Cada edición, a organización do congreso rota entre as diferentes facultades e escolas do campus de Ourense. Así, nesta ocasión, a cita será organizada pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, ademais da Vicerreitoría do Campus de Ourense, e conta co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. A programación desenvolverase os días 26 e 27 na citada facultade. Previamente, o día 25 pola tarde, as e os seus participantes incorporaranse á celebración da feira Termatalia en Expourense.
Un programa multidisciplinar
O congreso, indican desde a súa organización, terá un carácter multidisciplinar, abordando aspectos específicos relacionados coa temática da auga, tales como o patrimonio hídrico, a súa xestión en empresas e turismo, e incluíndo aspectos de acuicultura e a xestión de empresas acuícolas, así como turismo deportivo e termalismo. Ademais, nel exploraranse aspectos vinculados á economía circular, a responsabilidade social e os obxectivos de desenvolvemento sostible no contexto dos recursos hídricos. "A auga constitúe un recurso universal de primeira necesidade, de importancia mundial, cuxo coñecemento, xestión e uso poden e deben ser abordados desde unha perspectiva global necesariamente multidisciplinar", sinalan.
Dentro da temática xeral sobre a auga, este quinto congreso internacional propón analizar diferentes liñas de investigación, nas que se contará coa participación de especialistas de referencia que, ademais de contextualizar a materia, exporán diferentes resultados ou modelos de investigación de acordo cos seguintes bloques temáticos: actividade turística e auga, termalismo, economía circular e empresa e economía e auga.
A cita está destinada a investigadoras e investigadores da comunidade universitaria, persoal de I+D de entidades públicas ou privadas que traballan sobre a temática da auga en diferentes escalas e persoas interesadas, estando aberto o prazo de envío de comunicacións.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.