático e produción primaria mariña, control da pesca, enerxía mariña e fontes alternativas, contaminantes emerxentes, xenética aplicada á conservación de especies e control do medio mariño son os desafíos que se abordan en cada un dos capítulos, de 10 minutos de duración, e xa dispoñibles para o público a través da páxina web do proxecto e das redes.

O edificio Redeiras da Universidade de Vigo acolleu este xoves a presentación pública desta serie documental, un proxecto que contou coa colaboración e cofinanciamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia e Innovación, FECYT. As seis protagonistas compartiron co público as súas experiencias no proxecto, dúas delas de forma presencial e outras catro a través de vídeos enviados para a ocasión. Un proxecto que naceu “para visibilizar a investigación mariña liderada por mulleres e espertar vocacións científicas e inspirar á mocidade abordando os novos problemas oceánicos críticos” e que, como sinalou o director do Campus do Mar, Daniel Rey, culmina esta segunda edición con novas temáticas, novos espazos de divulgación e novas melloras técnicas.

“Esta serie danos a oportunidade de promover a igualdade de xénero en STEM visibilizando modelos a seguir a través de historias atractivas que crean conexións emocionais coa audiencia, pero tamén de poñer en valor o traballo realizado por todas as investigadoras participantes, facilitando o poder influír en determinadas decisións políticas sobre a conservación oceánica”, explicou. Daniel Rey resaltou ademais a grande acollida da primeira edición de Desafíos do Océano, que acadou máis de 100.000 reproducións das seis pezas documentais e que foi destacado pola FECYT como exemplo de boas prácticas entre máis de 200 proxectos de toda España.

Pola súa banda, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, indicou que o proxecto é un reflexo da identidade da institución e unha oportunidade “de devolver á sociedade todo o que nos dá”. “Coa xeración Z, comprometida de forma persoal co medio ambiente, Desafíos do Océano é unha grande oportunidade para promocionar o que facemos ao tempo que cambiamos hábitos e comportamentos”, resaltou.

A serie documental está xa accesible na web do Campus do Mar e tamén na páxina web do propio proxecto.

Seis capítulos, seis científicas, seis desafíos

A segunda edición desta serie documental de seis capítulos de 10 minutos de duración está protagonizada por Cristina Sobrino, investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo que abordou o cambio climático e a produción primaria mariña; Begoña Santos, da Axencia Europea de Pesca (EFCA) en Vigo, que falou sobre o control da pesca; Maite de Castro, investigadora do CIM-UVigo que tratou a enerxía mariña e as fontes alternativas; Paula Sánchez, científica do Instituto Español de Oceanografía – CSIC para afondar nos contaminantes emerxentes; Paloma Morán, investigadora do CIM-UVigo que tratou sobre a xenética apllicada á conservación de especies; e Covadonga Salgado, directora de Intecmar, que trasladou o traballo que se realiza en Galicia de control do medio mariño

Todas as participantes coincidiron en destacar a importancia de levar a cabo iniciativas como Desafíos do Océano “para amosar o altísimo potencial científico de Galicia, moitas veces liderado por mulleres”, para divulgar temas de vixente actualidade entre a sociedade e espertar vocacións científicas non só entre a mocidade.

Concurso escolar

Para ampliar a súa acción, o proxecto complementouse con actividades dirixidas á mocidade co obxectivo de espertar vocacións e achegar a xuventude á ciencia mariña en seis ámbitos de nivel global. A través do concurso escolar convocado para alumnado de 3º e 4º da ESO e 1ª de Bacharelato, a rapazada puido colaborar a través de pequenas pezas audiovisuais na divulgación dalgúns dos retos de futuro en relación aos océanos e as posibles solucións.

Os gañadores do certame foron os alumnos e alumnas do Colexio Lestonnac Compañía de María de Valladolid, que puideron gozar dunha estancia de dous días en Vigo para coñecer a algunha das científicas protagonistas da serie, descubrir como é o seu día a día profesional e descubrir as instalacións e o traballo que se está a desenvolver na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Ademais, as e os gañadores visitaron as illas Cíes, o Museo do Mar e outras zonas costeiras de Vigo, como a praia da Fonte. Os vídeos gañadores pódense contemplar nas redes sociais do Campus do Mar.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-06-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-00.jpg) A Cidade da Cultura convida ás familias a descubrir a programación do Nadal no Gaiás, que hoxe arrinca coa apertura da instalación Soños de Argonautas. Esta proposta da arquitecta Nuria Prieto converte o Hall de Tirantes do Museo nunha paisaxe, feita con materiais de reciclaxe, de esferas luminosas e corredores inchables, presidida pola súa xa tradicional árbore de madeira. Ao longo de máis dun mes, o Gaiás acollerá un feixe de actividades que inclúen espectáculos teatrais e musicais, obradoiros familiares, visitas guiadas, realidade virtual ou un escape room.
Foto de la tercera plana (rural-pac.jpg) O Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2022 acada un grao de execución do 94,9 %, dato superior á media tanto dos programas españois como europeos. Así, a media nacional sitúase no 91,8 % e a europea no 93,7 %. O PDR de Galicia ten unha dotación de 1.606 millóns de euros de gasto público total, dos cales 1.224 millóns corresponden a fondos Feader. Tendo en conta as previsións dos organismos xestores competentes, agárdase que o volume de pagamentos materializados neste mesmo mes de decembro supere o 99 % para o conxunto do programa, segundo subliñou Atán, quen mañá participará tamén na sesión de peche destas xornadas de traballo xunto co director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño.

Notas

Centrado nas primeiras e segundas longametraxes de novos directores e directoras, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas celebrará entre o 9 e o 14 de decembro unha década de traxectoria, caracterizada pola súa aposta tanto polo cinema emerxente como pola formación, coa proxección de filmes de 18 nacionalidades e un programa de actividades complementarias.
A Coruña converterase os días 11 e 12 de decembro nun punto de encontro internacional para o almacenamento de enerxía, coa chegada de máis de 70 expertos e expertas de universidades e centros de investigación de prestixio que participarán na reunión semestral da rede europea Alistore-ERI. O evento, que terá lugar na Reitoría da Universidade, servirá como punto de encontro entre persoal investigador, estudantado e empresas, co obxectivo de compartir os avances científicos máis recentes en baterías e materiais para a transición enerxética.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES