Notas de prensa

Especialistas en psicolingüística, sociolingüística e lingüística cognitiva de 13 países reúnense en Vigo

Tras cinco edicións previas, celebradas en centros de referencia de todo o mundo, o congreso internacional Variation and Language Processing, VALP6, recala en Vigo. Organizado polo grupo Language Variation and Textual Categorisation da UVigo, este simposio reúne a especialistas de diversos campos como a psicolingüística, a sociolingüística, a ciencia cognitiva, a fonética experimental, a sintaxe e a pragmática que traballan sobre a relación entre a variación lingüística e o procesamento da linguaxe.

En total, participan nesta cita arredor de 60 expertos e expertas de 13 países, converténdose o congreso nunha importante oportunidade para intercambiar coñecementos, enfoques de traballo e experiencias previas, así como para formar o alumnado de posgrao da Facultade de Filoloxía e Tradución que traballa no eido da lingüística e nos estudos ingleses, hispánicos, galegos e de tradución e interpretación.

Nos tres días que dura o congreso terán lugar 34 relatorios de investigadoras e investigadores de Alemaña, Australia, Canadá, Dinamarca, Eslovaquia, España, Estados Unidos, Noruega, Países Baixos, Polonia, Portugal, Suecia e Suíza. En total, como explican dende o comité organizador, o congreso recibiu sesenta propostas de gran calidade que abordan o procesamento dende a perspectiva sociolingüística (convención, estereotipos, pronuncia, etc.), psicolingüística (recoñecemento, memoria, percepción, etc.) e informática (machine learning). Algúns destes traballos céntranse en linguas maioritarias (inglés, chinés, castelán, portugués europeo e brasileiro, italiano, alemán, xaponés, polaco, checo, etc.) pero outros achegan novas investigacións sobre linguas minoritarias como o quechua ou o māori, grupos bilingües en Porto Rico, Cataluña ou Reino Unido, grupos de aprendices, ou usuarios e usuarias de linguas de signos. O congreso é, pois, “de gran valor dentro do campo da lingüística a nivel tipolóxico (diversidade e universalidade) así como a nivel metodolóxico, xa que todos os traballos empregan métodos empíricos de vangarda, como eye-tracking, EEG, etc.” explica o profesor David Tizón, responsable do comité local.

Tras conferencias plenarias

O VALP6 arrancou este mércores co acto de benvida e tras el, a primeira das tres conferencias plenarias programadas, a de Hans-Jorg Schmid, catedrático de Lingüística Inglesa Moderna na LMU de Munich (Alemaña), experto nunha ampla gama de campos da lingüística, como a teoría lingüística, a lingüística cognitiva, a semántica léxica, a sintaxe, a formación de palabras, a pragmática, a sociolingüística e o cambio lingüístico. Na súa intervención falou sobre o papel que xoga o individuo, a comunidade e o arraigo cognitivo na variación da linguaxe.

Mañá xoves a conferencia plenaria correrá a cargo de Montserrat Comesaña, psicolingüista e membro do Centro de Investigación en Psicoloxía (CIPsi, Universidade do Minho). O foco do seu traballo radica na organización e o procesamento das representacións léxicas en primeiras e segundas linguas/linguas estranxeiras, os seus fundamentos cognitivos e neuronais, e como a organización cognitiva da linguaxe cambia ao longo da vida das e dos falantes. Unha característica representativa da súa investigación é a combinación de métodos para o impacto dos factores léxicos e subléxicos no recoñecemento visual de palabras e a produción e procesamento de oracións.

Finalmente, no terceiro e último día do congreso intervirá Natalia Levshina, profesora titular na Radboud University de Nimega (Países Baixos), que recentemente publicou o libro Communicative Efficiency: Language Structure and Use, no que mostra como as e os usuarios da lingua minimizan o esforzo de procesamento e articulación ao elixir diferentes formas de transmitir a súa mensaxe.

Tres días para explorar as complexidades das linguas e comunidades lingüísticas

O feito de acoller en Vigo este foro internacional permite, segundo recala o profesor Tizón, “reunir de maneira inter e transdisciplinar investigadoras e investigadores teóricos e profesionais dunha variedade de disciplinas que van dende a lingüística cognitiva, a psicolingüística e a sociolingüística ata a neurolingüística”. Ao longo dos tres días exploraranse as complexidades das diferentes linguas e comunidades lingüísticas e poderá realizarse unha actualización “metodolóxica e científica do grupo de investigación LVTC e o Instituto Lingua da UVigo”, como apunta TIzón. Paralelamente, este foro axudará a incrementar o grao de internacionalización do persoal investigador, tanto o que se atopa en período de formación, como o consolidado, grazas ao intercambio de coñecementos entre investigadores e con conferenciantes plenarios de prestixio internacional procedentes de diversas universidades.

Os nexos entre psicolingüística e a sociolingüística variacionista

O congreso naceu en 2011 en Chester (Reino Unido) co obxectivo de reunir os campos da psicolingüística e a sociolingüística variacionista. Os seus impulsores partían da base de que tradicionalmente a variación lingüística fora competencia da sociolingüística (variacionista), mentres que os traballos sobre o procesamento da linguaxe eran competencia da psicolingüística e a ciencia cognitiva. “Esta aparente división”, explica David Tizón, “púxose en cuestión debido a que os traballos en sociolingüística recorren agora a técnicas experimentais, e os traballos en psicolingüística comezaron a prestarlle atención aos datos naturalistas (e eminentemente variables)”. Ao converxer os intereses destes dous campos, engade, “xurdiron novas preguntas sobre a relación entre a variación lingüística e a cognición social, por exemplo: Como se almacena a variación lingüística na nosa mente? Como se relacionan o lingüístico e o extra lingüístico? Cal e a mellor forma de modelar estas conexións?...”

Por outra banda, o investigador tamén destaca que como sub-disciplinas lingüísticas relativamente recentes, a psicolingüística e a lingüística cognitiva actuais comprenden unha ampla gama de enfoques e teorías. O principal interese compartido entre ambas sub-disciplinas é a investigación da linguaxe como un instrumento para organizar, procesar e transmitir información. “Moitos dos puntos converxentes entre ambas resultan de particular interese para os proxectos desenvolvidos dentro da nosa Universidade de Vigo e, concretamente, na Facultade de Filoloxía e Tradución e o novo Instituto Lingua relacionados con gramática cognitiva, adquisición de linguas, tecnoloxías aplicadas á linguaxe, psicolingüística, lingua de signos, fonética experimental, etc”. Neste sentido, destaca Tizón, “a actualización neste campo perseguirá a consecución dun dos obxectivos do grupo que solicita a axuda: mellorar a compoñente de transferencia do coñecemento” e este congreso, polo tanto, está aberto tamén a outros grupos sociais, como psicólogos, científicos, educadores ou técnicos de políticas lingüísticas das administracións locais e autonómicas.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-06-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (wos-festival-2025.jpg) A novena edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia reunirá 26 proxectos de música electrónica e experimental contemporánea, con propostas que transitan pola composición electroacústica, a música de club, a improvisación, a performance audiovisual e diferentes formatos híbridos. A programación destaca ademais pola súa dimensión internacional e polo carácter inédito de boa parte das propostas. Así, 13 dos 26 proxectos da programación principal chegarán a Santiago sendo estreas en España. Entre eles figura a presentación mundial do novo concerto audiovisual de Blood of Aza.
Foto de la tercera plana (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.

Notas

Charo Lopes (Boiro, 1988) é a gañadora do XXIII Premio González Garcés de Poesía, convocado pola Deputación da Coruña, coa obra 'O diálogo das siamesas', presentada baixo o seudónimo de María Dolores Oliveira. Charo Lopes é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (2010), titulada superior en Fotografía Artística pola ESAD Antonio Faílde (2012) e Máster en Literatura, Cultura e Diversidade pola Universidade da Coruña (2018).
Logo dos traballos desenvolvidos no Corro dos Mouros entre 2023 e 2025, a cuarta campaña de escavacións na parroquia de Santa María Madalena de Adai (Lugo), na propiedade da Asociación da Comunidade de Montes M.V.M.C. Vecinos de Adai, profunda agora en dous abrigos, un deles, coñecido como Pena Travesa, cun petróglifo con deseños complexos de cazoletas na parte superior da rocha.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES