Notas de prensa

Persoal investigador de atlanTTic deseña ferramentas tecnolóxicas de detección temperá do deterioro cognitivo

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, celebrou nas últimas horas a xornada Intelixencia Artificial e detección temperá de doenzas neuropsiquiátricas en persoas maiores, na que se presentaron os resultados do proxecto de investigación Sapiens (Services & Applications for Healthy Ageing).

Financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, coordinado por atlanTTic e coa participación da Universidade de Santiago de Compostela, no proxecto tomaron parte 13 investigadores e investigadoras, que contaron coa colaboración de diversas asociacións e centros de maiores como Afaga (Asociación de Familiares y Enfermos de Alzhéimer y otras Demencias de Galicia), o Centro de día Parque Castrelos, o Centro Veciñal e Cultural de Valladares e o Coro Senior da UVigo.

Na apertura da xornada participaron Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo e Martín Llamas, director de atlanTTic e integrante do equipo de investigación do proxecto, que presentou ademais de Sapiens outras iniciativas que se están a levar a cabo no centro no ámbito da detección temperá de enfermidades, como Celia ou Visia.

Ferramentas dixitais con IA

Luis Anido Rifón, responsable do proxecto Sapiens, investigador de atlanTTic e catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, xunto ao persoal investigador do proxecto, Noelia Lago, Moisés Pacheco e Iván Otero, foron os encargados de presentar os principais avances e resultados acadados. Ao abeiro do proxecto deseñáronse varias ferramentas tecnolóxicas adestradas con Intelixencia Artificial (IA) e técnicas de Machine Learning, DigiMoca e DigiYesavage, asistentes conversacionais intelixentes tipo Alexa, cos que se realizaron estudos e cribados con persoas maiores e tests de validación da súa usabilidade cos propios usuarios. Unhas probas coas que se miden aspectos como a atención, a velocidade de resposta ou a memoria da persoa que interactúa coa ferramenta.

No acto de presentación dos resultados do proxecto, o equipo de Sapiens destacou a importancia da detección temperá de enfermidades neurodexenerativas como Alzhéimer e Párkinson ou outros trastornos como a depresión, para unha maior rapidez na intervención da enfermidade, así como unha eficacia do tratamento, que repercute enormemente na calidade de vida das e dos pacientes e reduce o impacto destas doenzas.

Retos das TIC e a detección temperá de deterioro cognitivo

A xornada incluíu unha mesa redonda na que participaron Iván Rarís, xerente do Clúster de Saúde de Galicia; Roberto González Novas, responsable de Innovación de DomusVi; César Bugallo, presidente de Fagal (Federación Alzhéimer Galicia); Carlos Spuch, neurocientífico do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e que moderou Martín Llamas. Os participantes na mesa abordaron os principais retos do uso da tecnoloxía e da detección temperá do deterioro cognitivo en persoas maiores, desde diferentes perspectivas, ademais da investigación, como a do ámbito clínico, a das persoas usuarias e das familias, ou a das entidades que ofrecen servizos tanto en residencias como domiciliarios.

Algúns dos retos que puxeron enriba da mesa os participantes na sesión foron a necesidade dunha estandarización no tratamento dos datos dos pacientes e a capacitación do persoal médico no emprego destas tecnoloxías, ao tempo que tamén destacaron a importancia dun proceso de co-creación destas ferramentas dixitais coas propias persoas usuarias.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-05-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES