
A cita, que conta por terceiro ano consecutivo conta co apoio do CINBIO, terá lugar os días 5 e 6 de xuño no edificio Miralles, e acollerá os relatorios de sete expertas e expertos de diferentes lugares do mundo, como Michigan, Amberes ou Liverpool, entre outros.
Liz-Marzán: "Os relatorios non se limitarán a presentacións científicas"
O centro deste debate será a actualidade da investigación arredor dos nanomateriais e as súas perspectivas de futuro. Unha das novidades deste ano, adianta Luis Liz-Marzán, é que os relatorios non se limitarán a presentacións científicas, senón que tamén se incluirán temas máis transversais como a carreira científica ou a transferencia de tecnoloxía e a creación de empresas de base tecnolóxica. Nesta terceira edición preténdese aumentar e mellorar a interacción das persoas relatoras co público asistente, e xerar así un formato distendido onde haxa unha maior confianza e participación por parte do persoal investigador máis novo, proporcionando un espazo para charlas informais, fóra das sesións propias dos relatorios, destaca o organizador desta iniciativa.
Nesta edición, conformarán o panel de relatores un total de sete expertos e expertas nos eidos da nanociencia, a nanomedicina e a nanoquímica: Nicholas Kotov (University of Michigan), quen tamen asitira á anterior edición do encontro, cando fora nomeado doutor honoris causa da Universidade de Vigo; Mónica Olvera de la Cruz (Northwestern University); Joerg Lahann (University of Michigan); Sara Bals (University of Antwerp); Mathias Brust (University of Liverpool); Thomas Hellweg (University of Bielefeld) e o propio Luis Liz-Marzán (CIC BiomaGUNE e CINBIO).
Concurso para promover a innovación
Outra das novidades deste ano é que o persoal investigador do CINBIO contará coa oportunidade de participar no evento a través do concurso Be innnovative, actividade que forma parte do Plan de acción en transferencia de resultados de investigación do propio centro, para fomentar o emprendemento. As persoas gañadoras presentarán os seus proxectos de investigación ou transferencia nos ámbitos dos nanomateriais e a biomedicina ao longo dos dous días que dura o encontro.
O evento está aberto a todas aquelas persoas que teñan inquedanzas científicas, subliña Liz-Marzán, quen engade que será unha oportunidade única para compartir experiencias e proxectos cun contacto directo e relaxado, aberto a conversacións e discusións sen as barreiras habituais dos congresos.
Para asistir a este encontro é necesaria inscrición previa a través da páxina web do CINBIO, onde tamén estará dispoñible o programa completo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.