Notas de prensa

A atención persoal e a accesibilidade, claves na elección de supermercado polas persoas maiores en Galicia

A satisfacción na experiencia de compra das persoas con 60 e máis anos en Galicia está determinada pola valoración do persoal en aspectos coma a atención individualizada e a amabilidade no trato e o ambiente físico das instalacións en elementos coma a confortabilidade, a estética, o mobiliario ou a iluminación, entre outros. Así o revela o estudo O supermercado de proximidade.

A experiencia de compra das persoas maiores en Galicia realizado pola Cátedra Cruz Roja USC e Vegalsa–Eroski, que ten como obxectivo valorar a experiencia de compra das persoas maiores, a atención que se realiza desde os establecementos e a accesibilidade aos mesmos.

Ademais, o estudo amosa que as experiencias positivas das persoas consumidoras de máis idade se relacionan estreitamente coa conexión social, é dicir, coa interrelación que se ten coas persoas que nos rodean. Mentres, aspectos relacionados coa ergonomía e a accesibilidade son os que máis lles dificultan a compra ás persoas maiores, desde o punto de vista do persoal dos supermercados de proximidade.

A solicitude de axuda adoita estar relacionada con aspectos referidos á accesibilidade como a dificultade de comprensión de etiquetas, ofertas, cartelería, etc, así como na dificultade para atopar produtos nos andeis. Ademais, no proceso de caixa ponse de relevancia a solicitude para aspectos relacionados co peso da compra, a altura da cinta e os medios tecnolóxicos e telemáticos, entre outros. Observáronse posibles melloras á hora de incrementar a accesibilidade e a usabilidade dos establecementos, como a adaptación auditiva das caixas e básculas, o incremento do tamaño da letra no tícket de compra ou a instalación de portas corredeiras nas cámaras frigoríficas.

As conclusións mencionadas permitíronlle á Cátedra Cruz Roja USC realizar un decálogo de recomendacións que será implantado nos supermercados de proximidade Eroski Center Galicia e que inclúe, entre outros aspectos, crear un ambiente seguro e de confianza para as persoas maiores, falarlles con empatía e respecto, ou axudalas se se desorientan utilizando unha comunicación clara e amigable.

Tal e como explicaron Onésimo Juncos Rabadán, codirector da Cátedra Cruz Roja USC, e Trini de Lorenzo Otero, secretaria técnica da Cátedra Cruz Roja USC, o estudo achega conclusións moi interesantes que servirán para fomentar as boas prácticas do persoal do supermercado de proximidade na atención á clientela de maior idade, así como identificar posibles melloras. Na presentación estiveron tamén o director da Cátedra Cruz Roja USC, Arturo X. Pereiro Rozas; a directora de Responsabilidade Social Empresarial, Comunicación e Cliente de Vegalsa-Eroski, Gabriela González Márquez; a presidenta de Cruz Roja en Galicia, Mercedes Casanova Díaz; e o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta de Galicia, Antonio Acevedo Prado.

O estudo é o primeiro que se realiza en Galicia recollendo tanto o punto de vista das persoas consumidoras sénior como das que traballan no sector dos supermercados de proximidade. Realizouse cunha mostra de máis de 500 persoas participantes, que incluía 293 con 60 e máis anos que acudiron a 38 supermercados de proximidade dos supermercados Eroski Center en Galicia (61,8% mulleres) e 259 integrantes do equipo desta insignia de Vegalsa-Eroski cun posto relacionado coa atención directa ao público.

Mediante a realización de dúas enquisas diferenciadas, ao analizar os hábitos de compra observouse que a frecuencia coa que acode a persoa ao supermercado para realizar as súas compras e a adquirir produtos frescos está asociada co número de habitantes da localidade de residencia: canta máis poboación ten a localidade de residencia, acódese con maior frecuencia ao supermercado de proximidade.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-06-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES