Notas de prensa

'Te lo cuentan las matemáticas' pecha a súa cuarta edición, na que formou 800 escolares

Estudantes dos colexios vigueses García Barbón e Otero Pedrayo visitaban nestes días a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para participar nos “encontros inspiradores” que puñan peche á cuarta edición de Te lo cuentan las matemáticas, un proxecto do grupo de innovación docente MaReMa que busca espertar vocacións matemáticas entre o alumnado da primaria. Financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), o proxecto permitiu amosar a utilidade social e tecnolóxica das matemáticas a 800 estudantes de 16 colexios de Vigo e Pontevedra.

Fíxoo a través destes encontros con investigadoras e dunha serie de talleres, impartidos nos diferentes colexios por preto de 70 estudantes do Grao en Educación Primaria, que previamente se formaron no desenvolvemento de actividades que mostran as matemáticas como unha ciencia comprensible e atractiva. Ao mesmo tempo, o proxecto abrangueu tamén a formación de preto dun centenar de profesores e profesoras e complétase coa preparación dun libro que reunirá os recursos deseñados para sexto de primaria.

Promovido coa colaboración do Consello Social e da Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo, Te lo cuentan las matemáticas celebrou no campus os últimos encontros dirixidos a achegar a nenos e nenas de quinto e sexto de primaria as achegas de matemáticas de referencia e a traxectoria de investigadoras neste eido. Combinando a asistencia presencial dalgúns dos colexios participantes e o seguimento virtual por parte do resto, un destes encontros tivo como protagonista á investigadora da UVigo Ixchel D. Gutiérrez, quen abordou a figura de Maryan Mirzakhani. Esta actividade completaba o bloque de contidos Te lo cuentan los mapas, nos que, en dous talleres, as e os estudantes tiveron que buscar sobre un globo terráqueo o camiño máis curto entre Santiago de Compostela e Hong Kong e calcular a ruta máis curta entre dúas cidades. O outro encontro correu a cargo da matemática Andrea Villar, quen afondou na traxectoria de Florence Nightingale, despois de que as actividades de Te lo cuentan los datos levasen a nenos e nenas a realizar predicións que lles axudasen na elección de estratexias en xogos como o parchís e a empregar os datos na toma de decisións durante un partido de baloncesto.

“Os resultados desta edición foron moi satisfactorios para todos”, recoñece a profesora Marta Pérez, coordinadora dun proxecto que engloba tres bloques de actividades para os dous cursos participantes, nos que se insiren os encontros e dous talleres, un de tipo manipulativo e outro tecnolóxico, impartidos cada trimestre polo alumnado da facultade pontevedresa. “O proxecto xa non pode crecer máis”, recoñece Pérez, dunha iniciativa que rexistrou “o maior número de centros participantes” e que, a falta da resolución definitiva de concesión de axuda por parte da FECYT, celebrará o vindeiro curso a súa quinta edición.

Formación e recursos para docentes

Unha das novidades neste curso, lembra Pérez, foi que Te lo cuentan las matemáticas inseriuse no plan anual de formación do profesorado da Xunta de Galicia, desenvolvéndose dous cursos para docentes nos CFR de Pontevedra e Vigo, aos que se sumaron os talleres que o grupo MaReMa impartiu nunhas xornadas de innovación educativa da Sociedade Galega de Estatística e Investigación de Operacións. Sumados ao profesorado dos 16 colexios participantes, preto dun centenar de docentes puido formarse este curso na metodoloxía e materiais dun proxecto que busca “rachar coa percepción desta ciencia como algo desconectado da vida cotiá”.

Con obxectivo tamén de proporcionar ao persoal docente recursos para o ensino das matemáticas, outra das novidades foi a edición en galego dos diferentes recursos dispoñibles na web do proxecto. Así mesmo, o grupo MaReMa atópase “na fase de elaboración de contidos” dun libro que reunirá a información dos talleres e recursos didácticos dos tres bloques de contidos deseñados para sexto de primaria. Este volume dará continuidade ao libro Te lo cuentan las matemáticas, Te lo cuentan una espía, una astrónoma y una piloto, realizado por Pérez, Gutiérrez e Beatriz Álvarez, no que se presentan os contidos deseñados para quinto curso.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-06-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES