Notas de prensa

O proxecto Coblages analiza como fomentar as relacións interxeracionais a través da aprendizaxe comunitaria

Desenvolver unha metodoloxía de aprendizaxe comunitaria no ensino superior para ter estudantes mellor preparados para un mundo envellecido. Con este reto, desde setembro de 2023 e ata febreiro de 2026 catro universidades e unha ONG de Portugal, Turquía, Romanía e España desenvolven o proxecto europeo Coblages. A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o segundo encontro do proxecto.

Coblages (Using community-based learning to prepare higher education students for an ageing world), conta cun orzamento total de 250.000 euros e está financiado pola Axencia Nacional Erasmus+ de Portugal e pola convocatoria KA220-HED Cooperation Partnerships in Higher Education, da Unión Europea. Coordinado polo Instituto Politécnico de Viseu (Portugal), ademais da Universidade de Vigo son socios Aproximar-Cooperativa de Solidariedade Social (Portugal); a Ankara Bilim Üniversitesi (Turquía), e a Asociatia European Association for Social Innovation e a Universitatea de Vest din Timisoara, de Romanía.

Ao longo da súa xuntanza en Ourense, os socios do proxecto analizarán o seu desenvolvemento e avanzarán no deseño das súas ferramentas e metodoloxías, realizando ademais visitas de interese. Na inauguración da cita, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social e coordinador do proxecto na UVigo, e Maria João Amante, da Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico de Viseu e coordinadora de Coblages, puxeron en valor a relación académica e investigadora de máis dunha década entre as dúas institucións académicas que representan e que se materializa en iniciativas como a participación neste proxecto. Pola súa banda, Diego Fernández, representante da Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo no campus de Ourense, e Tamara Silva, concelleira de Educación de Ourense, destacaron a pertinencia de abordar a temática desta iniciativa tendo en conta os datos de envellecemento poboacional de Ourense e Galicia.

Multidisciplinar, internacional e interxeracional

O obxectivo de Coblages é crear unha metodoloxía que poida ser usada por profesorado de educación superior, xestores comunitarios e alumnado para fomentar a cooperación interxeracional entre mocidade e persoas maiores de 60 anos. Ademais, o proxecto permite a estudantes de diferentes cursos “obter competencias contemporáneas (verde, dixital e lonxevidade) para estar mellor preparados para o envellecemento da poboación”. Nun contexto no que “cada vez hai menos diálogo entre xeracións” e un maior envellecemento, subliña Xosé Manuel Cid, os socios do proxecto traballará arredor de como fomentar esas relacións interxeracionais partindo da idea de que “a calquera idade temos opinións válidas e que poden achegar solucións aos problemas da nosa sociedade”.

Esta cooperación interxeracional basearase no desenvolvemento de proxectos dentro dunha determinada comunidade rural que teña á súa vez algún proxecto comunitario interesante. A idea, explica Xosé Manuel Cid, é crear en cada país participante en Coblages un grupo formado por arredor de 12 estudantes e 12 persoas maiores. En cada grupo as e os seus participantes escollerán un ou varios tema que lles preocupen (como poden ser os problemas ambientais, os derivados do desenvolvemento tecnolóxico ou as guerras) e xuntos tentarán, ao longo de seis sesións, propor solucións e comunicalas. Os equipos estarán acompañados por profesionais de diferentes áreas (contribuíndo tamén á conexión academia-comunidade), como poden ser docentes ou community managers.

Trátase, explican desde o proxecto, de involucrar ao alumnado nun ambiente internacional e multidisciplinar a través de cursos curtos e de obradoiros de cidadanía interxeracionais nos que traballarán na identificación de retos e oportunidades, nos que contactarán con múltiples partes interesadas e nos que achegarán solucións concretas a determinados problemas. Estas experiencias serán aproveitadas para extraer modelos, ferramentas e metodoloxías que poidan ser reproducibles. No proxecto, o equipo da UVigo lidera concretamente o desenvolvemento da metodoloxía para usar Coblages como ferramenta para a cidadanía interxeracional na preparación das e dos estudantes; a formación conxunta dos socios e o establecemento de directrices e ferramentas para a implantación activa e facilitación de obradoiros de cidadanía interxeracionais.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-06-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES